Outra fotografía:

Tipo de ben: Pazo / Casa Grande,
Concello: Maceda
Parroquia: Santiso (Santa María)
Lugar: Santiso - Outeiro Muíño
Outra denominación do ben: Casa Grande
Cronoloxía: Século XIX,
Descrición:

Este edificio de gran sinxeleza ten unhas dimensións de 25 metros de longo por 17 metros de ancho, facendo un total aproximado de 400m cadrados de vivenda. De estilo popular, mestúranse na construción engadidos posteriores con materiais modernos, propios do século XX, como o aluminio, usado tanto para as fiestras como para a porta de acceso.

A “Casa Grande” ten unha planta cadrada, dúas alturas e cuberta a catro augas de tella. Na fachada principal, orientada ao leste, hai un acceso exterior con patín perpendicular ao muro, con chanzos de bordes redondeados. Aos lados deste dous balcóns sobre ménsulas de perfís torneados con fiestras acristaladas con batente a dous corpos, adinteladas e simétricas. Nos muros laterais, grandes arcos rebaixados, coa luz ocupada por galerías acristaladas. Estes apóianse sobre lumieiras con ménsulas de perfís torneados nos que hai gravados baixorrelevos de motivos xeométricos.
Na contrafachada, dous balcóns idénticos aos da fachada principal e no centro unha “portadaire”. A cornixa está moldurada.

Rodeando a casa vese un baixo muro de granito que engloba tamén un patio en torno ao cal hai, ademais, outras edificacións destinadas ao traballo agrícola e gandeiro, como currais ou unha bodega, así coma un cabaceiro tradicional da zona, feito en madeira, granito e tella.

Segundo a memoria oral dos veciños da zona, o veciño máis vello da aldea, falecido fai uns dez anos, recordaba que lle contaran quen viviron canda construción da casa, que o muro é dobre, de perpiaño isodomo en granito e recheo de cachotería de esquistos, de gran solidez, construído alá polo ano 1850 con axuda de bois.
A pesar de que non existen inscricións visibles nas pedras relativas ao ano de construción da casa, sábese, por este tipo de recordos, que sería de mediados do século XIX.

A casa emprázase nunha grande finca dunhas 3 hectáreas de terreo na zona sur da aldea de Santirso, nun lugar coñecido co nome de Outeiro Muíño.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:

Contan os veciños que a casa foi construída a mediados do século XIX por un nobre chamado Don Victoriano, un home alto, delgado e con barba (algo que na época so levaba a nobreza). Non se sabía se Don Victoriano tiña estudios pero non traballaba, e sen embrago os 3 fillos que tivo fixeron carreira: unha moxa, un cura e un químico. A casa chegou a ser a máis importante de todo o Concello de Maceda (que daquela era moito máis extenso que na actualidade) incluso por enriba do Castelo de Maceda. Aqueles que tiveron familiares servindo na casa contan que no interior hai cinco habitacións tan grandes que “tan só unha delas xa fai unha casa”, un salón tamén grande, unha cociña, un baño e un corredor de 2 metros de ancho. A cociña era pequena, xa que a diferencia da xente pobre, esta só era usada para as súas funcións, e non se facía vida nela. O máis chamativo de todo é que o baño é do século XIX, coa baixante en pedra labrada, algo excepcional para a época. A casa tiña ademais cheminea e auga corrente, que levaban dende un regato próximo.

Cóntase que Don Victoriano morreu no ano 37 tendo 80 anos.

Hoxe en día a casa está en mans daqueles seus netos que aínda viven.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Catálogo do PXOM do Concello de Maceda (Ourense), Ficha nº 32.3. Ref. C-26
(http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/MACEDA/documents/0449CA009.pdf p. 1)

Outra documentación:
– Memoria oral de veciños de Santirso.


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

O estado de conservación é, en xeral, bo, xa que mantén certa funcionalidade e usos agrícolas e gandeiros. Como excepción poderíase sinalar o peor estado da cuberta, onde as tellas se atopan descolocadas, ou algúns cristais rotos das galerías. Actualmente non reside ninguén alí, pero algún veciño encárgase de atender os terreos.


Onde está localizado

Latitude: 42.23989268769284
Lonxitude: -7.569783926010132
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84