
Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Cesuras / Oza dos Ríos
Parroquia: Bandoxa (San Martiño)
Lugar: Bandoxa
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Altomedieval, Época Baixomedieval, Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:
Igrexa parroquial de orixe románica, de planta rectangular cunha soa nave, ábsida irregular e sancristía na parte posterior. Da fábrica románica pouco chegou ata o día de hoxe, o arco de acceso ó presbiterio, parte do lenzo norte da nave e algúns elementos da antiga portada occidental. O resto da igrexa está reformada. O arco triunfal ten forma apuntada, dobrado e de sección rectangular. Apóiase sobre dúas semicolumnas adousadas moi esbeltas, aínda que con unha lixeira inclinación cara o interior, situadas sobre dados que sobresaen pouco do nivel actual do chan. As basas áticas presentan follas.
No exterior, no muro norte da nave distínguense claramente a fiada de sillares a partir da que se produce un cambio e está reconstruido o muro. Presenta catro contrafortes prismáticos que non alcanzan o aleiro, aínda que sobrepasan o nivel do paramento antigo: un en cada extremo e os dous restantes, menos grosos, encóntranse cara o centro. Entre eles asoman dúas pezas como as que se utilizaban para soster un pórtico de madeira. Cabe a posibilidade de que neste lado da nave houbese unha pequena porta, aínda que as reformas sufridas no edificio borraron todo vestixio da mesma. Cara ós pés da nave asoma unha seteira co remate modificado, pois é alintelada.
A fachada principal segue un esquema pentagonal e no eixo vertical central, organízase de abaixo arriba, mediante a porta pricipal de arco de medio punto con dúas arquivoltas semicirculares que descansan directamente nas xambas, das que están separadas por impostas de nacela erosionadas. A interior está decorada cuns boceis e medias canas, mentres ca maior ten decoración axedrezada un tanto desgastada. A decoración axedrezada popularizouse na Galiza durante o século XII, e chegou a ser un motivo ornamental habitual, especialmente nos a finais deste século.
Sobre o ingreso vai unha xanela rectangular abucinada e rompendo o vértice do pentágono, unha base para unha espadana de dous corpos. O primeiro corpo está formado por dous arcos de medio punto que descansan sobre piares moldurados e que serven pra aloxa-las dúas campás. O segundo corpo un frontón triangular curvo cun oco circular franqueado por dous pináculos piramidais e rematado por un pináculo con bóla e unha cruz de forxa.
Como noutras igrexas do rural galego, o cemiterio aparece dentro do recinto do adro, formando un conxunto onde conviven a parroquia dos mortos e a parroquia dos vivos.
Fotogrametría:
Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
A parroquia de San Martiño de Bandoxa atópase situada no concellode Oza-Cesuras. No ano 830 mencionáse nun documento da igrexa de Iria, e consta como igrexa monástica en tempos de Bermudo II (982-999). Díse que en orixe foi unha capela en honra de San Martiño fundada por un ermitaño e outras persoas que se lle uniron, quenes a levantaron para lembrar así un cenobio que houbo alí en tempos do Dumiense. Despois de ser abandonado, foi restaurado como mosteiro dúplice en 1118 polo presbítero Romano Rodríguez e a súa irmá Gudigeva quenes, entre 1152 e 1155, entregaronllelo a Martín Peláez como abade. O couto de Bandoxa foi propiedade da mitra compostelana, tal e como se desprende dos diplomas de Alfonso IX -datado na Coruña o 15 de abril de 1218-, e de Fernando III -en Santiago, 29 de febreiro de 1232-, nos que se prohibe entrar nese territorio a ningún “Ricohome”. Ó ano seguinte, en 1233, o arcediano don Juan Cresconio asina co cabaleiro Froila Sueiro un contrato polo que éste se comprometía a adquirir terras suficientes para constituir tres servicialías para ser poboadas; a cambio, recibiu a metade dos coutos de San Xurxo de Iñás (Oleiros) e de Bandoxa, ademais da cuarta parte desta igrexa.
En 1286, por un privilegio de Sancho IV á cidade de Betanzos, os moradores do couto de Bandoxa debían comparecer ante os xuíces e alcaldes desa cidade, e non ante o xuiz real que actuaba nesas terras.
En 1345, o arcebispo de Santiago e o cabido cambiaron varios coutos, entre eles o de Bandoxa, que pasou a ser propiedade do prelado.
A finais do século XV, este couto foi incorporado o maiorazgo que María das Mariñas fundou para o seu fillo, o conde Fernando de Andrade, e posteriormente recaeu na casa de Lemos, que o tivo en posesión ata a desamortización señorial.
A principios do século XVII a presentación desta igrexa era dos herdeiros de don Alonso de Quiñones, ó igual ca da veciña igrexa de Santiago de Reboredo, da que xa era matriz.
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
– CARRILLO LISTA, M.P.: “Arte románico en el golfo Ártabro y el oriente coruñés”. Tesis Doctoral. Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de xeografía e historia. Departamento da historia da arte, 2005.
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/OZADOSRIOS/documents/0299CA002.PDF (Páx.1).
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 43.206282283447Lonxitude: -8.1439832757061
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84