Outra fotografía:

Tipo de ben: Castro / Outros xacementos da Idade do Ferro, Vila romana,
Concello: Vilagarcía de Arousa
Parroquia: Santa Eulalia de Arealonga
Lugar: O Montiño
Outra denominación do ben: Castro de San Cristovo, Castro de Vistalegre
Cronoloxía: Idade do Ferro,
Descrición:

O castro é un dos sitios arqueolóxicos máis emblemáticos da ría de Arousa. Este poboado fortificado é un referente para reconstruír a evolución histórica da bisbarra, dende a orixe dos castros ata os cambios acontecidos durante a romanización. Aquí atopáronse as primeiras evidencias do intercambio castrexo co Mediterráneo, proceso no cal este castro xogou un papel importante. De Alobre partían os barcos cargados de ánforas de viño e aceite, para, deseguido, remontar o río Ulla cara ó interior de Galicia. Debido ó seu emprazamento, este castro forma parte da propia historia da Arqueoloxía galega, vinculado á evolución histórica e o desenvolvemento urbán de Vilagarcía de Arousa, sendo obxecto de estudo, no pasado século, por numerosos eruditos, que xunto coa execución de obras públicas, desde a 2ª mitade do s.XIX, propiciaron o recoñecemento e estudio de restos arqueolóxicos que confirmaron a existencia deste xacemento castrexo, e vila romana litoral ó pé do promontorio, probablemente.
Estes restos ocasionais que se foron dando ó longo do tempo, permitiron evaluar o xacemento como de alto interese patrimonial e científico, polo que, desde o ano 2001, o Concello promoveu unha serie de actuacións de posta en valor dun xacemento que, a pesar de que o primeiro dos descubrementos data de 1905, segue sendo un gran descoñecido para a maioría da xente.
O Castro de Alobre ocupa a parte alta dun monte coñecido como O Montiño, promontorio de natureza granítica que se abre ó litoral atlántico no sector sudoeste da Ría de Arousa. Presenta ata tres recintos de diferente altura. Un recinto superior ou coroa, de forma oval e lixeiramente descentrado; unha terraza inferior, e unha segunda terraza a máis baixo nivel. Os tres recintos están ben delimitados por estruturas defensivas que adaptándose á forma do promontorio, desmontaron as súas ladeiras para dificultar o acceso e o tránsito cara o recinto poboado.
Ó xacemento pódese acceder a través do parque contiguo coñecido polo nome de O Castriño, ou por unha entrada situada en Vistalegre, a carón da entrada ó colexio Sagrada Familia (As Filipenses).


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

Os restos achados ocasionalmente, que se foron sucedendo en O Montiño resúmense en: Necrópole romana (1905), dunhas trinta tumbas de diversa tipoloxía xunto con cerámica e cunchas; restos arquitectónicos que se recoñecen coma pertencentes a unha factoría de salazón (1921, restos non conservados); en 1927, novos restos aparecidos por mor das obras do peirao, tampouco foron conservados; e unha ara romana adicada ó deus Neptuno coa inscrición “ofrecida por Quintus Cilenus” , xunto cunhas moedas, unida a restos de estructuras arquitectónicas.
Nas escavacións realizadas na última década, apareceron 18.000 pezas que se atopan depositadas no Museo Provincial de Pontevedra, igual cá ara romana.


Tradición oral:

A famosa lenda do túnel de Lobeira, debido a localización da fortaleza sobre a Ría de Arousa e polo seu amplo dominio visual da Ría e do val do Salnés,  fan que existan máis dunha única versión desta lenda. Unha delas é a que sinala a existencia dun tunel que vai dende Lobeira ata o Pazo de Vistalegre, emprazado no mesmo curuto que o Castro de Alobre. O tunel iría dar ó interior do edifício do actual Colexio Filipense Sagrada Familia, por trás dun retrato de San Felipe Neri, nun paño de parede onde, por circunstacias de aproveitamento do espacio arquitectónico, queda tapada unha fiestra exterior. Outra sitúa a saída baixo uns penedos no alto do castro, relacionándoo con sitio de reunión e escape de ladróns da vila. O topónimo O Castriño consérvase hoxendía para denominar a cima deste promontorio (tamén coñecido por O Montiño), e por extensión denomina o parque colindante cós parapetos do castro. O Castriño seguiu sendo un lugar relativamente inhóspito ata principios deste século, sendo ben coñecida en Vilagarcía a lenda que relata o robo e asesinato dun neno neste punto, no lugar que actualmente indica unha cruz.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

A pesar da importancia deste xacemento, a maioría da bibliografía pertence ós eruditos de principio de século. Malia o impacto mediático das sucesivas campañas de intervención, das que existen numerosos artigos en prensa, os resultados das mesmas non reverteron na comunidade científica (non hai publicacións nin en papel, nin dixitais).
Arqueoloxía:
Bouza Brey, F. 1957. “O Castro de Alobre e os contactos entre a Bretaña e Galiza na época romana”. Homenaxe a Florentino López Cuevillas: 73-110. Galaxia. Vigo.
Fernández Gil y Casal, J. 1916. “Apuntes Arqueológicos”. BRAG, LXVIII: 29-46.

Campaña de intervención do ano 2008: http://www.vilagarcia.es/fotos/081028141820_23pW.pdf

Blog de arqueoloxía, historia e antropoloxía: http://apedradoencanto.blogspot.com.es/

Artigos de prensa:
Ayán, X. 29/02/2012. “Unha oportunidade perdida”. La Voz de Galicia. Opinión. http://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2012/02/29/unha-oportunidade-perdida/0003_201202A29C3993.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz
González, S. 29/02/2012. “Ravella reconoce que el mobiliario de madera de Alobre está podrido”. La Voz de Galicia. Arousa. http://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2012/02/29/ravella-reconoce-mobiliario-madera-alobre-podrido/0003_201202A29C3991.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

Os resultados das cinco campañas de escavacións e o acondicionamento realizados no castro na última década, tanto desde o punto de vista da posta en valor do xacemento, coma desde a perspectiva do seu uso coma espazo público, son máis que discutibles. Este ambicioso proxecto non mellorou a situación dun espazo no que unicamente se ven uns muros descontextualizados con paneis explicativos desactualizados, que actualmente, amosa un aspecto descoidado e de abandono, utilizado como lugar de paseo e cagadoiro para cans. Ademais, o xacemento escavado presenta certa perigosidade xa que os perfís non semellan moi estables ameazando con posibles derrumbe, e faltan elementos de seguridade ó redor da zona escavada que impidan caídas.
Na decadencia de Alobre, conxúganse dous tipos de factores ben distintos. O primeiro, os actos vandálicos, que, sen chegar ó acontecido no 2006, cando se danaron estruturas escavadas, seguen cebándose cos paneis informativos; dos sete carteis instalados, tan só cinco permanecen aínda cunha certa integridade. E no que tamén se podería incluir, o lixo que se acumula tanto no entorno coma no xacemento. Factor xerado, seguramente, debido a un desarraigo da sociedade cara o castro.
O segundo fenómeno que afecta a este espazo, é a degradación natural por efecto da humidade dos materiais instalados para facilitar o acceso a todas as súas terrazas, incluíndo pasamans e escaleiras de madeira.


Onde está localizado

Latitude: 42.59226888729454
Lonxitude: -8.770480155944824
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84