Outra fotografía:
Tipo de ben: Vivenda singular,
Concello: Vigo
Parroquia: Vigo (Santiago)
Lugar: Praza de Compostela, esquina Velazquel Moreno.
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XIX,
Descrición:
Paulino Yáñez, destacado importador de madeiras radicado en Vigo, coñeceu ao arquitecto francés Michel Pacewicz da man de Benito Sanjurjo, daquela residente en París, cando, xunto con outros potentados vigueses, asistiron á Exposición Universal de 1889 que se celebraba na capital francesa. Fascinados pola arquitectura ecléctica parisina e particularmente pola obra de Pacewicz, encargaron catro proxectos que o arquitecto preparou en Francia, na súa casa de Chateau-Gontier, entre os que estaba presuntamente esta casa para Paulino Yáñez.
En 1897, Michel Pacewicz viaxa a Vigo cos seus planos e deseños, pero debido a que a súa nacionalidade francesa o incapacita para asinar proxectos, debe recurrir á sinatura de outros para sacar adiante as súas propias obras. Desta maneira, o proxecto da casa Yáñez foi asinado polo mestre de obras Dimas Vallcorba, en 1900. Pacewicz acabará instalándose en Vigo definitivamente en 1904, onde residirá ata a súa morte en 1921, deixando unha fonda pegada na arquitectura burguesa da cidade, que se impregna do seu eclecticismo elegante e grandioso, influíndo de xeito notable na obra de arquitectos rivais, coma o mesmo Jenaro de la Fuente.
A casa para Paulino Yáñez ten dúas fachadas, ao facer esquina entre a praza de Compostela (Alameda) e a rúa Velázquez Moreno, concebidas nunha estética que evoca os pazos góticos urbanos do século XV, tomando elementos decorativos dos mesmos e interpretándoos de maneira completamente libre e fantasiosa. A fachada da Praza de compostela organízase arredor dun torreón lixeiramente descentrado rematado con almeas como eixo organizador dos vans, no que se destacan os balcóns voados no primeiro e segundo andar. As barandas dos balcóns, así como os antepeitos das ventás, adobianse con tracerías caladas, que tamén se repiten na crestería da cornixa, que se apoia sobre unha arquería cega de arquiños oxivais. Algúns outros detalles na decoración reforzan o sabor pseudomedieval do conxunto, coma o arco conopial do portal, os cordóns que enmarcan as fiestras, e algúns motivos heráldicos en relevo afundido (trilóbulos, colas de armiño) sobre algúns dos linteis.
A fachada de Velázquez Moreno varía lixeiramente este esquema compositivo. O corpo central (tamén lixeiramente descentrado) sustitúe os dous balcóns do primeiro e segundo andar por dúas galerías adiantadas respecto á fachada, a xeito de miradoiros, e o remate en forma de torreón almeado é aquí unha especie de frontón ou gablete mixtilíneo, cunha xanela en forma de rombo.
Pero o máis destacable do conxunto é a galería de madeira do chafrán, na esquina da edificación, onde se volven combinar elementos neogóticos tales como arquiños oxivais lobulados, tracerías caladas nos antepeitos, pináculos e remates apuntados. Cenefas verticais de cerámica esmaltada en tons dourados animan o conxunto, coroado por un gran gablete en forma de cortiña. Na pranta baixa ábrese un portal baixo arco en mitra, rematado nunha flor de lis, e rodeado das ménsulas que sosteñen a galería.
Fotogrametría:
Propiedade: Privada
Uso actual: Residencial
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.2390209427599Lonxitude: -8.721806108951569
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
1 comentario
Oscar Franco says:
Set 16, 2020
Engado a seguinte referenci web sobre este edificio:
http://arquitecturavigo.blogspot.com/2010/06/casa-yanez-michel-pacewicz-1900.html