Outra fotografía:

Tipo de ben: Castelo,
Concello: Calvos de Randín / Limia (comarca)
Parroquia: San Xoán de Randín
Lugar: Outeiro da Piconha
Outra denominación do ben: Castelo da Almena
Cronoloxía: Época Altomedieval, Época Baixomedieval,
Descrición:

O castelo roqueiro da Piconha/Picoña ou da Almena está situado a 932 metros de altitude, sobre o rego da Gralleira ou Casares, dominando o curso alto do río Salas por onde discorre o Camiño Privilexiado que une Randín (Galicia) con Tourem (Portugal), un privilexio fiscal que permitía, entre outros, atravesar a ruta con calquera tipo de mercadoría sen ser molestado polas autoridades, fosen portuguesas ou españolas. A fortaleza foi construída para o control e defensa da fronteira co Reino de Galicia, xunto coas do Portelo, Montalegre, Monforte de Rio Livre e Chaves, no mesmo contexto que outras fortalezas da parte galega.

Segundo Soares de Azevedo mandouno edificar Alfonso III (852-910). No 1187, Sancho I de Portugal (1154-1211) outórgalle Carta Foral a San Paio da Piconha. No 1221 foi arrasado polas tropas do rei galego Alfonso IX. No ano 1388, Joao I de Portugal (1357-1433) reconstrúeo, sendo reparado no século XV por Manuel I (1469-1521). No 1538 só habitaba nel o alcaide, cedéndose no 1542 ao duque de Bragança. A fin da praza dátase no 1650, no contexto da Guerra da Restauración Portuguesa (1640-1668) en que foi derruído polas tropas castelás. No ano 1788, o oidor da Comarca, Miguel Pereira Barros, visitou o emprazamento, escribindo “… nao achei nem castelo, nem mais vestigios do que un poço com degraus (escalóns), e menos achei casas algumas”. As Terras da Piconha, xunto coas do Couto Mixto/Misto, deixarían de pertencer definitivamente a Portugal o 29 de setembro de 1864, tras a sinatura do Tratado de Lisboa que definiu a fronteira actual. 
Presenta un perímetro de 128 metros, daptándose á abrupta orografía do terreo. Ao castelo accedíase por un camiño escavado en parte na rocha viva. 
As marcas na rocha permiten descifrar a configuración do castelo: porta, murallas a diferentes alturas, patio de armas, escaleiras escavadas na rocha e, situada no centro, a torre da homenaxe de planta pentagonal (escribiu Duarte de Armas: “Esta torre da menagem é fondada sobre penedos e tem dois vaos, e é coberta de palha…”). Xunto esta, na parte máis alta, escavouse un alxibe con capacidade para máis de 5.000 litros cuxas paredes foron recebadas con morteiro para conservar limpas as augas.

No ano 2020 apareceron varios obxectos, entre outros unhas puntas de bésta de ferro dunha arma evolución do arco moi estendida no século XVI, con sona de mortífera, capaz de atravesar as armaduras dos soldados. Vense abundantes anacos de tella e cerámicos. Nas penas vense pías naturais e artificiais, coviñas, unha bésta, xogos de alquerque, unha cruz con tres traveseiros (tamén aparece nalgúns marcos do Couto Mixto) e xunto dela un símbolo de difícil interpretación no que algúns cren que podería corresponder a algún dos alcaides, unha estrela pentagonal e sobre ela unha epígrafe da que só se le con máis ou menos claridade a palabra “castro” e outras gravuras de distinta natureza.

Non moi lonxe atópase a aldea de Randín que estaba defendida por unha torre cuxa pegada aínda se conserva na toponimia. No Livro das fortalezas (1509-1510) de Duarte de Armas vense dous debuxos das fortalezas da Piconha e de Randín, nun deles esta última aparece cunha gran fenda.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta: GA32016029
Categoría do Ben: Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

proxectopiconha.wordpress.com

onosopatrimonio.blogspot.com


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 41.893332865411
Lonxitude: -7.8651809692383
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84