Outra fotografía:

Tipo de ben: Cruceiro,
Concello: Porto do Son
Parroquia: Goiáns (San Sadurniño)
Lugar: A Silva
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Descoñecida, Século XIX,
Descrición:

Este cruceiro de capeliña sitúase na aldea da Silva está actualmente incrustado no muro dunha finca privada. Porén, a familia recorda que antigamente estaba dentro da finca, e que posteriormente atrasouse o muro quedando o cruceiro incluído nel, quizais por mor da construción do camiño que lle pasa por enfronte, que tamén foi motivo da perda dun dos tres chanzos que tiña.

Tipoloxicamente é un cruceiro de capeliña, moi típico na zona, feito en granito cunha altura total de 4’45 metros de altura. A plataforma é cadrada de dous chanzos e con pedestal cuadrangular. O fuste é robusto e nunha soa peza. Na parte inferior é máis ancho e de sección cuadrangular para continuar cunha sección octogonal ata unirse coa capeliña por medio dunha base moldurada. A capeliña, pintada no seu interior, é de estrutura sinxela, sen decoración nos laterais pero si na parte posterior, aparecendo a figura, xa erosionada, dun bispo en baixorrelevo. A capeliña, que se pecha cunha porta de madeira e cristal, alberga a figura da Virxe pregando, feita en escaiola ou similar tamén pintada. No seu interior foi instalada fai uns trinta anos iluminación eléctrica que corre da conta da familia “dos do Cruceiro”.
A cuberta é a catro augas e sobre a súa bóveda sitúase a cruz, de catro brazos iguais, con remates decorados na sección dos brazos horizontais, e cun remate na parte superior que recorda a un capitel corintio. No anverso, baixo cartela sen inscrición lexible, figura de Cristo crucificado con tres cravos, coa cabeza inclinada á dereita, coroa de espiñas e levando pano de pureza anodado á esquerda.
No reverso aparece a Piedade suxeitando nos brazos a Cristo morto.
Actualmente é usado para pregarlle á Virxe, coñecida como “Virxe dos Camiños”, algún favor, polo que é habitual atopar velas alumando á Santa e ofrendas como mazarocas de millo.

Pódese chegar a el dende Portosín collendo a estrada “do Carballal” e pasando un camiño moi estreito denominado “a Pomeda”, ao final do cal se pode ver o cruceiro na beira. Tamén se pode chegar dende a C-550 (indo cara Portosín dende Poroto do Son) collendo o desvío Silva- Mantoño (á dereita) e seguindo recto sen desviarse ata entrar na aldea da Silva, e collendo cara a esquerda no segundo cruce. A escasos metros atópase o cruceiro.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
 A maior da familia dos do Cruceiro conta que a santiña ten outras sete irmáns (outros sete cruceiros) que se miran entre si, mesmo dende a outra beira da Ría de Noia.

Segundo Manuel Mariño del Río, (2005: 60-61pp) eses sete cruceiros serían os de: Miñortos, Portosín, Loreto (Noal), Tores (Nebra), dous en Porto do Son e Montemuíño (Baroña).

Actualmente non se observa ningunha inscrición relativa á cronoloxía, pero sábese que pode ter polo menos 120 anos, xa que a familia conta que foi feito por un antepasado seu, quizais un bisavó da que hoxe é a máis maior da familia.

Na ficha do PXOM do Concello de Porto do Son (do ano 2012, actualmente en trámites de aprobación) recóllese que ten a categoría de BIC declarado. Ademais actualmente a familia alegou ao Concello de Porto do Son pola adquisición neste catálogo do cruceiro á propiedade municipal.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Memoria oral da familia á que pertence o cruceiro.

BIBLIOGRAFÍA
MARIÑO DEL RÍO, M.: “Os cruceiros de Porto do Son”. Comisión de Festas Do Carme, 2005. 60-65 pp.

Catálogo do PXOM do Concello de Proto do Son. Ficha nº E_053. 2012. (Actualmente en trámites de aprobación)

ENLACES WEB
http://www.dicoruna.es/ipe/proyectos/turmas/infoturmas/busca_r ecurso_detalle.php id_detalle=2784


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

O estado de conservación é bo exceptuando as alteracións estéticas provocadas pola instalación eléctrica ou a pintura, ambas xa moi antigas.
Viríalle ben unha limpeza de liquens, pero polo resto atópase en bo estado de conservación.


Onde está localizado

Latitude: 42.74838503985086
Lonxitude: -8.943498730659485
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84