Outra fotografía:

Tipo de ben: Fábrica,
Concello: Vigo
Parroquia: Vigo (Santiago)
Lugar: Rúa de García Barbón, 70
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XIX, Século XX,
Descrición:

As políticas proteccionistas adoptadas a finais do século XIX polos diferentes gobernos da Restauración borbónica para estimular a industria española e o comercio interior tiveron consecuencias contraproducentes para algúns sectores industriais en despegue, e nomeadamente para a florecente industria conserveira galega. Daquela primábase o consumo de folla de lata “nacional”, procedente de Bilbao, mentres que a folla de lata inglesa, máis barata e de mellor calidade, só podía ser importada mediante cupos moi restrictivos. O problema agravábase cando o suministro bilbaíno era incapaz de satisfacer a crecente demanda das conserveiras, imposibilitadas de importar máis folla de lata inglesa, obrigando mesmo a ter que parar a producción en 1899, e provocando grande malestar e a demanda da industria conserveira de liberalización do comercio da folla de lata.

Nese contexto xurde a iniciativa de construcción dunha fábrica de estampación de folladelata, da man de tres magnates da conserva, Antonio Alonso, José Barreras e Guillermo Curbera, quen fundaron en 1900 a Sociedade Anónima “La Metalúrgica”, da que José Suárez Pumariega foi o seu director xerente. A fábrica debía encargarse do suministro de folla de lata estampada en cores polo método de litografía á industria conserveira.

O proxecto inicial, obra do enxeñeiro José Barreras Massó, constaba dun corpo central de dous andares, con dúas naves laterais dispostas de xeito simétrico. A construcción combinaba a economía de medios propia da arquitectura industrial (muros de tixolo con revoque) co uso da pedra nos paramentos baixos e nos cantos, e con elementos decorativos propios da arquitectura ecléctica. A fachada principal contaba cun acceso baixo arco carpanel sostido por pequenas pilastras acanaladas, mentres que os vans do primeiro e segundo andar enmarcábanse en arcos de medio punto xeminados sostidos tamén en pilastras. Como coroamento, unha cornixa curva que se partía no frontis nun pretil co nome da empresa e a data da fundación. Posteriormente, a fábrica foise ampliando (en 1917 con proxecto de Jenaro de la Fuente Domínguez, e en 1938 con proxecto de Francisco Castro) con novas naves a cada lado que presentaban na fachada, á altura do primeiro andar, frontóns curvos con grandes óculos circulares no centro, e outros corpos laterais de dous andares que repetían, con lixeiras variacións o esquema organizativo do corpo central, mantendo a decoración e simetría orixinais e a harmonía do conxunto.

Co ocaso das conserveiras viguesas, a fábrica pechou a principios dos anos 80. Pasou a convertirse en parque de bombeiros, e máis tarde en depósito de vehículos da policía. As conseguintes adicións e os apeos nos accesos alteraron a simetría e a harmonía do edificio, que acabou en estado semirruinoso. Na actualidade, o soar pertence ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social, e carece de uso. Está a piques de licitarse a construcción da Tesourería da Seguridade Social no mesmo terreo.

A fábrica é un dos exemplos máis fermosos da arquitectura industrial viguesa, ademais dun testemuño histórico da súa puxanza económica, da súa capacidade de adaptación, e do efecto multiplicador da industria conserveira na economía galega, ao estimular sectores auxiliares, como a construcción naval, a motonáutica, as redes de transporte e servizos, ou como é o caso a metalurxia de transformación.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

O edificio está catalogado, (ficha A-092 do catálogo do PXOM de Vigo) e conta cun nivel de protección estructural, que obriga a “restaurar as fachadas orixinais e a tipoloxía, a distribución dos ocos e o cromatismo” dos enfoscados pintados. Acábase de anunciar a inminente construcción dun edificio de 9 andares neste terreo, como sé da tesourería da Seguridade Social, co visto bó da Dirección Xeral de Patrimonio, que ao parecer recuou na súa inicial postura de protexer de xeito íntegro o edificio para aceptar que se respectase tan só a fachada. Descoñécense outros detalles do proxecto, e como un edificio de nove alturas se pode integrar coa edificación existente sen que perda a súa personalidade e valor.


Onde está localizado

Latitude: 42.23735883533768
Lonxitude: -8.711085319519043
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84