Outra fotografía:

Tipo de ben: Institucións políticas (concellos...),
Concello: Pontevedra
Parroquia: Pontevedra
Lugar: Avenida de Montero Ríos, s/n
Outra denominación do ben: Pazo Provincial de Pontevedra
Cronoloxía: Século XIX,
Descrición:

A Deputación Provincial de Pontevedra foi a derradeira en constituírse de Galicia, en 1836, e tivo a súa sé durante décadas nas dependencias do desamortizado convento de San Francisco. Non foi ata os anos 70 do século XIX en que se acometeu a empresa de dotarse dunha sé propia. Un primeiro proxecto presentado polo arquitecto municipal Justino Flórez en 1878 foi desestimado. En 1882, Domingo García Sesmeros, e o seu fillo Alejandro, que rematara pouco tempo atrás as obras do Concello con grande aceptación, presentan unha nova proposta, de corte moi clásico e academicista, tentando conseguir o maior número de apoios á proposta axeitándose a un gusto conservador. Porén, o proxecto definitivo será ben diferente, e nel se fará notar a influenza do estilo ecléctico e o peculiar sentido decorativo de Alejandro García-Sesmeros adoptando algunhas das propostas ensaiadas no edificio do Concello. O plano foi aprobado en 1883, e as obras se prolongaron, con algunhas vicisitudes, ata 1890.

O edificio, realizado en pedra, ten planta cadrada e dous andares. A fachada organízase de xeito simétrico, cun corpo central e outros dous laterais lixeiramente adiantados, todo asentado sobre un basamento de perpiaño liso. Diante do corpo central unha escalinata dá paso aos tres vans do acceso principal, con arcos de medio punto, enmarcados por columnas adosadas de fuste estriado e capitel xónico. O piso alto remárcase cun gran balcón abalaustrado, sostido sobre catro ménsulas, ao que se abren outros tres arcos de medio punto remarcados por outra columnata adosada, desta vez de orde corintia. Sobre a cornixa érguese un ático ao que se abren, en correspondencia cos vans, tres ollos de boi, e sobre este, un frontón triangular, no que campa o escudo de armas da provincia. Os dous corpos laterais amosan aparello almofadado na primeira planta, mentres de a segunda está adornada por dous pares de pilastras adosadas, con capiteis compostos. O van deste piso alto destácase con balcóns de pretil abalaustrado. Sobre a cornixa, instálase un frontón curvo, con decoración de placas xeométricas no tímpano. A decoración, de delicada canteiría, inscríbese nas molduras arredor das fiestras alinteladas, e nos adornos sobre os linteis, con imaxinativas volutas, palmetas e rocallas.

No interior, destaca a monumental escalinata, e a iluminación a través de grandes lucernarios no tellado. O edificio acolle algunhas significativas obras de arte, e é sé da Bienal de Arte de Pontevedra.

A proposta dos dous Rodríguez-Sesmero consolidan o triunfo da arquitectura ecléctica na cidade, axeitándose especialmente ás necesidades de distinción, simbolismo e grandilocuencia da nova orde política-administrativa liberal e da clase burguesa. Os ecos da súa influenza poden percibirse noutros exemplos da arquitectura institucional da provincia e do país como pode ser o Colexio da Inmaculada de Marín, ou o Instituto Otero Pedrayo de Ourense.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.430180070863706
Lonxitude: -8.648155331611633
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84