Outra fotografía:

Tipo de ben: Faro,
Concello: A Coruña
Parroquia: Oza (Santa María)
Lugar: Praia de Oza
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XX,
Descrición:

A idea de instalar este faro foi decidida pola Comisión de Faros en abril do ano 1904 co fin de facilita-la entrada de buques polo canal norte da ría da Coruña. A Dirección Xeral de Obras Públicas ordenou o 4 de xaneiro de 1908 ó enxeñeiro Salvador López Miño que procedera a redactar o proxecto, aprobándose en xullo do mesmo ano coa proposta de situación sobre unha antiga Batería e Forte que alí existía. O proxecto definitivo de López Miño, datado do nadal de 1909 e remitido en febreiro de 1910, aproveitaba plantexamentos con respecto ao recentemente rematado faro da Illa Lobeira Grande.
O proxecto definitivo non foi aprobado ata o 17 de xaneiro de 1911, adxudicándollelas obras en poxa celebrada en setembro a Juan Mosquera Morano por 24.500 pesetas que logo aumentarían en 4.992 pesetas por obras imprevistas de cimentación e accesorios.
Preto do ano 1914 cando xa estaba case rematada a construción, para montar o aparato e lanterna da casa Barbier, ordénase aumenta-la altura do torreón en 10 centímetros xa que se mercaría unha lanterna de maior diámetro que a proxectada inicialmente.
Entregouse definitivamente o edificio en 1915 ficando o faro acendido na noite do 20 de agosto de 1917.
O edificio, en apariencia cadrado, en realidade está composto por dous pavillóns de 11 metros de longo por 5 de ancho, dispostos paralelamente á torre cadrada no seu primeiro corpo e octogonal no segundo que ocupa aproximadamente a zona central; cara ó mar dá un patio descuberto pechado por unha cancela, mentres que outro espazo similar pero cuberto servía como vestíbulo para entrada principal. Esta permitía acceder pola esquerda á sala do enxeñeiro, almacén de petróleo, cuarto de limpeza e oficina, pero tamén a un corto corredor que comunicaba coa base da torre e a súa escaleira. Pola dereita do vestíbulo pasábase ás dependencias do torreiro, co dormitorio, sala, cociña e retrete.
A torre fabricouse de mampostería revestida de sillería, con subida por medio dunha escaleira interior de caracol de fundición.
Concibido como unha luz de dirección ou enfilación ao menos dende 1908, esta foi substituída nas súas funcións no ano 1955 pola nova enfilación situada na punta Fiateira, xa que co novo dique de abrigo e a conseguinte variación do rumbo de entrada de buques no porto da Coruña. Por iso, no ano 1963 levouse a cabo a supresión do servizo deste faro de Oza, caendo o seu edificio nun completo abandono e ruína.
No ano 1997, foi recuperado pola Autoridade Portuaria da Coruña cun proxecto de rehabilitación encargado a Carlos Fernández Gago, aínda que parece que desde entón ninguén foi ata alí para adecentar aquilo. Na fotografía podemos ollar o catavento dobrado e en vez de marca-los ventos, sinala o ceo, como indicando certamente, co faro pasou a mellor vida.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

SÁNCHEZ GARCIA, J. A.; VÁZQUEZ-IGLESIAS, J. L.; YAÑEZ RODRÍGUEZ, J. M.: “Faros de Galicia”, Fundación CaixaGalicia, 2004.
SÁNCHEZ TERRY, M. A.: “Faros españoles del océano”, Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo, 1987.
SÁNCHEZ TERRY, M. A.: Los faros españoles, historia y evolución”, Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo, 1991.


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.34750735438874
Lonxitude: -8.384097218513488
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84