Outra fotografía:

Tipo de ben: Vivenda singular,
Concello: Vigo
Parroquia: Vigo (Santiago)
Lugar: Praza de Compostela 13-14
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XIX,
Descrición:

A casa de Prudencio Nandín é unha das obras máis características do legado arquitectónico do mestre de obras Jenaro de la Fuente en Vigo. Son en realidade dous edificios proxectados e construídos en diferente momento, aínda que concebidos como un todo harmónico gardando a apariencia dunha única edificación. O primeiro deseño, realizado para o que fora alcalde de Vigo, Prudencio Nandín, é do ano 1892. Posteriormente o edificio foi mercado polo industrial conserveiro Salvador Massó Ferrer, e en 1900 Jenaro de la Fuente ergueu o edificio xemelgo, unido ao anterior por un corpo central con balcóns, que reforza a simetría característica da obra do arquitecto.

A fachada se caracteriza pola solemnidade e quilibrio da súa composición clasicista. Os cantos da fachada e o corpo central enmárcanse en pilastras almofadadas de forte resalte. Na pranta terrea ábrense arcos rebaixados, con grosas molduras nos sobrecercos, decoradas con palmetas nas claves. Sobre estes se erguían tres andares, ático e faiado, que logo foi transformado nun andar máis. No corpo central, os vans ábrense a robustos balcóns de pedra nos que se entrelazan formas cadrangulares e circulares, e están flanqueados por columnas e pilastras pareadas, de fuste acanalado con anel a media altura e capiteis nos que se superpoñen, en cada andar, as tres ordes clásicas (dórico-toscana no primeiro, xónica no segundo e corintia no terceiro). O resto das fiestras da fachada contan con balcóns de ferro, e van enmarcadas con alfices moldurados e lumieiras decoradas con puntas de diamante. Como coroación, unha balaustrada pétrea con profusa decoración de palmetas recorre as alturas servindo de baranda da terraza do cuarto andar, retranqueado respecto á liña da fachada, mentres que o corpo central, adiantado, remátase cun frontón semicircular, enmarcado nun arco de molduras moi resaltado, cun tímpano adobado coas iniciais do promotor, (SMF, de Salvador Massó Ferrer) como era costume na arquitectura burguesa do Vigo deses anos. Rematando o arco do corpo central, escúlpense volutas e un acroterio cunha grande palmeta. Todo o conxunto representa unha mostra moi valiosa da arquitectura eclecticista-historicista de De la Fuente, na que se conxugan elementos de tradición clasicista, coa liberdadade das liñas ornamentais, manifestada na traza das balaustradas e das carpinterías.

No ano 2000, o edificio foi obxecto dunha “rehabilitación” (sic) que consistiu máis ben na súa completa demolición, agás a fachada, a pesares de contar cun grao de protección “estructural” (que permitía, porén, desmontar e reconstruír o ático e o andar engadido). Hoxe da obra orixinal resta a ornamentada fachada, á que se engadiron dous andares máis (facendo un total de seis) aos catro orixinais, se ben que retranqueados respecto ao aliñamento do edificio, minimizando o impacto dentro do posible.

Durante as obras de “rehabilitación”, no soar foi realizada unha pequena escavación arqueolóxica en área, na que apareceron algúns vestixios romanos e medievais.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Residencial
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.23900108510405
Lonxitude: -8.721486926078796
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84