Outra fotografía:

Tipo de ben: Institucións políticas (concellos...),
Concello: Pontevedra
Parroquia: Pontevedra
Lugar: Praza de España s/n
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XIX,
Descrición:

O Concello de Pontevedra está situado sobre os terreos que ocupaba un bastión da muralla medieval, a chamada Bastida Grande, xunto a porta de Santo Domingo, e que durante a Idade Moderna, foi utilizado como dependencias do propio Concello. Foi a partir de 1875 que xurdiu a idea de construír unha nova sé máis cómoda, para o que en 1876 decidiuse derrubar o vello edificio para construír unha nova casa consistorial.

O Concello aprobou os planos presentados polo mestre de obras Alejandro Rodríguez-Sesmeros González, fillo do tamén mestre Domingo Rodríguez Sesmeros, fronte ao proxecto do arquitecto municipal, Justino Flórez Lamas, considerado demasiado oneroso. O novo edificio presentaba a novidade de orientar a fachada cara a actual Alameda, antigamente coñecida como Campo da Verdade ou Campo das Rodas, en lugar de facelo cara a cidade vella. Esta orientación privilexiaba á nova cidade extramuros que medraba dende o derrubo das murallas en 1855, e xunto coa edificación de outros edificios administrativos e quipamentos arredor dos xardíns da Alameda, converterán a esta no grande espacio urbán para a expansión e lecer da nova burguesía da cidade. O proxecto foi asinado o 1 de Decembro de 1876, pero a primeira pedra do edificio non foi colocada ata o 10 de Outubro de 1877, continuándose a obra ata o 3 de Agosto de 1880, data en que foi recibida polo consistorio.

O Concello de Pontevedra inscríbese dentro do eclecticismo arquitectónico de influencia francesa, e inspírase na arquitectura barroca e rococó, sobre todo nos seus detalles decorativos. Amosa unha planta rectangular, con dous andares. A planta baixa aséntase sobre un basamento almofadado, con pilastras tamén almofadadas que recorren as esquinas do edificio. A fachada organízase simétricamente a partir dun corpo central destacado, no que se abre a porta, con arco de medio punto decorado por unha coroa de follas de carballo, simbolizando a fortaleza, flanqueada por dous pares de columnas sobre plintos, de fuste estriado e capitel xónico. Na planta alta, disponse un balcón abalaustrado, tamén con porta de arco de medio punto, decorada con palmas e loureiros enmarcando a clave do arco, no que aparece esculpido un escudo de España, no que o cuartel central está ocupado polas armas da cidade. Outros dous pares de columnas a cada lado, desta vez de orde corintia, dipóñense en correspondencia coas da planta baixa. A un lado e outro ábrense as fiestras, con pretís abalaustrados e arcos rebaixados decorados con grilandas esculpidas de follas e froitos, e nas ménsulas do andar alto, escudetes coas armas de Pontevedra. Coroando o edificio, unha balaustrada corrida sostén vasos ou cráteras nas esquinas e aos lados do corpo central, cun frontis semicircular decorado cunha grilanda e un reloxo.

O Concello de Pontevedra foi un dos primeiros grandes proxectos de Alejandro Rodríguez-Sesmeros, marcando moitas das pautas do que será o seu estilo, un eclecticismo de sabor francés, no que o academicismo outorga a severidade que require un edificio burocrático, ao tempo que a súa refinada decoración suliña o significado político-administrativo da construcción, convertíndoa nun fito urbán.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé, “Casa do Concello de Pontevedra”, en Boletín Académico de la ETSA (Escola Técnica Superior de Arquitectura), nº 15, A Coruña, 1992.
http://ruc.udc.es/dspace/bitstream/2183/5225/1/ETSA_15-7.pdf


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.431995464889624
Lonxitude: -8.646835684776306
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84