Outra fotografía:

Tipo de ben: Vía/Estrada/Camiño histórico,
Concello: Ancares (comarca) / Cervantes
Parroquia: Vilarello (Santa María)
Lugar: O Comeal e outros
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Romana,
Descrición:

Na primavera do ano 137 a. C. chegaba ao temido Finisterrae a primeira expedición romana. Ás ordes de Decio Xuño Bruto, atravesou o mítico Lethes, o Limia, o río do Esquecemento. Para asegurar o control do novo territorio, no ano 19 a. C. comeza a construción dunha rede viaria que tiña como obxectivo asegurar o control militar e administrativo, ademais de facilitar a explotación mineira. As vías son un dos elementos máis importantes no proceso de romanización.
Un dos documentos máis importantes para coñecer o trazado das vías romanas é o Itinerarium provinciarium Antonini Augusti, coñecido como o Itinerario de Antonino ou de Antonio Augusto Caracalla, redactado, probablemente, entre os anos 196 e 217 e que chegou ata nós por medio de copias medievais dos séculos VII ao XV. Malia súa importancia, e sen entrar nas controversias que leva suscitado (autor, cronoloxía, trazados, situación das mansións, etc.), chaman a atención, como sinala Javier Gómez Vila, algunhas omisións como, por exemplo, que non sinale unha vía directa entre as capitais conventuais de Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusti (Astorga) e, pola contra, se deteña nalgúns camiños, en teoría, menos importantes.
O Itinerario recolle 372 vías terrestres repartidas polo Imperio, correspondendo 34 a Hispania e tres (a XVIII, XIX e XX) a Galicia. Segundo a información proporcionada polas inscricións dos miliarios na parte portuguesa, a Via XIX data do ano 11 d. C., sendo, polo tanto, a máis antiga das tres vías galegas, así como a máis longa, con 299 millas (uns 500 quilómetros).
A vía XIX, ou Item a Bracara Asturicam, unía as capitais dos tres conventos xurídicos fundados por Roma na Gallaecia, discorrendo por Bracara Augusti (Braga), Tude (Tui), Turoqua (Pontevedra?), Aquis Celenis (Caldas de Reis), Iria (Padrón), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusti (Astorga). A XX, ou per loca maritina (que de marítima ten pouco), composta con tramos doutras e articulada en época tardía, unía Braga e Astorga, bordeando o litoral atlántico e pasando por Brigantium e Lucus Augusti, sendo este o tramo mellor documentado.

Eiquí imos tratar da vía XIX ao seu paso pola comarca dos Ancares.
Procedente de Ruitelán (Uttaris), por riba da igrexa de Ransinde e A Braña (tres localidades do Bierzo), entraba en Galicia polo Comeal, en Cervantes, onde se conserva un espectacular agger catalogado pola Xunta de Galicia. Continuaba, a grandes trazos, por Xestoso, Vilarello do Río, Doiras, As Casas do Río, Vilanova, O Fabal (Castro da Pena Tallada), Santa Xusta, San Martín das Canadas, Estrada, As Pontes de Gatín (mansión de Ponte Neviae), A Borquería, Ouselle (mutatio de Vilarín), Cadoalla (xacemento romano do Enciñal), O Casar, Todón, A Lagúa, Ponte de Neira, A Condomiña (mansión de Timalinus) e Papín. Dende eiquí discorría polos concellos de Castroverde e O Corgo ata Lugo (Lucus Augusti).
Recentemente, aínda que o trazado da vía ata a entrada no Comeal ofrecía poucas dúbidas, arqueólogos galegos e leoneses, a raíz duns incendios acontecidos no ano 2018 na Braña (O Bierzo), documentaron un tramo espectacular de varios centos de metros, atopando, ademais, abundantes restos tegularios e cerámicos a carón da calzada.
Ao longo do traxecto polo concello de Cervantes existen abundantes castros, todos romanizados, e minas auríferas de época romana, todas catalogadas por Patrimonio.
No mes de maio de 2019, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Anpa do CPI de Cervantes, coa colaboración dos Concellos de Cervantes (Galicia) e Balboa e Veiga de Valcarce (O Bierzo), ademais da Deputación Provincial de Lugo, organizaron unhas xornadas adicadas a esta importantísima infraestrutura viaria (“I xornadas de Arqueoloxía e Historia de Ancares”).
Se ben o decurso da vía pola comarca dos Ancares foi sinalizado hai anos cunha serie de fitos, xa se confeccionaron varios paneis e novos sinais para poñela en valor e potenciala.

Foto 1: Agger do Comeal (Cervantes)
Foto 2: As Pontes de Gatín (Becerreá)


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Arias Vilas, F; Le Roux, P; Tranoy, A. (1979): Inscriptions romaines de la province de Lugo.

Ferreira Priegue, E. (1988): Los caminos medievales de Galicia.

Menéndez Blanco, A., González Álvarez, D. e Costa García, J.M. (2015): A Serra da Casiña (Valboa, León: un campamento romano en las montañas bercianas.

Moreno Gallo, I. (2006): Nuevos elementos de Ingeniería Romana.

Rodríguez Colmenero, A; Ferrer Sierra, S; Álvarez Asorey, R. (2005): Miliarios e outras inscricións viarias do Noroeste Peninsular (conventos Bracarense, Lucense e Asturicen-se).

Rodríguez Colmenero, A. e Álvarez Asorey, R.D. (2008): Via romana XIX: unha viaxe dende Lugo aos Ancares, seguindo as pegadas de Roma.

Colectivo Patrimonio dos Ancares: http://arqueoancares.blogspot.com/2011/01/as-vias-xix-xx-polos-ancares.html


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra:
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.7853841153
Lonxitude: -6.98320426315
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84