Outra fotografía:

Tipo de ben: Castelo,
Concello: Mondariz
Parroquia: San Martiño de Vilasobroso
Lugar: Vilasobroso
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

Construción orixinaria do século XII, sitúase nun promontorio rochoso e picudo, na aba do Monte Landín, a 334 metros sobre o nivel do mar, dominando un amplo panorama, en un semicírculo que oscila entre os 8 e 12 Km. Este castelo foi levantado sobre os restos dun asentamento castrexo, era un dos lugares de control das comunicacións entre as terras do interior cara ó mar e a cidade de Tui. Así a freguesía onde se ubica esta fortaleza, dende a época medieval, denominábase, San Martiño da Portela, nome que foi trocado en 1926 polo do actual de Vilasobroso. A etimoloxía do nome “Sobroso” está en relación coa abundancia de sobreiras, árbores que existían neste lugar e arredores. Trátase dunha antiga fortaleza medieval da que xa se teñen noticias no ano 1095: aparece citado como un dos límites da circunscripción concedida polos condes de galicia dona Urraca e don Raimundo de Borgoña á Mitra de Tui. O Castelo está composto por tres elementos arquitectónicos o definen: cerca exterior, corpo residencial e torre da Homenaxe.
O muro exterior de 140 metros posúe os seus lenzos máis antigos no lado norte, correspondente ao século XV. O foxo de entrada carece de valor defensivo, pero a porta está situada de forma que pra acceder a ela hai que percorrer un longo camiño orredor da muralla, co que se podía defender moi ben a entrada. O adarve carece na actualidade de parapeto defensivo.
A Torre da Homenaxe sitúase no único sitio onde o castelo é dominado por maiores alturas, é de planta cadrangular e presenta unha altura que rolda os 13 metros cara ó norte. Na parte que non está apegada a este corpo central, hai un sólido noiro de cantería duns cinco metros de altura cunha función que consiste en impedir un posible minado da base no caso dun ataque. Posúe varias troneiras defensivas, e no alto hai catro garitas circulares para a vixiancia. O parapeto voa con dous cuartos de bocel dispoñendo de anchas ameas con aspilleiras e un matacán.
Por último, o corpo residencial, estaba destinado a albergar o corpo de garda. Os seus grosos muros cunha forma moi irregular adáptanse á orografía do terreo. No interior destaca o nobre aspecto da sala dos Señores situada no piso central cunhas excelentes vistas ao occidente. O piso alto presenta ventanais engargolados ao exterior e apoios ao interior que denotan a súa utilización como zona residencial.
Presiden a porta de honra de acceso ao Castelo os emblemas dos Sarmiento así como dos Valladares emparentados con eles. Foi a partir do século XVIII cando a Fortaleza empezou a sufrir unha deterioración progresiva como consecuencia do estado de abandono na que quedou sumida. En 1923 foi adquirida por Afasto Carreira Muñoz, principal artífice da súa reconstrución e revitalización, para ser finalmente adquirida polo Concello de Ponteareas no ano 1981 que exerce como o seu actual propietario.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:

Entre as moitas lendas que se contan salienta a da filla dos señores de Sobroso, que preferiu morrer antes de rachar o xuramento de fidelidade que fixera cun labrego, empuxado dende o máis alto da Pena dos Namorados.  A tradición recomenda renovar as promesas dos namorados de todos os tempos neste ensoñador lugar.

Outra lenda ten que ver coas incursións dos mouros, aló polo século VIII, cando Almanzor devastou Galiza. Este xefe chegou dende Portugal e, por Ponteareas, enviou unha avanzada cara o castelo de Sobroso, que atopou coas portas abertas, de xeito que se apropiaron del de contado. Cando estaban no interior, oiron unha fermosa voz que estaba a cantar: rexistraron minuciosamente o castelo e atoparon un vello cego que cantaba unha antiga cantiga co acompañamento dunha zanfona. Os musulmáns, crendo que non paraba de cantar por menosprezo, cortáronlle a cabeza e as mans, guindándoo ó pé da cerca da fortaleza. Pouco despois, cando chegou o caudillo Almanzor, estando reunido cos seus lugartenentes, oiron outra vez e a mesma melodía. Alporizados, buscaron por tódolos currunchos o autor do que crían unha burla e atoparon ó pé da muralla a cabeza do cego da que saía a voz, así como as mans cortadas que seguían a tocar a zanfona. A lenda predí que, cando se volte a escoitar esta voz e música, estarase diante do sinal para grandes desgrazas que acontecerán na Galiza.

Sobre esta fortaleza tamén proporciónanos a primeira nova certa, a “Historia Compostelana” que nos conta que no 1117 a raíña Dona Urraca intenta, no marco das loitas politico-familiares daquel momento, someter a Terra de Torono, gobernada por Gómez Núñez, partidario do seu fillo, o neno rei futuro Afonso VII. Nesta acción é cercada no castelo de Sobroso, pola súa irmá Dona Tareixa, infanta de Portugal, e polos partidarios do seu fillo encabezados polo Conde de Traba.

A raíña consegue fuxir do cerco, sugundo a lenda, usando un pasadizo subterráneo que une o castelo coas ribeiras do rio Tea, retornando a Compostela na busca de auxilio do Arcebispo Xelmirez.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

-BOGA MOSCOSO, R.:”Guía dos castelos medievais de Galicia”, Edicións Xerais, 1ª edición, xullo 2003.
-http://www.turgalicia.es/sit/ficha_datos.asp?crec=6768&ctre=…


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.20615591689533
Lonxitude: -8.463672995567321
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84