Outra fotografía:

Tipo de ben: Mosteiro/Abadía/Cenobio/Priorado,
Concello: Xunqueira de Espadanedo
Parroquia: Xunqueira de Espadanedo (Santa María)
Lugar: Xunqueira de Espadanedo
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Altomedieval,
Descrición:

A vida do mosteiro, un dos máis importantes da Ribeira Sacra, pasou por diferentes etapas: Construído sobre outro anterior, o Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo fundouse no ano 1150, posiblemente baixo a Regra de San Agostiño. O que si que é seguro é que desde 1170, en que pasou a depender de Montederramo, e ata a a Desamortización de Mendizabal pertenceu á orde cisterciense. En 1546 uniuse á congregación de Castela e, na exclaustración do sécuo XIX pasou a ser propiedade municipal.

O templo, románico, posúe tres naves de cinco tramos con ábsidas semicirculares na cabeceira de cada nave. No interior os arcos, tanto faixóns como formeiros, son oxivais. Ademais, son de salientar os capiteis que se espallan por todo o templo, sobre todo un decorado con torreóns.

Na capela maior destaca o altar de pedra románico cun retablo manierista datado en 1594, cun óculo polo que entra luz ao templo, probablemente realizado por Xoán de Anxes o Mozo, que traballou no cadeiral do coro da Catedral de Ourense. O retablo ten dous corpos horizontais de tres tramos verticais máis o ático. Nel represéntanse esceas da infancia de Xesús (nacemento, adoración dos Magos, presentación e circuncisión) e no ático o Calvario.

Na capela maior tamén é salientable o monumento funerario de finais do gótico, pertencente a Paio Yáñez de Abelenda, representado tumbado e cun puñal na man dereita e de quen se di que foi soterrado coa súa espada de prata.

Ademais, na entrada da igrexa hai outros dous retablos que representan a Visitación e a Transfiguración, este do s. XVII, con bustos de San Marcos e San Brais.

No exterior, de fronte ao templo, érguese a fachada neoclásica construída como se pode ler nun epígrafe no ano 1801, pois a orixinal románica foi destruída probablemente por un raio nunha treboada no 1800.

Na fachada norte é salientable a porta (tapiada) románica, ou “porta dos mortos”, pois por ela os monxes accedían ao seu cemiterio, que continuou sendo cemiterio parroquial ata o ano 1976 en que se traslada ao seu emprazamento actual. Seguindo cara á cabeceira do templo atopamos as ábsidas románicas, as das capelas laterais e a da capela maior. Nesta última podense apreciar os fustes das columnas adosadas cortados, debido a que na época do barroco foi construída aí unha sacristía.

O actual edificio do mosteiro conserva dúas das alas do único claustro construído no século XVI, cando a unión á Congregación de Castela. O acceso ás dependencias monásticas faise por unha porta barroca entre pilastras sobre a que destaca o escudo da Orde do Cister baixo a coroa real. O claustro era un corredor pechado sobre si mesmo para distribuír aos monxes pola súa casa, o mosteiro. No claustro nin se rezaba, nin se cantaba, nin se lía. Só era un lugar de paso dunha estancia a outra, e tamén nalgunha festa ou solemnidade se facían as procesións litúrxicas por el.Por iso o claustro que daba directamente á igrexa se chamaba claustro procesional. Este mosteiro, por ser un priorato pequeno, só tiña este claustro.

Na parte superior do claustro pódense ver as ventás da nave románica e varios reloxos de sol. Nas paredes do claustro hai tres reloxos de sol en total: un deles está orientado ao nacente e ten forma de pentagrama en posición diagonal con numeración arábiga; os outros dous, de esfera oval, están xuntos e orientados ao sur, un con numeración árabe e o outro con numeración romana e data de 1663.
Non deixa de ser curioso o feito de que existan dous reloxos de sol nunha mesma parede. Como se pode apreciar na (foto2), e posible que quen fixo o da esquerda traballara só pola mañá, ou ben a ala esquerda fora construida con posterioridade ao reloxo, polo que terían que facer o da dereita. Quizais sexa un problema de construción ao ser en tempos un patio pechado e de pequenas dimensións que non deixaba aceso a luz do sol dependendo da hora do dia ou da época do ano, polo que eran necesarios os dous.

O sur vemos á esquerda un campo, onde estaría a sala capitular, lugar de reunión da comunidade. Tamén hai que destacar no mosteiro a súa portería barroca coa súa bóveda de canón con casetóns.

O Mosteiro foi declarado Monumento histórico-artístico no ano 1981.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM) Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

ENLACES WEB

http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/2011/07/mosteiros-de-galiza.html
http://www.xunqueiradeespadanedo.es/mosteiro.htm


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.318056
Lonxitude: -7.629167
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84