Outra fotografía:

Tipo de ben: Institucións culturais (museos, arquivos, centros educativos...),
Concello: Vigo
Parroquia: Vigo (Santiago)
Lugar: Rúa Policarpo Sanz, 13
Outra denominación do ben: Centro Cultural "Caixanova"
Cronoloxía: Século XX,
Descrición:

O filántropo vigués José García Barbón mercara en 1904 o céntrico teatro Rosalía de Castro para poder continuar a súa actividade cultural, ante a pretensión dos seus donos, (viuva e fillos de Simón García) de transformalo nun centro comercial polas perdas que ocasionaba. Porén, en 1910, cando García Barbón xa morrera, o teatro ardeu nun grande incendio durante a celebración dun baile de antroido. Para evitar que a cidade volvese a perder o seu gran teatro, a familia de García Barbón promoveu a construcción no mesmo terreo dun novo edificio, encargándolle os planos ao arquitecto Antonio Palacios. Os novos alicerces comezaron a botarse en 1911, e en 1913 Palacios asina o proxecto, que con algunhas mudanzas, será o definitivo. As obras remataron en 1926, e o flamante teatro será inaugurado nunha solemne función o 23 de Abril do ano seguinte, recibindo o nome do principal valedor do teatro vigués, García Barbón.

A fachada principal enmárcase entre dous grandes machóns de aparello almofadado, entre os cales se extende a portada, de planta elíptica, ao igual que a parte próxima dos laterais. A planta terrea e o primeiro andar locen aparello almofadado e están separados por un amplo balcón corrido. Nambas as dúas ábrense cinco amplas portas alinteladas, sobre a rúa e o balcón respectivamente. Este andar serve de basamento a grandes columnas pareadas, de orde xigante e capitel composto, que separan e acollen outros cinco balcóns abalaustrados sobre os que se abren ollos de boi, nun esquema compositivo inspirado na fachada da parisina ópera Garnier. Sobre as columnas, disponse un friso con triglifos dobres, en correspondencia coas columnas, e metopas decoradas con grilandas, debaixo dunha ampla cornixa voada.

As fachadas laterais son máis sobrias na ornamentación, organizadas por grandes pilastras de aparello almofadado, que deixan entre si grandes ventanais rectangulares. A fachada posterior ten a súa entrada polo semisoto, debido ao desnivel do terreo cara esta parte, e sobre ela érguese un segundo corpo presidido por un monumental arco que abrangue toda a fachada e que acolle un enorme ventanal.

O edificio foi concebido non só como teatro, senón como centro multiusos, que contaba tamén cunha sá de cinema e un casino. Entre o ano 1982 e 1984, o teatro sufriu unha remodelación tras a súa adquisición pola (daquela) Caixa de Aforros de Vigo coa intención de convertilo en centro cultural. Os traballos de remodelación foron encargados ao arquitecto Desiderio Pernas, quen ergueu sobre o edificio unha cuberta de placas de cobre para acoller unha biblioteca, que foi criticada por certos sectores da cidadanía pola súa distancia co proxecto orixinal de Palacios. De feito, esta cuberta de gran envergadura e inclinación recreaba nas súas liñas a cuberta primitiva ideada polo arquitecto porriñés, aínda que sen o seu sentido monumental nin a súa profusa ornamentación, e que non se chegara a construír, deixando os teitos como terraza-miradoiro para a celebración de bailes de verán. Non foron os únicos cambios: engadíronse tamén dúas esculturas de airosos e rampantes cabalos de bronce sobre os machons laterais da fachada principal, obra do escultor Juan Oliveira Viéitez, e outras seis esculturas sobre a cornixa, alegoría das artes (pintura, teatro, escultura, literatura, cinema e música), obra de Manuel García Buciños.

No interior destaca o seu vestíbulo, con gran escalinata para o acceso aos anfiteatros, e a gran sala de concertos, con capacidade para 994 espectadores. Tamén conta con outro auditorio, con capacidade para 475 espectadores, ademais dunha biblioteca, un salón de recepcións e varias aulas e sás para exposicións e seminarios.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.23796649259043
Lonxitude: -8.723428845405579
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84