Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Santiago de Compostela
Parroquia: Santiago de Compostela
Lugar: Santiago de Compostela
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval, Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

O feito que desencadeou esta gran manifestación relixiosa e cultural tivo a súa orixe no século IX, máis concretamente no ano 813, cando por indicacións do eremita Paio que estaba no lugar de Solovio, onde hoxe está a igrexa de San Fiz, e que non queda moi lonxe do actual templo, afirmaba ter visto unhas luces estrañas e oído uns fermosos cantos no bosque chamado Libredón. Teodomiro, o bispo da veciña Iria Flavia, atopou no medio da maleza unha arca e un sepulcro de mármore que veu en recoñecer como o lugar do enterramento do apóstolo Santiago. Comunicou o achado ao Rei Afonso II, que se trasladou ao lugar e dispuxo que se construíra unha igrexa, a primeira catedral de Santiago, e que unha comunidade de monxes se encargara do culto.
O templo primitivo foi substituído, en tempos do bispo Sisnando, a finais do século IX, durante o reinado de Afonso III o Magno, por outro de maiores dimensións, con dobre pórtico e tres naves, adecuados para recibir o grande números de peregrinos que por aqueles tempos chegaban xa de Europa. A cerimonia de consagración celebrouse solemnemente no ano 899, coa asistencia da familia real e once bispos. Foi destruído polo caudillo Musulmán Almanzor, que arrasou Compostela en agosto de 997. A reconstrución posterior levouna a cabo San Pedro de Mezonzo. Pola súa banda o Bispo Cresconio no IX, preocupado polos ataques de normandos, fixo importantes obras de fortificación ao redor do templo e o seu entorno. Pero a construción da gran catedral desenvolveuse entre os séculos XI e XII , promovida polos bispo Diego Peláez e Diego Xelmírez. Foi sen dúbida a época de maior esplendor de Santiago, cando os reis eran coroados nesta catedral. Os seus muros tamén dan repouso aos monarcas galegos Fernando II, Afonso IX e a muller de Afonso VII, a emperatriz dona Berenguela.

En 1075 iníciase a catedral románica que, segundo o Códice Calixtino, interviñeron na súa construción os mestros Bernardo o Vello e Roberto, e citando a principios do século XII o mestre Esteban. É un gran templo de planta de cruz latina, de tres naves tanto no corpo da igrexa como nos brazos do cruceiro e un amplo deambulatorio con coroa de capelas. Arcos de medio punto dobrados e peraltados, e piares compostos alternados, uns redondos no seu núcleo e outros cadrados. A bóveda de canón con tres arcos faxóns na nave central e de arestas nas laterais. Ten unha ampla tribuna sobre as naves laterais con triforio de arcos xeminados. Torres proxectadas nos extremos da nave do cruceiro, na intersección do cruceiro coa nave central e na fachada dos pés, que foron as únicas que se construíron no século XII, logo reformadas en estilo barroco, como todo o exterior do templo. Nos seus elementos construtivos e decorativos advírtese o carácter internacional do edificio, pois nel fúndense sistemas que vemos ao largo do camiño de Santiago, e outros inspirados no prerrománico hispánico.

A fachada que amosa hoxe a catedral cara o Obradoiro é a obra cimeira de Fernando Casas y Novoa. É unha especie de retablo de pedra, construído entre os anos 1738 e 1748, data do seu falecemento, aínda que as obras continuaron ata o 1750. Consta de un corpo central situado entre dúas torres e dous laterais de menor altura diante delas. En cada piso hai catro grandes columnas que dividen verticalmente os espazos nas que se abren portas e ventás: unha porta e dúas ventás en cada un dos laterais, máis a solemne porta central, partida por unha columna, e as dúas ventás superpostas que ocupan o grande arco central do segundo piso, sobre o que se levanta a parte que coroa a figura do apóstolo. O conxunto está cheo de detalles ornamentais: volutas, bólas, pirámides, acios, ademais dos tres grandes obeliscos que rematan. Pero esta filigrana de pedra ten o seu significado. Nos corpos exteriores sitúanse as estatuas de membros da familia do apóstolo, e el mesmo no centro, cos seus discípulos Atanasio e Teodoro. Nos nichos dos corpos laterais aparece a súa nai, María Salomé á dereita, e o Zebedeo, seu pai, á esquerda. Diante daquela, sobre os extremos da balconada inferior atópase Santiago Alfeo e Santa Bárbara, mentres que nos lados correspondentes ao Zebedeo sitúase o irmán de Santiago, San Xoán o Evanxelista.

