Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: O Incio
Parroquia: San Pedro Fiz de Hospital
Lugar: Hospital
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Altomedieval,
Descrición:

A igrexa lucense adicada a San Pedro Fiz en Hospital do Incio é unha das deliciosas sorpresas que depara o románico na Galiza. Os seus constructores esquecéronse da tradición arquitectónica galega no tocante ó material edificativo e trocaron granito por mármore conseguindo un efecto realmente espectacular
É un templo románico de finais do século XII construído pola Orde Militar de San Xoán de Xerusalén, sendo a súa orixe centro de atención ós necesitados e pelegríns (eiquí estamos nun desvío do Camiño Francés). A peculiaridade deste monumento é que está construído todo el en mármore do país. Unha pedra en tonos azuis procedente das canteiras desta comarca. A de Hospital é a única igrexa románica de España construída totalmente nesta pedra e un dos escasos templos feitos en mármore en todo o sur de Europa.
É un templo de nave única orientado, con lixeira desviación ó nordés. As súas medidas son máis ou menos de 24 x 11 metros e remata ó leste por medio de cabeceira provista de tramo recto presbiteral e ábsida poligonal de tres lados. Ó lado norte hai unha torre contemporánea do templo. Tamén unha estancia aberta a modo de adro adousada ó lado sur do mesmo.
Tres son as portadas que posúe o templo. A principal no hastial de poñente, outra con algo menos de decoración aberta no muro sur e a máis sobria fronte a ela, no muro norte.
A cabeceira do templo é poligonal. Posúe cinco lados, dúas das cais son os tramos rectos do presbiterio e os tres máis adiantados corresponden á ábsida. Cada un destos tres lados absidais a súa vez presenta unha superficie formada por tres zonas que o aproximan a súa superficie global ó círculo. Nos ángulos decórase con semicolumnas adousadas que alcanzan a cornixa rematándose con capiteis de decoración xeométrica e vexetal ó igual cos canzorriños existentes. Cada un dos tramos da ábsida posúe centrado un van aspilleirado ornado por arquivolta con columniñas e capiteis.
A fachada de Oeste, en especial pola tarde, é espectacular. O color do mármore, a sensación de forza transmitida polos rexos contrafortes e a delicadeza da súa portada fana digna de eloxios. Esta portada compónse de catro arquivoltas decoradas con baquetón e floróns nas escocias. Capiteis e basas áchanse profundamente traballados con motivos xeométricos e florais. Dúas ménsulas a ras da clave da portada fálannos dun adro de madeira como era habitual en moitos destos templos e os ferraxes da portada son os orixinais do templo.
Baixo o porche adousado ó lado meridional achamos a segunda portada decorada do templo. É de feitura decorativa semellante á anterior se ben moito menos espectacular. Só dúas son as súas arquivoltas. A destacar a Cruz de Malta que decora o tímpano, orixinal neste caso, a da parte oeste é de execución posterior.
O interior do templo sorpréndenos de novo a causa do material empregado na súa edificación. O aspecto da nave é sobrio no decorativo. Dous pares de pilastras con semicolumnas adousadas foron concebidas para recibir faixóns e dobladuras que sostiveran unha bóveda que non chegou a edificarse cubrindo con teito de madeira a doble vertente. Delimitan tres tramos, abríndose as portadas laterais nos respectivos centrais. Vans derramados ó interior centran en altura os dous tramos anteriores.
O máis interesante do templo está na súa cabeceira. Consta dun tramo recto en función do presbiterio, decorado con arco triunfal lixeramente retrasado cara o interior do mesmo. Un novo arco sinala a unión entre presbiterio e ábsida, recibindo sen intermedio de clave das nervaduras de sección rectangular que arrancan dos capiteis angulares absidais.
As catro semicolumnas que sinalan os seus ángulos delimitan tres lados centrados polos seus respectivos vans aspilleirados con decoración de arquivolta, capitel, columna e basa. Ó igual có exterior hai dúas impostas. Unha baixo os vans, que percorre a ábsida e a segunda a nivel dos ábacos dos capiteis superiores, extendida por toda a cabeceira.
Colgado do faixón absidal por medio de cadeas atopamos unha talla en madeira de Cristo crucificado probablemente do século XIV. Na parte anterior do muro norte achamos un arcosolio que cobixa un sepulcro delicadamente decorado e epigrafiado, todo elo asimesmo en mármore. Trátase da tumba de don fray Álvaro de Quiroga, Comendador do Priorato Sanxoanista de Portomarín e probablemente tamén do de Incio (S. XV).


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:

Dentro do panteón da igrexa podemos ollar unhas curiosas columnas, semellan ser prerromanas, trátase de dúas columnas que soportan unha mesa-alta. As columnas teñen a forma dunha cara cada unha delas, e da súa boca sáelle unha argolla torneada. Na súa base circular semella ter decoracións vexetais. Unhas pezas moi interesantes e moi fermosas.


Tradición oral:

Hai unha lenda segundo o cal si se abre a súa sepultura, derrumbarase a igrexa.   Outra lenda di que,  dunha cadea que colga do teito  dentro do panteón e que se trata da cadea de asilo do perdón, pois,  antigamente en Lugo, dicíase que, calqueira que fora capaz de chegar ata ela, sorteando aos gardas que a custodiaban, perdoábase o delito que se cometera.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

– ALVARELLOS, H.: “Galicia en cen prodixios”, Edicións Xerais, 2004.
– http://www.arquivoltas.com/11-Galicia/01-Incio01.htm
– http://emigracion.xunta.es/es/prodigios50/la-única-iglesia-r…
– http://www.turgalicia.es/Rutaocourel/contenidoHospitalOIncio…


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.6549233682
Lonxitude: -7.34000712633
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84