Outra fotografía:

Tipo de ben: Cruceiro,
Concello: Monterroso
Parroquia: Fente (San Martiño)
Lugar: Fente
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

No camiño de subida á igrexa parroquial, preto da mesma, atópase un magnífico cruceiro que polas súas características podería encadrarse no século XVII.

Presenta plataforma de tres chanzos de granito de xenerosas dimensións, a inferior parcialmente soterrada debido a pendente do terreo. Conta con mesa de altar engadida en 1907, cun custo de 15 pesetas (por facer unha mesa xunto ao cruceiro para a exposición do Corpus en Fente). Carece de base.

O Fuste monolítico é de sección cuadrangular no extremo inferior, coas arestas rebaixadas no resto, coroándose co capitel tallado na mesma peza. Este de gran desenvolvemento, coas catro caras decoradas con escenas alusivas a Paixón de Cristo. Así, no anverso a efixie frontal de Cristo de pé, cos brazos entrecruzados en aspa, como tamén parece a disposición das pernas, flanqueado por dúas figuras vestidas con túnicas, os sicarios que o azoutan, golpean e ameazan.

No reverso Cristo coa cruz ao lombo, seguindo ao evanxelista San Xoan, que a diferenza do que sucede cos outros evanxelistas, descoñece a Simón de Cirene, sendo el só, quen a leve ata o final.

Na parte superior vai flanqueada a figura, por un rostro con halo e a caveira sobre as tibias entrecruzadas en aspa. Tratarase sen dúbida da representación da Virxe ou da Santa Verónica, poñéndose en relación coa posta en escena dos teatros dos Misterios.

Nos extremos laterais, dúas superficies con figuras que parecen humanas, con botas, en actitude de camiñar, mirando una á esquerda, a outra á dereita, pero con rostros animais ou monstruosos, un deles case leonino, son cabezas de cans, que parecen botar unhas longas linguas fóra, como trompetas ou cornos. Trátase dunha parella de cinocéfalos, monstros semihumanos, caracterizados por ter corpo humano con cabeza de can.

A Cruz latina é de sección cuadrangular, coas arestas marcadas por junquillos, con terminacións lobuladas das que sobresae no centro un florón ou botón cónico. No anverso, un crucificado de tres cravos, curto faldellín e disposición ríxida, de brazos horizontais e cabeza lixeiramente ladeada, coa cartela de INRI disposta verticalmente.

No reverso un Cristo servindo de efixie no centro da cruz, cos seus brazos entrecruzados en aspa, por tanto morto, coa cartela de INRI en posición vertical e con dous anxeliños na súa dirección, dispostos nos brazos transversais.

No lateral esquerdo do brazo vertical, unha pequeniña figura humana de rostro moi basto leva unha macheta, ou seica unha gadafia, a Morte. Como personificación da fin da existencia humana complementa moi ben o resto de figuras, aínda que puidese parecer forzada a súa aparición.

No outro lado, unha figura co que podería ser un báculo e mitra, sen dúbida o patrón da parroquia, San Martiño. Aínda que non é a iconografía máis frecuente, a San Martiño como bispo de Tours, represéntaselle dignificado con estes elementos, contando cunha popularidade moi elevada, sinalando durante moito tempo a data da a súa celebración, o 11 de novembro, ao comezo do inverno.

A decoración que se atopa nos brazos horizontais da cruz, pola parte inferior, consiste en instrumentos da paixón, como as tenaces e a macheta, o que podería ser a figura dun león e noutro a figura dun carneiro ou un anxo. No brazo vertical unha escaleira e unha espada. A diferenza do que adoita ser habitual, estes elementos dispóñense envolvendo a cruz, en lugar de ocupar o varal do cruceiro, como se pode apreciar en moitos exemplos do concello de Castro de Rei e Outeiro de Rei, entre outros.

Sen dúbida este complexo programa iconográfico e simbólico estaría baseado en gravados que, ou ben circulaban na época ou se extraían de fontes relixiosas, como biblias e breviarios, que o párroco de turno sinalaría ao canteiro que labraba este espléndido conxunto.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM) Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

ENLACES WEB:
NNSS Concello de Monterroso (Pax. 4 do PDF):
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/MONTERROSO/documents/0619CA001.PDF

http://inventariopatrimoniocultural.xunta.es/

http://www.museolugo.org/revistas/artigos/Cruceiros%20Monterroso.pdf (Pax. 6-7 do PDF)

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2019/10/san-martino-de-fente-monterroso.html#ANCLA3


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.76154
Lonxitude: -7.82914
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84