Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Guitiriz
Parroquia: Os Vilares (San Vicenzo)
Lugar: As Reixas
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval, Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

A advocación da parroquia é na honra de San Vicenzo e xa tiña curato no século X. A súa Igrexa Parroquial, situada na praza do Campo da Festa nas Reixas, dependente primeiro de Monfero e máis tarde de Mondoñedo, orixinouse como unha pequena capela no século XII, pero despois de sucesivas transformacións ao longo do tempo, converteuse na igrexa que é hoxe, un templo de planta de cruz latina e nave rectangular, construída en cantería de granito con cuberta de lousa, e presenta un pórtico pequeno pegado ao lateral dereito da nave.

A fachada principal do século XVIII, mostra unha fornela con imaxe. Está coroada por unha espadana dun só corpo e dous vans, con escaleira exterior de acceso pegada ao muro esquerdo da nave.

No interior, pódense ver unhas pinturas murais descubertas no ano 1991 (cando levaron a cabo unhas obras). Tamén sobresaen catro retábulos neoclásicos e un barroco con tallas dos séculos XVII e XVIII.
Trátanse dunhas pinturas de estilo gótico hispano flamenco datadas a mediados do século XVI. Fronte á parede da entrada, represéntanse tres escenas: “A lamentación do Cristo Morto”, “Santiago Matamoros” e “A imposición de Casulla a San Ildefonso”, unha peza única en Galicia. Doutra banda, no muro á dereita da entrada, podemos contemplar pinturas con elementos xeométricos e paisaxes, comúns en todas as pinturas ao fresco en Galicia. Segundo a restauradora Uxía Aguiar, estes frescos poden ser obra de dous autores, o Mestre de Parga e o mestre autor da chamada Capela Sixtina galega de SANTA MARÍA DE NOGUEIRA DE MIÑO.

O Adro cercado con baixo muro de pedra granítica, tamén acolle importante valor patrimonial como: un cruceiro; dúas fermosas pías bautismais ;e por último, un sartego antropomorfo.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta: RI.000018052
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta
Elementos mobles:
Tradición oral:

Conta a lenda que: “En San Vicenzo dos Vilares vivía unha muller máis ruín cá fame, máis mala cá peste. Dise que tiña barba coma os homes e que ameigaba xente e gando ata matalos. Cando morreu nin un só dos seus veciños chorou por ela, nin ao enterro lle foron, nin unha misa lle deron. Morta e ben morta debera levar xa moito tempo aquela malvada. O peor é que a vella non morreu, ou polo menos non o fixo de todo. Desde aquela a súa ánima anda en coiros por entre as casas da parroquia e á media noite, ponse a ladrar tal que unha cadela adoecida. Hai quen asegura que ese é o castigo que lle corresponde polos pecados cometidos pero tamén hai quen pensa, se cadra con máis tino, que a vella segue facendo das súas e que os realmente castigados son os seus veciños que teñen que aturar ver o seu espectro espido e peludo mentres ladra quen sabe que fatídicas maldicións”.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://inventariopatrimoniocultural.xunta.es/

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/5345/igrexa-parroquial-de-san-vicenzo-dos-vilares?langId=es_ES&tp=8&ctre=31

Frescos de la iglesia de Os Vilares

https://www.concellodeguitiriz.com/es/content/os-vilares-san-vicenzo

https://www.nosdiario.gal/opinion/anton-tenreiro/pinturas-ao-fresco-unicas-galicia/20190416105220078215.html

https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=15&id=2642


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

A humidade e o paso do tempo degradaron os importantes frescos situados en dúas das paredes máis antigas do templo, ata o punto, de chegar a temer pola súa desaparición definitiva, feito que provocou a súa inclusión pola súa importancia e pésima conservación, nas listas vermellas do patrimonio na Galiza e no Estado.


Onde está localizado

Latitude: 43.239949
Lonxitude: -7.85814
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84