Outra fotografía:

Tipo de ben: Castro / Outros xacementos da Idade do Ferro,
Concello: Cuntis
Parroquia: San Breixo de Arcos de Furcos
Lugar: O Piñeiro
Outra denominación do ben: A Aurela, Eira dos mouros
Cronoloxía: Idade do Ferro,
Descrición:

Este castro, tamén chamado A Aurela, Eira dos Mouros, Eira Grande e Eira Pequena (estes
dous últimos en alusión á croa e ao antecastro, respectivamente), sitúase na zona NE do Concello de Cuntis, en concreto no lugar de O Piñeiro, na parroquia de San Breixo de Arcos de Furcos, a 325 metros sobre o nivel do mar e a escasos 200 metros da estrada N-640, saíndo polo desvío de O Alto da Cruz en dirección a Arcos de Furcos. Sitúase nun pequeno desnivel cuxa inclinación é de Norte a Sur, controlando o acceso ao val do río Gallo e Cuntis dende o norte, pois a visibilidade da zona ata o río Umia é óptima, estando unicamente limitada polo monte Xesteiras ao W e polos montes de Zó e Mesego ao E.
O castro conta con tres recintos fortificados, é dicir, unha acrópole e dous antecastros. Para
acceder ao interior, facémolo polo segundo antecastro que só é recoñecible dende o W e o S, onde
se eleva ata os 3-4 metros, mentres que na sección E está moi desfigurado. Unha vez dentro,
seguimos o camiño cara o E, accedendo ao primeiro antecastro, que conta cunha muralla de 6-7
metros na cara exterior e 2-4 na interior. O camiño dende este recinto ata a entrada da croa
(orientada cara o W) ten bastante pendente o cal sinalou Bouza Brey como a posibilidade de que
este acceso fose en forma de escalinata. As dimensións desta acrópole son duns 120 m.
aproximadamente no eixo NE-SW e 110 m. no eixo NW-SE, conta cun parapeto cuxa altura chega
ata os 10 metros polo seu exterior (na parte NE), aínda que no resto oscila entre os 4 e os 6 metros. Polo lado S, a cara interna da muralla apenas se eleva 1’5 metros, en contraste co lado N, onde se eleva entre 3 e 4 metros. O adarve ten unha anchura media de 160 cm.
Segundo nos conta Bouza Brey, o castro foi estudado de forma superficial polo profesor
Antonio Fraguas Fraguas, xa que non obtivo autorización por parte do propietario para proceder a
un estudo exhaustivo do xacemento. Pero si que nos conta que se podía apreciar a existencia de
vivendas de planta circular, en dúas delas Antonio Fraguas fixo “umha ligeira exploraçom,
achando-se imediatamente cerâmica lisa e um fragmento decorado (…) este fragmento cerâmico é
de cor avermelhada e leva como adorno tiras ou embutidos de barro aplicados àsua superfície,
combinando linhas curvas e rectas”. Sobre as vivendas, indícanos que “a existência das casas
comprova-se além diso pola quantidade de pedras que aparecem na superfñicie, todas elas
procedentes das edificaçöes, e que vam amontoando os vizinhos cada vez que prectican lovouras”.
Como xa indicamos no parágrafo anterior, trátase dunha propiedade privada, da cal no
Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos do Concello de Cuntis non teñen constancia de quen pode
en parcelas, podendo verse os marcos que as delimitan. Actualmente, o seu uso é forestal, tal como indica o SIXPAC, e puidemos comprobar in situ. O principal cultivo é o eucalipto (eucalyptus
globulus), que ocupa a maior parte do xacemento, mentres que no interior da croa, na franxa S, hai carballo común ou (Quercus robur). Estas árbores afectan de forma diferente ao xacemento, xa que podemos apreciar como os carballos naceron de forma espontánea, mentres que os eucaliptos foron plantados nunha repoboación, polo que aquelas posibles estruturas situadas na zona dos eucaliptos están presumiblemente máis danadas que as outras. A demáis destas afeccións, cómpre salientar que ao seu carón hai unha liña de alta tensión, que pasa xusto polo lado sur afectando ao foxo do recinto.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Forestal
Código no Catálogo da Xunta: GA36015002
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
No tocante á cultura popular, si que hai lendas sobre a presenza dos mouros que
habitaban o castro, do cal é testemuño o nome de “Eira dos Mouros”, habendo unha grande (a croa)
e outra máis pequena (antecastro). Dise que “do Pico Sacro ó Castro Loureiro, o Castro de Arcos ó
Castro Sevil, hai unha viga de ouro en cada un deles”. Tamén hai constancia a nivel oral de que
noutro tempo, había comunicación con outros castros da zona mediante o uso de lume e fume en
caso de perigo (este castro comunicaríase co de Meira (a un quilómetro ao sur da vila de Cuntis), e
o de Meira co de Rebón, en Moraña). Tamén se fala da existencia dunha profunda mina, ou que por
debaixo do castro pasaba o antigo Camiño Real. Xa no ano 1976, Álvaro Mª Rodríguez Pomares
recollía que “No  Castro Loureiro hai lápidas postas de pé, dos Mouros”

Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

BOUZA BREY F., Castros da Comarca da Estrada, páxs. 6-7. A Estrada, 199-?


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

Pasa unha liña de media tensión polo foxo, ademáis de ter unha plantación de eucaliptos no seu interior.


Onde está localizado

Latitude: 42.67745060916778
Lonxitude: -8.531527519226074
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84