Outra fotografía:

Tipo de ben: Petróglifo/Estación de arte rupestre,
Concello: -- / Vilagarcía de Arousa
Parroquia: Bamio (San Xens)
Lugar: O Salgueiral
Outra denominación do ben: Ballotes-Meadelo
Cronoloxía: Idade do Bronce,
Descrición:

O conxunto de petróglifos Os Ballotes – Meadelo é un dos máis coñecidos e estudados de Galicia desde comezos do século XX. Ademais, dado o seu pronto descubrimento e o seu interese, é unha das estacións de arte rupestre máis citadas pola bibliografía. Foi repetidamente citado nas sínteses de numerosos autores, e visitado a principios e mediados de século por numerosos investigadores ilustres. A pesar de tan importante difusión, sempre foi un xacemento arqueolóxico un pouco abandonado, cuberto de herbas e rodeado dun enreixado metálico que se foi oxidando co tempo. No ano 2009, o Concello de Vilagarcía contratou a realización de traballos de arqueoloxía nos petróglifos, co fin de documentar a totalidade dos xacementos, e proceder á súa lectura, interpretación e rexistro, así coma unha diagnose e proposta de tratamento de conservación e restauración. Mais o xacemento continúa baixo un descoñecemento por parte da sociedade do seu valor en favor da debida comprensión do mundo dos petróglifos galegos.

O conxunto de petróglifos Os Ballotes-Meadelo está situado na franxa litoral do interior da Ría de Arousa, nunha zona cunha forte inclinación cara ao oeste, cun bo dominio visual da Ría e a banda litoral. Nesta zona atópanse numerosos petróglifos cunha gran variedade de gravados xeométricos e con figuras de animais realizados sobre un conxunto de 15 rochas de granito, que foron organizadas ou catalogadas, en sete xacementos a partir dos traballos arqueolóxicos de 2009. Un xacemento pode ser unha soa rocha con gravados; varias rochas con gravados, que non disten a máis de 5 m entre si; ou rochas que estean vinculadas a un mesmo elemento xeográfico, que non disten mais de 10 m entre si.
Entre os gravados figurativos presentes nestes petróglifos, pódense admirar unha gran cantidade e variedade de animais (chamadas figuras zoomorfas), entre os que destacan os cérvidos. Tamén hai escenas de animais en actitude de berregar, e composicións nas que os cuadrúpedes ordénanse de forma lineal; outras de cervos arrastrando posibles discos solares, e tamén, existe unha na que podería representarse unha escena de equitación.

Dos sete xacementos catalogados, catro pertencen ao conxunto dos Ballotes e, os outros tres, o do Meadelo. O xacemento (YA090513N01) recibe o nome de Petróglifo do Vilar. Trátase dun afloramento abombado cunhas dimensións aproximadas de 5 metros de diámetro, situado de maneira illada na esquina norleste do conxunto dos Ballotes. Os motivos representados son fundamentalmente, de tipo esquemático-xeométrico. Este xacemento foi descuberto na intervención do 2009. O xacemento (YA090513N02), recibe o nome de Ballotes 3, e está formado por dúas rochas. A rocha 1 ten unhas dimensións de 4,69 x 2,95 m con forma triangular e abombada. Os gravados consisten en 3 motivos circulares formados por círculos concéntricos con numerosas cazoletas no seu interior e un cérvido baixo eles. A outra rocha, está situada a 3,7 metros da primeira e mide 2 x 1,3 metros. Presenta uns pequenos sucos soltos e inconexos que debido ó seu grado de deterioro son case imperceptibles. O xacemento (YA090515N01), recibe o nome de Ballotes 1, e tamén está formado por dúas rochas. A primeira corresponde co GA36060003 e coas figuras nº 1, 2, 3 e 4 de Bouza Brey. Ten forma de bolo e mide 5,9 x 3,9 metros. Consta de tres tipos diferentes de representacións, oito zoomorfos, xeométricos e cazoletas. A outra rocha, mide 1,95 x 2,2 metros e atópase fracturada por un dos lados. Ten representado un cuadrúpede e unha cazoleta. E por último, o xacemento (YA090612N01), recibe o nome de Ballotes 2 e trátase dun grande afloramento formado por 7 rochas. O afloramento domina a parte superior da área de concentración dos petróglifos e ten unhas dimensións aproximadas de 6,7 x 4,8 metros. A rocha 1 correspóndese coas figuras nº8 e 9 de Bouza Brey. O motivo principal está formado por unha composición de círculos concéntricos e cazoletas no interior conectados por diversos sucos. Ademais, hai cinco cuadrúpedes moi esquematizados que corresponden coa figura nº 5 de Bouza Brey. Na rocha 2 aparecen unha combinación de xeométricos e zoomorfos, e un posible labirinto. Na rocha 3 hai dous xeométricos e dous cuadrúpedes mirando cara o sur cunha grande cornamenta. Na rocha 4, hai representado un cérvido e dous círculos. Na rocha 5, combínanse numerosa figuras xeométricas e figurativas. Na rocha 6, represéntase unha posible escena de monta que xa documentara Anati nos anos 60. e na rocha 7, hai un cuadrúpede moi esquematizado, un círculo cunha cazoleta no centro e sete ó redor.

