Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Santiago de Compostela
Parroquia: Santiago de Compostela
Lugar: Alameda-Carballeira de Santa Susana
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval, Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

O bispo Diego Xelmírez orientou a política do seu episcopado (1101-1136) ao engrandecemento da súa sé de Compostela, para o que usou tanto das dúas altas dotes diplomáticas como da súa falla de escrúpulos. Así, conseguiu do papa Calisto II que Compostela fose recoñecida como Sé metropolitana, a pesares da oposición de Braga e Toledo, convertíndose en arcebispo en 1120, e asemade legado pontificio para os reinos de León e Galicia.

Nese contexto, e para socavar a importancia da Sé de Braga, a antiga capital histórica da Gallaecia, Xelmírez aproveitou unha visita a Braga para sustraer daquela Sé unha colección de importantes reliquias,no que se deu en chamar o “pío latrocinio”, e trasladalas a Compostela, onde, en plena efervescencia do culto ás reliquias, a súa presenza serviría para xustificar a supremacía da sé apostólica. Entre estas reliquias estaban as de Santa Susana, e as de San Fructuoso, para as que Xelmírez consagrou novas igrexas en Santiago. Santa Susana acabou por ser designada patroa da cidade.

O templo primitivo foi consagrado en 1102, e reformado en 1105. Da fábrica románica só quedan algúns restos na portada. Un pórtico con dobre arquivolta, de arcos simples, que descansan sobre sendas parellas de columnas nos derrames, con basa sobre plinto, fuste liso e capitel pseudocorintio. Sobre a porta ábrese unha xanela con arco de medio punto. O tellado, a dúas augas, ten unha cornisa voada que se apoia sobre canzorriños decorados con follas e róleos. Coroando o pincho, érguese unha fermosa cruz calada, decorada con motivos entrelazados.

O edificio foi reconstruído case por enteiro no século XVII, ampliando o testeiro, de planta cadrada, reforzado con grandes contrafortes. No século XIX foi engadida a torre para os sinos, no lado norte xunto a fachada. De planta cadrada, a parte alta conta con catro vans a cada lado, con pretil abalaustrado e arquiños de medio punto sobre pequenas columnas nos derrames, con capiteis pseudocorintios que imitan aos da portada. A cornixa da torre decórase cunha moldura de dentes de serra, e como coroamento, unha cupuliña.

O adro está rodeado por un muro, no cumio do monte onde está a alameda de Compostela. Na mesta carballeira que o rodea, celebrábase cada xoves a tradicional feira de gando de Santiago, ata que foi trasladada a Salgueiriños. A Carballeira de Santa Susana tamén foi o escenario onde se celebrou a asamblea na que se fundou a Santa Irmandade de Galicia en 1465, inicio das revoltas e guerras irmandiñas.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Patrimonio da Humanidade
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

A igrexa sufriu recentemente ataques vandálicos por parte de grafiteiros maleducados. Tamén ten algúns vidros rotos.


Onde está localizado

Latitude: 42.87749135386114
Lonxitude: -8.549270331859589
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84