
Outra fotografía:

Tipo de ben: Cruceiro,
Concello: Maceda
Parroquia: Tioira (Santa María)
Lugar: Tioira
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:
Cruceiro de tipo “De Crucifixo” con plataforma cuadrangular de catro chanzos; ó último con voo e coa seguinte inscrición: “ARQVITECTO ESTEBAN GÓMEZ / ANO 1769”. O pedestal cuadrangular rematado cun bocel e mediacana. Na parte do reverso, ten un oco para un peto coa portela xa desaparecida. Enriba deste, lábrase un purgatorio mediante dúas pequenas ánimas orantes. No resto das caras ten unha variada ornamentación de símbolos alusivos a Paixón inscritos en marcos vexetais, enriquecendo unha superficie do resto das caras. Tamén ten unha inscrición “DVC DE JV / AN BERMVDEZ I S / V MVGER ROSA / DE OTERO SE OBRE” (A devoción de Juan Bermúdez e a súa muller Rosa Otero se obre). O varal é cuadrangular no seu primeiro terzo pra ser octogonal no resto. Pola parte do anverso, na parte cuadrangular, arranca coa figura de Adán e Eva sobre pedestal. Máis arriba, en ambos lados, sitúanse as figuras de San Antón e San Roque sobre pedestais. O capitel de tipo corintio, coas follas de acanto, caras de anxo e ábaco de lados curvos e vértices achafranados. A súa cruz é circular, leñosa con nós. Polo anverso presenta a Cristo Crucificado con tres cravos, mans abertas e pé dereito sobre o esquerdo. Inclina a cabeza cara á dereita cunha coroa de espiñas e un pergamiño coas siglas INRI. O seu pano de pureza vai suxeito cunha corda. Debaixo dos pés de Cristo sitúase unha caveira. No reverso da cruz fica a coronación da Virxe do Socorro. Dous anxos sostendo unha coroa por enriba da cabeza da Virxe, sostendo esta ao Neno no brazo esquerdo e un pao na man dereita. O cruceiro é todo de granito cun estado de conservación bo a regular.
Fotogrametría:
Propiedade: Pública
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM) Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
http://siotuga.xunta.gal/siotuga/documentos/urbanismo/MACEDA/documents/0449CA001.PDF (Páx. 4).
http://siotuga.xunta.gal/siotuga/documentos/urbanismo/MACEDA/documents/0449CA009.PDF (Páx. 9).
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.262231261359Lonxitude: -7.61524066329
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
1 comentario
Oscar Franco says:
Nov 11, 2021
Nesta mesma web podemos ler as seguintes informacións sobre a inscrición do cruceiro:
“Baixo os motivos está gravada unha dedicatoria expresada en dúas liñas, mostrando na primeira a “DEVOCIÓN DE JUAN BERMUDEZ I SU MUGER ROSA DE OTERO”, detalle que refire o dedicante que o custeou, un matrimonio que se salvou de afogarse no s. XVIII, pero segundo o Catastro de Ensenada de 1752, que lista os veciños da parroquia de Tioira, nel non figuran tales nomes”.
“Foi unha ofrenda da familia Parente, para parar as inundacións do río Arnoia”.
Engado tamén as seguintes referencias bibliográficas:
BARRIOCANAL LÓPEZ, Yolanda. (1985). Arte popular. Los petos de ánimas. Boletín Avriense, 3. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ, Estanislao. (1998). Esmoleiros e petos de ánimas da provincia de Ourense. IR INDO.
RIVAS QUINTAS, Eligio (2008). La ruta de la Arnoya. Abeleda Edicións.
Os cruceiros e petos de ánimas de máis de 100 anos están protexidos polo Decreto 571/1963, de 14 de marzo, “sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico”; ademais, teñen a consideración de Bens de Interese Cultural (BIC) segundo o establecido na disposición adicional segunda da Lei 16/85 de 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español.
Asi mesmo o recoñece e garante a Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, no que hórreos, cruceiros e petos de ánimas, “son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para ese tipo de bens nesta lei, sen necesidade da tramitación previa do procedemento previsto no seu título I, os hórreos, os cruceiros e os petos de ánimas dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901.
Os hórreos, cruceiros e petos de ánimas cuxa antigüidade non poida ser determinada ou que fosen construídos con posterioridade á data sinalada anteriormente poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados cando se lles recoñeza un especial valor cultural, principalmente etnolóxico”.
ENLACES DE TIPO LEGAL
http://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-1963-6523
https://www.boe.es/buscar/act.php?id=BOE-A-1985-12534
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160516/AnuncioC3B0-110516-0001_gl.html