Outra fotografía:

Tipo de ben: Institucións culturais (museos, arquivos, centros educativos...),
Concello: Santiago de Compostela
Parroquia: Santiago
Lugar: Praza da Universidade s/n
Outra denominación do ben: Edificio da Universidade
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

Cando Carlos III expulsa aos xesuítas dos reinos de España, pola Pragmática Sanción de 1767, a Coroa incáutase de todos os bens e propiedades da Compañía en Santiago, e cédellos á Universidade, entre elas o antigo Colexio dos Xesuítas, coa súa igrexa anexa. No marco dunha fonda transformación da Universidade, caracterizado pola secularización e a modernización do plan de estudos, a institución acomete a construcción dun novo edificio que serva de sé ás súas aulas, nos terreos dese antigo Colexio dos Xesuítas.

A autoría da traza do edificio é discutida. Sábese que o primeiro proxecto foi realizado por Miguel Ferro Caaveiro, e posteriormente reformado por Melchor de Prado e Mariño, a quen se atribúe xeralmente o deseño. As obras comezaron en 1769, e prolongáronse con diversas vicisitudes e cambios de plans ata 1805. Mais tarde, o edificio sufriu transformacións que alteraron a fachada primitiva e engadiron unha altura máis á construcción.

O edificio ten planta cadrada, organizado arredor dun gran claustro ou patio central, construído con perpiaños regulares de granito. Orixinariamente contaba con dous andares, a planta terrea e outra superior, comunicadas por unha escaleira de dobre tiro na entrada. A planta inferior ten unha galería ou corredor arredor do patio, cuberto con bóveda rebaixada, á que se abren as aulas, mentres que os andares superiores teñen teitos rectos.

A fachada, de estilo neoclásico e académico, de gran sobriedade, organízse de maneira simétrica, con dous corpos lixeiramente adiantados nos extremos, decorados con pilastras xigantes de orde xónica, e un corpo central con escalinata e pórtico de columnas tamén xigantes, de orde xónica e fuste liso, montadas sonbre altos plintos. Columnas e pilastras sostexen un entaboamento con friso liso, sen decoración. Na planta terrea ábrense fiestras alinteladas mentres que nos andares superiores os vans cúbrense de arcos rebaixados.

Primitivamente, a porta de entrada estaba coroada por un frontón triangular, co preceptivo escudo de España no centro do tímpano flanqueado por dous leóns, e unha monumental estatua de Atenea-Minerva como acrótera acompañada de figuras de xenios ou nenos nas esquinas, obra do escultor José Ferreiro. Esta disposición primitiva alterouse profundamente a finais do século XIX ao engadir un novo andar ao edificio, que supuxo a supresión do frntón e a eliminación das estatuas, que hoxe decoran a Facultade de Química. Como resultado da reforma, no lugar do frontón, directamente sobre o entaboamento, ubicáronse catro estatuas colosais exentas, que representan a catro benefactores da Universidade: Lope Gómez de Marzoa, Juan de Ulloa, Álvaro de Cadaval e o conde de Monterrei. Sobre o muro, no centro, instalouse un panel en relevo que representa á alegoría da sabedoría coroando con follas de loureiro á mocidade estudantil. A un lado e outro deste relevo locen sendos medallóns cos retratos dos fundadores da Universidade, Diego de Muros (III), e Alonso III de Fonseca. Coroando a cornisa superior, dúas figuras femeninas sosteñen un escudo coas armas abreviadas da coroa española.

No interior, destaca o paraninfo, decorado con frescos de Fenollera e González, as bibliotecas (co amplo salón de lectura, de 1923, e a monumental biblioteca América, fundada por emigrantes, con fondos procedentes da diáspora galega), e o salón do reitorado, co seu cadeirado de madeira do século XVII.

O edificio foi primeiro sé da Universidade, logo facultade de letras, para finalmente aloxar á facultade de Xeografía e Historia dende a creación da titulación nos anos 70.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Patrimonio da Humanidade
Elementos mobles:

Destacan os fondos bibliográficos, con máis de 80.000 volumes, as coleccións de epígrafes romanos e outros obxectos arqueolóxicos e os cadros de homenaxe a intetelectuais galegos, emblemas e reposteiros que adornan as galerías.


Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

PÉREZ RODRÍGUEZ, Fernando. “El proceso constructivo de la fachada principal de la Universidad de Santiago (1790-1805): su arquitectura y escultura”. Cuadernos de Estudios Gallegos, Tomo XLV, Fascículo 110, Santiago 1998.
http://estudiosgallegos.revistas.csic.es/index.php/estudiosgallegos/article/viewArticle/209


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.87877091383608
Lonxitude: -8.541955947875977
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84