Outra fotografía:

Tipo de ben: Vivenda singular, Institucións culturais (museos, arquivos, centros educativos...),
Concello: Vigo
Parroquia: Vigo (Santiago)
Lugar: Rúa Policarpo Sanz 24-26
Outra denominación do ben: Centro Social "Caixanova"
Cronoloxía: Século XIX,
Descrición:

As Casas de Bárcena son un conxunto de sete edificacións concebidas dunha maneira unitaria promovidas por Manuel Bárcena Franco, Conde de Torrecedeira. Éste encargou o proxecto a Jenaro de la Fuente Domínguez, que comezou as obras en 1879. Daquela, a burguesía da cidade comezaba a rivalizar na promoción de edificios grandiosos cos que pretendían dar mostra do seu poder económico e o seu prestixio social, para o cal non se reparaba en gastos, nin en materiais.

O edificio, de tres andares, sitúase no canto entre a Rúa Policarpo Sanz e Velázquez Moreno, e disponse en forma de L con dúas amplas fachadas cara os dous viais, unidas por un chafrán con galerías. Jenaro de la Fuente organiza a fachada, como é habitual no seu estilo, organizándoa simétricamente a partir dun corpo central lixeiramente resaltado, destacado en altura, e cun tratamento decorativo máis delicado, ao igual que os extremos da fachada. Este corpo central distínguese polo seu aparello almofadado e os arcos de medio punto sobre pilastras sobre os vans do portal e dos balcóns, mentres que no resto do edificio recúrrese aos linteis e arcos rebaixados. Un frontón triangular sobre o balcón central do terceiro andar contribúe a acentuar o ton clasicista do conxunto, coa data de finalización do edificio (1884) ésculpida en números romanos sobre o friso. Como coroamento, un frontón ou pretil de tres arcos que acollen tres óculos ovais e as iniciais do promotor, MB, flanqueado por dúas balaustradas. Nos corpos dos extremos o esquema repítese: aparello almofadado e coroamento con balaustrada.

O resto da fachada, como é habitual no estilo ecléctico, usa motivos ornamentais diferentes en cada andar, cambiando os tipos de arco e as trazas das molduras das chambranas que os enmarcan na parte superior, e os motivos que adobian as claves dos arcos. Todo isto contribúe a animar e dotar de elegancia ao ritmo monótono da suucesión de vans e balcóns. Como remate da cornixa superior, instálase unha ringleira de xerras e floróns.

O mesmo esquema compositivo, con moi lixeiras variacións, repítese na fachada da rúa Velázquez Moreno. No chafrán que une os dous laterais, destacan as dúas galerías-moradoiro en ferro forxado voadas, no segundo e terceiro andar. O conxunto é unha das mellores mostras da arquitectura ecléctica en Vigo, e consolidou a sona de Jenaro de la Fuente na cidade, contribuíndo como poucos a definir a imaxe da cidade, hoxe desgrazadamente tan degradada.

O edificio foi mercado en 1928 pola Caixa de Aforros e Monte de Piedade Municipal de Vigo, que o ocupou entre 1930 e 1955. Nese ano, a Caixa de aforros de Vigo trasladou a súa sé principal, alugando o edificio para uso comercial. Isto provocou o seu deterioro, ao realizarse apeos e modificacións, sobre todo nos baixos, que desvirtuaron as elegantes liñas orixinais do edificio. No ano 2003, a entidade de crédito (convertida en Caixanova) rehabilitouno para convertilo en sé do seu centro social. Engadiuse unha nova cuberta, un xardín interior, e restauráronse as portas da fachada, recuperando o edificio as súas elegantes liñas primitivas. Hoxendía, o edificio acolle varias sás de exposicións nas que se apresenta unha mostra dos inmensos fondos artísticos da Fundación, ademais doutras exposicións temporais. Conta tamén cun auditorio, unha sá de recepcións, e diversos espazos multiusos.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

O Centro Social Caixanova garda a maior colección de arte galega que existe, unhas 4000 obras, das que se expoñen de xeito permanente unhas 120.


Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.237354863702386
Lonxitude: -8.722168207168579
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84