Outra fotografía:

Tipo de ben: Monumento megalítico (túmulo, dolmen, pedrafita...),
Concello: Negueira de Muñiz
Parroquia: Barcela (San Miguel)
Lugar: O Foxo
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Neolítico,
Descrición:

O día 26 de outubro de 2019, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos unha mámoa non catalogada no concello de Negueira de Muñiz. Foi no monte Teso do Espiñeiro, entre as aldeas do Foxo e Vilar, a 650 metros de altitude, a carón dun antigo camiño que comunicaba Vilar con Castelo. Situada nun terreo con vexetación de monte baixo (xestas), ten uns 20 metros de diámetro e unha altura de 1,70 metros. O que nos chamou poderosamente a atención foi unha estrutura circular feita con pedras de lousa de bo tamaño, duns dous metros de diámetro e dun metro escaso de altura, que ocupa a parte central do túmulo. Estamos afeitos a ver mámoas reutilizadas para chantar marcos, vértices xeodésicos, etc., pero nunca cunha especie de chozo construído no cráter de violación do enterramento. Nós tiñamos coñecemento da existencia dunha posible mámoa na zona dende facía anos.
O noso informante fora un home de Ouviaño que acostumaba ir á importante feira que se celebraba en Barcela antes de que esta aldea fora tragada polo encoro de Salime a finais dos anos cincoenta do pasado século, cuxos habitantes foron “reubicados” forzosamente na Terra Chá. O home contáranos que de neno escoitara dicir a un de Vilauxín que debaixo da medorra estaba o Pozo Negro, e o pozo tiña un encantamento. Del saía unha voz que chamaba a persoas e animais, e cando se achegaban eran engulidos nas súas profundidades, non volvendo a aparecer nunca xamais. Os veciños, entón, decidiron facer un alto muro arredor del para, aínda que oíran a voz, ninguén volvera caer dentro. De todos xeitos, tamén nos dixo que outros aseguraban que os muros eran os restos dunha pequena torre de vixiancia para controlar o camiño que ía cara a aldea de Castelo, a menos de 1,5 quilómetros en liña recta, onde puído existir unha fortaleza medieval.
Á parte as lendas, nós cremos que esta estrutura circular construída sobre a mámoa son os restos dun chozo onde se recollían os pastores. Secularmente, estes montes foron utilizados como lugar de pastoreo para as cabras. De feito, o sitio onde se atopa chámase O Couso, topónimo que, aínda que adoita facer alusión a un depósito de pedra onde se gardan os cereais ou a un foxo para cazar feras selvaxes, tamén se identifica cunha arca ou ucha, nome polo que son coñecidos os dólmenes prehistóricos; o couso ou foxo tamén pode facer alusión ao burato ou cráter de violación do enterramento.
O achado foi comunicado ao Servizo de Xestión en Lugo para a súa catalogación.


Fotogrametría:

Propiedade: Comunal
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Non está inventariado
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Mámoas de Galicia (Provincia de Lugo): http://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.1367121275
Lonxitude: -6.8703125618
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84