A FACHADA DAS PRATERÍAS.
É a única das portas románica que se conserva. Edificouse entre 1102 e 1117, durante os séculos posteriores fóronselle engadindo elementos procedentes outros lugares da catedral. Está encadrada entre o edificio plateresco do claustro, obra de Gil de Hontañón e a torre do reloxo. Está organizada en dous corpos separados por unha faixa lisa e ampla cornixa con canzorros. Na de arriba hai dúas grandes ventás con arcos polilobulados e arquivoltas con motivos vexetais. Sobre elas álzase unha balconada e no espazo intermedio vense unhas figuras escultóricas referidas a anunciación. Abaixo ábrense as dúas portas do brazo sur da catedral con arcos abucinados, arquivoltas e once columnas de capiteis decorados por palmeiras, entrelazos, cabezas humanas e figuras animais.

A TORRE DO RELOXO ou Berenguela.
Álzase sobre os cimentos dunha das torres románicas que flanqueaban a porta de Praterías. O primeiro corpo, no que se ve o arranque dos arcos destinados a cubrir este pórtico, é do séculos XIV. A aparencia actual da torre, coas súas ventás, balcóns, obeliscos e pináculos coa súa suntuosa cúpula, amosan claramente o mellor barroco compostelán nos seu 72 metros de altura, e foi obra do arquitecto Domingo de Andrade, que dirixiu as obras entre 1676 e 1680.

Cara a praza da Quintana ábrese a Porta Real, entra a torre do reloxo e a ábsida da catedral. Parece que foi deseñada polo cóengo don José Vega y Verdugo e executada por José Peña del Toro, que terminou a obra no 1666, aínda que algúns autores atribúena a Domingo de Andrade. É a primeira obra barroca que se fai en Santiago. Está formada por columnas, balcóns e escudo Real, e comunica co brazo sur do templo a través dun corredor renacentista, entre a capela do Pilar e a torre do Reloxo.

A Porta da Acibechería ábrese no brazo norte do cruceiro, e era a antiga porta do Paraíso, románica e construída a finais do XI. No 1750 acordouse a construción da fachada actual, seguindo o estilo neoclásico. Os executores foron Ferro Caaveiro y Mariño e Fernández Sarela que non puideron apartarse moito do gusto barroco Compostelán, o que non foi moi do agrado do Cabido que esperaba unha fachada máis neoclásica. Paralizáronse as obras e confiouse o deseño ao arquitecto Ventura Rodríguez, executando o proxecto Luís de Montenegro. A fachada fíxose ao gusto da época, en dous corpos, con columnas dóricas no primeiro e xónicas no segundo. A alegoría da Fe e obra de Gambino, e o Santiago que coroa a porta xunto cos reis Ordoño II e Afonso III que o franquean é de Salazar.

O PÓRTICO DA GLORIA.
Ao entrar na Basílica pola porta do Obradoiro atopámonos coa grande obra do Mestre Mateo,realizada no século XII, xoia indiscutible do románico e unha das marabillas da arte universal. Divídese en tres arcos que coinciden coas tres naves da que consta a catedral e conten máis de 200 figuras de excepcional beleza. O resultado é un conxunto prodixioso, de sorprendente minuciosidade e expresividade de detalles.
O arco central amosa no tímpano unha figura xigante do Cristo sedente, mostrando as chagas da paixón, e enmarcando os catro evanxelistas escribindo. O tímpano coróano os vinte e catro anciáns do Apocalipse, todos sedentes, que se sitúan na arquivolta deste arco central. Levan nas mans diversos instrumentos musicais, arpas, cítaras e os dous do centro un organistrum. O parteluz está formado por un feixe de columnas, a máis importante das cales é a central, de mármore e historiada. No seu fuste inferior represéntase a Árbore de David, coa xenealoxía humana de cristo.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

BIBLIOGRAFÍA

CHAMOSO LAMAS, Manuel; GONZÁLEZ, Victoriano; REGAL, Bernardo: “Rutas Románicas de Galicia”, Vol. 2. Ediciones Encuentro S.A., Madrid 1997. ISBN: 84-7490-429-3

GARCÍA IGLESIAS, Xosé Manuel: “A catedral de Santiago e o Barroco”. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Santiago de Compostela, 1990. ISBN 84-85665-20-1.

PRECEDO LAFUENTE, Manuel Jesús: “Santiago y su Catedral”. Editorial Compostelana, 1992. ISBN 84-8555-36-16.

ENLACES WEB
http://www.archicompostela.org/web/catedral/movie.html
http://www.uv.es/charco/documentos/santiago.htm
http://www.porticodelagloria.com/el-portico-de-la-gloria.html

E PARA ESCOITAR OS SONS DO PÓRTICO DA GLORIA:
http://www.fundacionbarrie.org/es/programas/patrimonio/55-los-sonidos-del-portico-de-la-gloria

VÍDEOS


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.8805712943
Lonxitude: -8.54468107224
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84