Outra fotografía:

Tipo de ben: Castelo,
Concello: Foz
Parroquia: Santa Cilla do Valadouro
Lugar: Vilacizal
Outra denominación do ben: A Frouseira / Pena da Frouseira
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

Identificado como o Castelo do mítico mariscal Pedro Pardo de Cela, os restos arqueolóxicos encóntranse situados nun esporón rochoso cun amplo dominio visual da ría de Foz e do acceso a todo o val e terras de Alfoz e O Valadouro.

Derrubado definitivamente entre 1480 e 1483, trátase dunha fortaleza roqueira de case unha hectárea de tamaño e compartimentada en catro recintos. A conservación das estruturas é moi deficiente. Atópase moi desmantelada, encontrándose na maioría dos casos rebaixes de desaparecidas estruturas de madeira e encaixes na rocha de asento de antigos muros de fábrica, hoxe practicamente inexistentes.

Os recintos atópanse escalonados en altura conformando actualmente un acceso en rampla acodada, ata o recinto superior.

O recinto principal, central, defendíase cun lenzo transversal, do que hoxe so se pode observar entre as silvas os restos dun cubo cuadrangular, pegado ao bolo granítico (foto 2). Dende este recinto, daríase acceso a outro espazo ao Norleste, hoxe invadido pola vexetación, e ao recinto superior, situado no cumio do macizo granítico.

O recinto superior sería o elemento máis espectacular, ao que se accedería orixinalmente por unhas escadas talladas na pedra (e que aínda hoxe se poden apreciar in situ). Este espazo estreito e alongado sería a parte mais inaccesible, dotado dunhas magníficas condicións defensivas naturais. Sería o reduto de última defensa e posible ubicación da torre da homenaxe.

Nesta parte superior podemos disfrutar dunhas magníficas e privilexiadas vistas de toda a contorna. Alí tamén se atopa, o elemento mais espectacular hoxe conservado: unha estancia rectangular escavada ata un metro de profundidade na rocha, e dunhas dimensións de 7×3 metros e funcionalidade descoñecida (foto 1).

En canto á cultura material, arqueoloxicamente documentáronse dous momentos, correspondentes a finais do século XV, e coincidentes cos dous momentos históricos documentados: a destrución da fortaleza polos Irmandiños, e a definitiva destrución da mesma a mans do exército enviado a Galicia polos Reis Católicos.

A chegada ao castelo É sinxela, podéndose facer en coche ata as inmediacións. O seu acceso está sinalizado.


Fotogrametría:

Propiedade: Descoñecida
Uso actual: Forestal
Código no Catálogo da Xunta: GA27019007
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM) Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:

No museo provincial de Lugo conservase unha pedra de armas que, segundo Vázquez Seijas, en “Las fortalezas de Lugo y su provincia”, ven deste castelo da Frouxeira. O seu motivo figurativo serían dous escudos xemelgos coas armas dos Pardo e dos Castro.


Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

CARBALLO ARCEO, L.X.: “Arqueoloxía de Galicia, itinerarios polo pasado”. Ed. Nigratrea, Vigo 2006.


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

A estrada de acceso encóntrase en non moi bo estado de conservación. O xacemento está bastante cuberto de mato e vexetación, sen plan algún de conservación nin posta en valor de ningún tipo; un panel informativo, ubicado no recinto superior, encóntrase practicamente desfeito e inservible.

O uso con fins madereiros dos arredores, desfiguran o entorno e afectan á conservación dos restos, paisaxe circundante e accesos.


Onde está localizado

Latitude: 43.53710051325697
Lonxitude: -7.35560417175293
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84