Outra fotografía:

Tipo de ben: Ermida, Paisaxe histórica/cultural, Paisaxe natural,
Concello: Terra de Soneira (comarca) / Vimianzo
Parroquia: Bamiro( San Amedio)
Lugar: Montetorán
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

O santuario da Nosa Señora de Montetorán é un dos tantos que hai por toda Galicia no alto do cume dun monte ou dun outeiro. Por seren considerados un lugar satánico e maldito, normalmente se sacralizan coa construción dunha pequena ermida.

Nosa Señora de Montetorán foi construída no século XVIII, coas características propias deste estilo: un presbiterio cadrangular, con teito ó centro e unha pequena nave rectangular de menor altura có presbiterio. Esta última é a parte máis antiga da capela, datable na primeira metade do XVIII. Esta vai cuberta por unha sinxela bóveda de cruzaría nervada, sobre mensuliñas. A nave vai cuberta cunha bóveda de canón, reforzada por dous arcos faixóns volteados sobre ménsulas. A capela maior comunícase coa nave a través dun arco triunfal de medio punto volteado sobre pilastras adosadas.

No exterior, o presbiterio cóbrese cun tellado a catro augas e a nave a dúas vertentes (a do lado sur alóngase para cubrir o pórtico lateral dese lado). As paredes están formadas de bloques graníticos de corte moi irregular. As xuntas cintáronse e caleáronse.

A fachada é de cantería con pezas de corte irregular pero dispostas simétricamente ó redor dun eixe central vertical imaxinario. Neste eixe superpóñense a porta de entrada, un fornelo rematada en medio punto que acolle unha imaxe da Piedade sobre unha vieira, e a espadaña, dun só corpo de dous machóns onde se sitúa unha campá protexida por unha reixa de ferro.

O lugar máxico onde se encrava esta ermida, rodeada por unha carballeira e por grandes laxes graníticas, fai que sexa un lugar de peregrinaxe e rituais de cura de doenzas, explicadas abaixo.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:

A esta ermida acoden os enfermos da cabeza, tolos e ata enmeigados para curárense dos seus males: “A Montetorán, tódolos tolos van“.

En maio, no día da súa romaxe, os peregrinos chegados de toda a comarca deixan os seus exvotos de cera no santuario e pagan a esmola por lles “baixaren a santa”. Antes ou despois de subiren á ermida, os enfermos lavan os seus membros doridos na fonte santa, situada ó pé do outeiro, e alí deixan os panos mollados secar ó sol nunhas silveiras.

Tamén contan que os grandes penedos que coroan o alto de Montetorán foron levados ata alí por unha muller ou a Virxe cun neno no colo fiando nunha roca. Unha lenda que nos lembra á explicación mitolóxica de como se levantaron as antas ou “pedras das mouras”.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

LEMA SUÁREZ, X. Mª e outros: «Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte». Xerais, Vigo 2010.

LEMA SUÁREZ, X. Mª: «A arte relixiosa na Terra de Soneira». Coordenadas/Neria/U.dos V., Santiago 1998.


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.14496484972419
Lonxitude: -8.96910309791565
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84