En apenas sete meses, o catálogo social patrimoniogalego.net acadou o seu primeiro grande obxectivo: chegar aos mil bens culturais inventariados. De feito, esta marca bateuse en menos tempo do previsto, grazas ao esforzo desinteresado dun cada vez máis nutrido número de colaboradores, dispostos a contribuír coa súa dedicación a preservar o patrimonio cultural de Galicia. A ficha número 1000 correspondeu ao cruceiro de Lanzán, en Vilalba, realizada polo catalogador Xandlinathry.

O éxito acadado radica na fórmula escollida para construír este catálogo. Ao contrario ca os oficiais, os catálogos sociais permítenlle á cidadanía involucrarse de xeito activo a través dunha participación directa no proxecto. Dun modo semellate a como ocorre cos artigos da Wikipedia, os participantes teñen a posibilidade de rexistrar un ben patrimonial a través da creación dunha ficha virtual. Nela figurarán fotografías e datos identificativos do ben en cuestión, así como o seu estado de conservación ou como chegar onda el.

Para este labor, os usuarios dispoñen de material facilitado polos editores de patrimoniogalego.net. Teñen á súa disposición impresos, que poderán utilizar cando realicen algún traballo de campo, nos que figuran aspectos de interese dos bens, como a súa datación, a súa propiedade ou a súa descrición. Neste senso, a tipoloxía que figura nas fichas vai dende os castros, os dolmens ou os petróglifos ata os templos, os pazos, ou os castelos, pasando, como non, por bens inmobles coma os cruceiros, os hórreos ou as pallozas.

O funcionamento é o seguinte: unha vez recollida a información precisa, os catalogadores poden daquela subir a ficha ao inventario en liña, quedando deste xeito constancia na web da existencia dun monumento ou dun ben cultural determinado, con todos os datos referentes a el. É máis, de non figurar toda a información necesaria, os propios editores do catálogo encárganse de contrastala e de completala, sempre na medida do posible. De non ser así, a ficha queda en suspenso ata que se dispoña de datos suficientes relativos a ese ben en concreto. E, en todo caso, unha vez publicada, calquera outro usuario que dispoña de nova información ao respecto poderá contribuír no futuro a completar ou mellorar esa ficha.

 

Un proxecto aberto á cidadanía, independente e sen ánimo de lucro

 

Creado co soporte técnico de WordPress, patrimoniogalego.net é un sistema de información xeográfica (SIX) aberto á cidadanía, independente e sen ningún ánimo de lucro, dado que ten como único fin a preservación do patrimonio cultural galego, polo de agora limitándose aos bens de carácter inmoble. Nel participan unha serie de voluntarios, profesionais en distintas disciplinas, que decidiron sacar adiante este proxecto de xeito altruísta e desinteresado a partir da creación da plataforma cidadá “Eu participaría dunha Mesa polo Patrimonio de Galicia”, xurdida na rede social Facebook a iniciativa do divulgador e profesor da USC Manuel Gago.

Milagros Bará, Álex Bragaña e Soledad Felloza integran o corpo de Produción do catálogo, mentres que o propio Gago se encarga do deseño e do desenvolvemento da web. Pola súa parte, Adela Oyonarte, Franjo Padín, Carmela Sánchez Arines, Elixio Vieites e Xosé Gago, conforman o corpo de editores, mentres que o gabinete de comunicación está integrado polos xornalistas Xurxo Salgado e Félix Aragunde.

 

 O maior catálogo en liña do patrimonio cultural galego, un proxecto consolidado

Os promotores de patrimoniogalego.net destacan a consolidación deste proxecto. O xa recoñecido como o maior catálogo en liña dos bens culturais de Galicia con información pública convérterse así nun dos máis amplos do Estado e en todo un referente a nivel peninsular.

 

Outras notas de prensa de patrimoniogalego.net: http://patrimoniogalego.net/index.php/2011/08/xa-somos-o-maior-inventario-en-lina-do-patrimonio-cultural-galego/