Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Castroverde
Parroquia: Santo Estevo de Furís
Lugar: Furís de Arriba / A Eirexe
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

Igrexa parroquial que foi matriz das de Santiago de Miranda, San Cosme de Barreiros, Santiago de Masoucos e Santa María da Freiría, con curato de entrada e padroado leigo. O templo ocupa un lugar sobranceiro no núcleo de Furís de Arriba, con adro e cemiterio arredor. É amplo, renacentista (séculos XVI-XVII). Ten dúas naves e un espazoso rocho ao longo de todo o lateral norte. Tres arcos sobre piares separan as dúas naves. A nave principal leva un arco faixón á altura do primeiro piar para apoio da cuberta. A nave lateral protéxese con outro arco faixón á altura do segundo piar. Fronte con boa cantaría de granito e tres portas alinteladas. Espadana de dous corpos, dúas troneiras no inferior e unha no superior, con abundante decoración barroca. Presbiterio na mesma liña da nave principal, pero máis elevado e cuberto a catro augas, ceo raso de barrotiño lucido. Arco triunfal de medio punto. Sancristía na parte posterior, máis baixa e reducida, a tres augas. A porta da nave principal está protexida por un amplo pórtico ou adral de planta cadrada, sobre columnas monolíticas que levan unha base corrida de granito, cuxa parte interior adaptouse para asento.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

Altar maior con retablo neoclásico, sinxelo. Imaxes de feitío popular: Virxe do Rosario, patroa; Santo Estevo, titular da parroquia; Santo Anxo da Garda. Tres medallóns con pinturas no corpo superior. Outras imaxes: Santo Cristo crucificado, no lado do Evanxeo. Virxes Milagrosa e do Carme, e un San Xosé co Neno no altar da nave lateral. Nunha desafortunada intervención na que se pavimentou o interior con terrazo, foi desmontado o púlpito situado no lateral do Evanxeo, que tiña fuste e peaña de granito. Tamén foi destruída daquela a tribuna ou coro alto de madeira situada por riba da porta de entrada e desapareceu un viacrucis tamén de madeira. Pía bautismal de granito cadrada con ángulos cortados.


Tradición oral:

A festa patronal adoitábase celebrar ata hai algúns anos o primeiro domingo de outubro e tradicionalmente continuaba o día seguinte, chamado “luns da festa”. A celebración relixiosa do día inclúe unha misa e a posterior procesión polo adro, rodeando a igrexa.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Muñiz Besteiro, Manuel. Itinerarios polo concello de Castroverde. Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, 2011

Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de Castroverde, 2008
https://siotuga.xunta.gal/siotuga/documentos/urbanismo/CASTROVERDE/documents/26345CA005.pdf (pax 3 do pdf)

Valiña Sampedro, Elías. “Furís” en: VVAA. Inventario Artístico de Lugo y su Provincia. Tomo III. Madrid: Servicio de Publicaciones del Ministerio de Educación y Ciencia, 1975


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.970947249596
Lonxitude: -7.2798451781273
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84