Outra fotografía:

Tipo de ben: Mosteiro/Abadía/Cenobio/Priorado,
Concello: Baños de Molgas
Parroquia: Vide (San Xoán)
Lugar: O Medo
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

O Santuario está situado nun pequeno outeiro chamado “Monte Medo” no medio dunha chaira ao pé da Serra de San Mamede cunha altitude de cerca de 1620 m.
Esta rexentado pola congregación dos Padres Paules.
Ten unha novena entre o final de agosto e o 8 de setembro, sendo un dos máis concorridos de Galiza. Durante estes días o santuario esta ateigado de fieis, e o exterior cheo de feirantes e carpas para comer, tentando compaxinar o ambiente festivo co relixioso.

O santuario de estilo barroco-neoclásico, esta rodeado dun muro sobre o que se abren catro portas. No seu exterior atopamos 7 capelas do via crucis de pedra equidistantes, e ao carón do carballo da Virxe, a fonte da Virxe e a fonte da cunca.
Envolvendo ao santuario, temos outros edificios e instalacións: Pousada e Restaurante (antes Hospicio), o antigo colexio, cerrado no ano 1991, a vivenda Comunitaria dos Paules, xunto con outras estancias para retiros, exercicios espirituais…. Máis atrás, o que era a casa de labranza da que vivía en tempos a comunidade.
Desde 1997 é o Museo Devanceiros, das artes rurais e artesanía da zona.
Ademais, existen os restos da lanterna do anterior templo, tamén barroco do século XVII.
A fachada semella un retablo pétreo xigante, como avance en pequeno do Obradoiro (Sete anos antes que o de Compostela), coa súa balcoada e altar, prevista para grandes multitudes na praza.
Sobre a cornixa destacan catro torres, dúas baixas nos extremos e dúas máis altas no centro onde alberga as campás, todas elas con tres corpos rematados en cúpula.
Interior con cubertas dispares: nave central con bóveda de crucería, laterais con bóvedas de treceletes, a nave que se sitúa a os pes con bóveda carpanel e capela maior con bóveda de cañón con lunetos.
Declarado Monumento Histórico Artístico Nacional en 1982.

Non hai dúbida de que o espazo do Santuario estaba incluído dentro do territorio da familia rosendiana, pero a ermida que habería carecía de relevancia. En cambio, e sospeitoso que a ermida no cume da Serra daquela chamada Toro (Celan.Tombo I, 248, ano 927 alia vila subtus monte Toro in caput Limie), debeu de ser erguida polo propio San Rosendo, cristianando costumes aínda pagáns do lugar, onde se pode ver nun perpiaño, hoxe sobre o arco triunfal, un gran ofidio, entre as ruínas, atópase unha lápida de mármore con inscrición en letra gótica.

A creación do santuario está relacionada coa aparición da Virxe a unha pastora no S. XV. Isto levou á construción dunha capela. Posteriormente, constrúese o edificio actual, que data do s. XVIII (1768), patrocinado polo Bispo de Ourense, con moitas doazóns de persoas da rexión.

Temos constancia documental da existencia da ermida:
En 1602, Bartolomé Fidalgo encarga que lle digan dez misas no Medo. En 1632, visita do bispo de Ourense Diego de Zuñiga, que regula o culto.
No 1646, no testamento de Martín Gomez, capelán de Santirso, indica que se lle digan catro misas en Nuestra Señora del Medo.
En 1627 Felipe IV cede o beneficio de San Xoán de Vide ao cabildo da catedral de Ourense. En permuta, o bispo cede o dominio temporal da cidade ao rei.

O Val do Medo, como hoxe se denomina a toda a depresión ao pé ocidental da Serra de San Mamede, recibe tal nome da cuíña central onde se ergue o Santuario de Nª Sª dos Milagres, deica o 1700 coñecido como Nª Sª do Medo.

En 1728, o cabildo ourensá elixe a D. Francisco Fernández como administrador da ermida do Medo, ano no que se comeza o actual templo, concluíndo 37 anos despois (1768).

O segundo libro da cofradia data de 1731.
No ano 1735 aparecen coma cofrades no Santuario dos Milagres, da Casa de Sanguñedo, Betán D. Matheo, Antonio, Benito y Jacobo de Losada y Cadórniga, que serán parentes da Casa dos Casares.

No ano 1736 son cofrades no Santuario dos Milagres, Benito Sarmiento, Jacinta Ulloa, Joseph Sarmiento y Ulloa e Jacinto Sarmiento y Ulloa, pais e fillos, señores de Poedo.

Don Pedro González de Ulloa no ano 1777, alude ao santuario na súa “Descripción de los Estados de la casa de Monterrey en Galicia” (p.216-217) ao tratar de Baños de Molgas.
De aquí se espalla o nome a toda a conca e val de orixe dioival, antigo lago terciario, falla tectónica do cuaternario entre o Val de Lemos e máis alá de Chaves en Portugal.

O terceiro Libro de Cofradía da Virxe ábreo cunha sucinta historia do Santuario, o ano 1859, e tamén coma cofrade, o novo administrador do mesmo Don Francisco de Paula Feijoo Feijoo, natural de S.Xurxo de Acevedo do Río, antes ecónomo en Sª Mª de Cexo, Verea.

En Vide nace no ano 1825 o Dr. Don Joxé Mª Martínez Pazos, quen comeza os estudos na preceptoría do Santuario dos Milagres e foi abade de Arnuíde, da Sma. Trinidade de Ourense, e de Vide ao mesmo tempo que administrador do Santuario, sendo quen escribíu a primeira historia deste e quen, no ano 1869, entregou a súa administración aos Padres Paúles marchando seguidamente a Santiago coma coengo da catedral.

No ano 1752 na relación do Catastro do Marqués de Ensenada declaran os veciños que “la feligresía de S.J.de Vide y lugares son de señorío y es dueña de ella y de la mas jurisdicción…la condesa de Monterrey” o administrador do Santuario D.Tomás Cid (Arq..Hco.Prov. Leg. 84) fai contrato de foro dos terreos arredor do Santuario, desglosados do comunal, co señor Conde de Monterrei, en 24 de febreiro de 1792,” por cuio terreno han de dar…quatro tegas de pan zenteno…en la maiordomía de Baños de Molgas… Ante mi Pedro Fidalgo”.

No ano 1923, decretada a Redención general de foros, o Santuario redimíu este foro, quedando todo por propio e libre de cargas.

(Información: Notas de nobiliaria da alta Arnoia – Eligio Rivas Quintas, C.M.).


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:

Un relato tradicional ou lenda, cóntanos a orixe do santuario:

A finais de S.IX os condes de Castro Caldelas e Pena andaban en liortas, que
finalmente resolveron coas armas.

A batalla mais sanguenta, aconteceu en Marrubio, onde gañou o de Caldelas, pero o
inimigo repregado no Medo volveu facer fronte,

O de Caldelas, seguro da súa xustiza, fixo voto a Virxe de facerlle alí unha ermida, se acadaba a vitoria. Derrotado o inimigo,  mandou construír a ermida a “Nuestra Señora de la Defensa”.

Alá polo S.XV a ermida quedou oculta pola maleza e esquecida, pero un dia, unha pastora de Outeiro en Froufe, atopou a imaxe da Virxe no oco dun carballo. Isto fixo que se reconstruíra a ermida xa case desaparecida, e que fora atendida polos vicarios de Vide.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://www.santuariomilagros.com/
Notas de nobiliaria da alta Arnoia – Eligio Rivas Quintas, C.M


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.2325
Lonxitude: -7.6286
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84