Outra fotografía:
Tipo de ben: Ermida,
Concello: Aranga
Parroquia: Feás (San Pedro)
Lugar: Flores
Outra denominación do ben: Ermida de Flores
Cronoloxía: Época Altomedieval,
Descrición:
Ermida de estilo gótico, de mediados do s.XV, en estado de total de abandono, situado sobre o que foi o Castro de Flores, a estructura atópase sen cubrición e algunha das partes en perigo de derrumbe. A igrexa, de nave é ábside rectangular, tiña cuberta de madeira e tellado a dúas augas. No interior consérvase aínda o arco triunfal apuntado, sustentado por dúas semicolumnas de fuste curto, con basas e capiteis con decoración de traza románica. Un con decoración arquitectónica representa uns arcos e o outro un ser híbrido con dúas cabezas humanas e corpo que semella de animal. Este último atopámolo nun dos capiteis que conforman a arquivolta da porta principal do mosteiro de Cis. Estas semellanzas axúdannos a datar estes elementos que serían probablemente góticos, da primeira mitade do século XV. Chama tamén a atención, visto dende o interior, a porta lateral que aparece tapiada con arco de medio punto. Os elementos arquitectónicos restantes que aínda se conservan do edificio deberanse a reformas posteriores, como sucede coa maioría das igrexas rurais da comarca, a finais do S. XVIII ou principios do S. XIX. Por desgracia algúns elementos que conformaban o edificio foron recollidos principalmente por particulares, así aconteceu cunha cruz antefixa, unha pía de auga bendita, a campá e outras pedras que estaban na sancristía, que as levaron ó pouco tempo de caer o tellado. O interior desta ermida estaba prácticamente toda decorada con pinturas, probablemente do século XVI, como noutras igrexas desta zona como Cuiña, San Pedro de Oza, Coirós, Cis, Pontellas ou Santa María de Ois. Actualmente consérvase moi nidiamente a figura dun santo que leva por unha cadea un animal que semella unha pantera, pero a súa autenticidade é bastante dubidosa
Fotogrametría:
Propiedade: Descoñecida
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
.
Tradición oral:
Este poboamento castrexo influíu para que actualmente se conserven abundantes lendas sobre este lugar: “Había unha cova que ía ata o pozo da moura e tiña unha viga de ouro”. “O rei mouro que vivía alí sentábase na parte máis alta do castro”. “Por alí hai un túnel que vai desde a ermida ata o río, polo que levaban os cabalos a beber. Os que fixeron este túnel disque foron os mouros”. Esta mesma variante contáronnola varias veces, pero dicían que os autores do túnel foran os romanos e os celtas. “Alí había trincheiras dos mouros dos tempos das guerras”. “Na Caropa estaba a entrada duna cova na que vivía unha raiña” As lendas dise que teñen algo de realidade, e esto debérono pensar algúns vecinos nos anos trinta, que fixeron unha escavación no lugar da Caropa, nun sitio que lles parecía a entrada duna cova. A cova en efecto estaba alí, pero en lugar de tesouros e a habitación duna fermosa raiña, atopáronse unicamente con ladrillos, eso si, bastantes grandes. Unha das testimuñas presenciais da excavación relátanos o que atoparon: “Era unha cova na que o corredor era máis largo que ancho e os ladrillos que se atoparon medían aproximadamente cincuenta centímetros de largo e eran moi grosos. Quedaron espallados (tirados) polo chan e a senté foinos levando pouco a pouco. Non recordo que houbese bóvedas nin columnas”. Podería tratarse con seguridade dun forno romano, o tamaño das posibles tégulas así no lo fan pensar. Actualmente alí non queda ni rastro
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
Os datos aquí espostos sobre Feás foron extraídos da Revista AS CATRO ALDEAS, Nº 13. Xaneiro 2001. Fillos de Ois-Coirós
https://santiaranga.wordpress.com/feas/
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Malo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Esténdese cada vez máis a posibilidade de demolición polo perigo de derrube
Onde está localizado
Latitude: 43.2426822717Lonxitude: -8.09395730496
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
2 comentarios
elixiovieites says:
Set 30, 2012
A catalogadora Meiga dinos deste Ben :
Os muros son de cadeirado de granito. A porta de acceso é composta: alintelada e rectangular polo exterior e con arco de medio punto no interior. Na parte esquerda da fachada hai unha espadana conformada por dúas pequenas columnas de sección cadrada, con capiteis moldurados que soportan un arco trasdosado con seis bólas.
No interior da capela destaca o arco triunfal apuntado. Está sustentado por dúas semicolumnas cilíndricas de fuste curto, con basas e capiteis con decoración de traza románica. O capitel dereito presenta tres vaciados de forma oval a xeito de sogueado. O capitel esquerdo amosa figuras antropomórficas e zoomórficas que quizais representen un dragón, e un soagueado por debaixo.
A semellanza co atopado no mosteiro de Cis fai pensar que estos elementos sexan góticos, da primeira mitade do século XV. Hai autores que sosteñen a hipótese de que o arco apuntado non é gótico senón visigótico, baseándose en que a capela xa aparece nomeada no Tumbo de Sobrado no ano 995 coa advocación de San Xurxo. Sería oportuno facer un estudio máis pormenorizado.
A igrexa sufrui reformas posteriores como indican o resto de elementos arquitectónicos que aínda quedan.
As paredes interiores estaban decoradas con pinturas, posiblemente so século XVI. Hoxe en día quedan apenas restos onde se pode adiviñar a figura dun santo que leva pola cadea unha fera. Seguramente representa a San Xurxo co dragón.
A capela tivo primitivamente a advocación de San Xurxo para cambiar despois á de San Roque.
Tradición oral. Ata hai pouco tempo pervivían algunhas crenzas pagás. Cando a xente quería que empreñase unha vaca, daba unha volta con ela presa arredor da ermida. Ao rematar había que meter por debaixo da porta principal un patacón dicindo: “Que o San Roquiño nos axude”.
meiga says:
Out 1, 2012
BIBLIOGRAFÍA
VEIGA FERREIRA, X.M. y SOBRINO CEBALLOS, J. “Flores”, Xanela, nº 11 (2ª Época) Primavera 2001, pp.13-14.
Textos de CABANAS LÓPEZ, F.
ENLACES WEB
http://aranga.es/pxom/801_DAP_MEMORIAS/801_DAP_CAT%C3%81LOGO_9-13.pdf
Aparece nomeada como Ermida de San Roque.
(páx. 29)
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/ARANGA/documents/0025CA002.pdf
(páx. 1-2)
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/GALICIA/documents/CORPA002.pdf
(páx. 3)