Para acceder ós petróglifos dos Ballotes pódese facer a través da rúa do Salgueiral ou torcendo á dereita collendo a rúa dos Petróglifos e no seguinte cruce, á esquerda.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta: GA36060003
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM) Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

BIBLIOGRAFÍA:

FERNÁNDEZ GIL Y CASAL, J. 1916: “Sobre insculturas rupestres en la Provincia de Pontevedra”. Boletín de la Real Academia Gallega, IX. 105; Id.1916: “Apuntes Arqueológicos”. Boletín de la Real Academia de la Historia, LXVIII: 29.Madrid
BOUZA BREY, F. 1927: “Una estación de arte rupestre en las márgenes de la Ría de Arousa”. Actas y Memorias de la Sociedad Española de Antropología, Etnografía y Prehistoria. Madrid.
López Baltar, I. e Cabrejas Domínguez, E. 2009: Memoria técnica “Rexistro e diagnose dos petróglifos de Ballotes e Meadelo (Vilagarcía de Arousa)”.

ARTIGOS DE PRENSA E ENLACES WEBS

Redacción 01/03/09. “El Concello encarga un estudio sobre los petroglifos de Os Ballotes, en Bamio” Faro de Vigo. Arousa: http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009030100_17_301562__Arousa-Concello-encarga-estudio-sobre-petroglifos-Ballotes-Bamio

J.F. 26/06/09. “La historia que aún puede crecer”. Faro de Vigo. Arousa: http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009072600_17_352325__Portada-de-Arousa-historia-puede-crecer

Redacción 26/07/09 “La variedad de los grabados hacen de Os Ballotes un referente rupestre” La Voz de Galicia. Arousa: http://www.lavozdegalicia.es/arousa/2009/07/26/0003_7870037.htm

Blog de arqueoloxía, historia e antropoloxía: http://apedradoencanto.blogspot.com.es/


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

Os maiores perigos ós que está exposto este ben cultural, son principalmente, dous, os de orixe vexetal e os de orixe antrópico.
A proliferación de microorganismos sobre a superficie das rochas ademais de supoñer unha alteración cromática, e en moitos casos, un impedimento da lectura dos gravados, tamén supón unha ameaza para a integridadede das rochas. A presenza de liques non é moi acusada, pero conviría a súa retirada, así coma a de a vexetación de maior tamaño situada ó redor das rochas ou nas fendas destas, por exercer presións coas súas raíces e por poder constituír un perigo en caso de incendio.
O ataque antrópico, na súa maioría, consiste no pintado dos gravados para poder contemplalos con maior claridade. Esta acción supón unha ameaza debido ó emprego de materiais que poden alterar as rochas, favorecer a aparición de microorganismos e a alteración dos sucos mediante o uso de obxectos punzantes e duros. Para evitar este tipo de accións, deberíase colocar uns carteis cos calcos dos gravados, a carón dos xacementos, para facilitar a súa comprensión, ou levar a cabo unha tarefa de pintado dos gravados, baixo uns criterios e un estudio feito por especialistas. Ademais cabe destacar outro tipo de accións prexudiciais por parte das persoas, coma a tirada de lixo, ou as casas colindantes que tenden a roupa enriba dos petróglifos goteando auga e xabón sobre estes, e mesmo teñen ós cans alí encadeados co desgaste que supón que anden por riba, así coma o depósito de excrementos.
Por último, habería que sinalizar mellor o lugar e os xacementos, e delimitalos dalgún xeito para evitar que os pisen.


Onde está localizado

Latitude: 42.6229329758
Lonxitude: -8.76593381166
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84