Outra fotografía:

Tipo de ben: Fonte, Industria, Paisaxe natural,
Concello: Mondariz-Balneario
Parroquia: Mondariz Balneario.
Lugar: Saidoiro.
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XX,
Descrición:

Cara 1862 foi descuberto o manancial de Troncoso polo crego Domingo Blanco Lage, e nove anos máis tarde, Enrique Peinador descubría a fonte salutífera de Gándara. En 1873 ambos mananciais foron declarados de utilidade pública e recoñecidas científicamente as súas propiedades curativas.

As fontes ou “buvettes” dos balnearios son o xérmolo e punto de referencia dos mesmos. Grandes balnearios europeus como os de Evian ou Vichy converteron as súas fontes en pequenos templos e en definitiva nos seus emblemas, algo ao que non permaneceu alleo Mondariz tal e como se viu durante a primeira década do século XX.

A fonte de troncoso brota no lugar de Saidoiro, na beira esquerda do río Tea. O manancial, entón delimitado por un muro de canteiría, carecía das mínimas dotacións. Vai ser entón, a partires do ano 1907 cando comecen as obras que cubrirán o lugar cunha galería. A disposición que tomou a obra foi a dunha marquesina de ferro e cristal adosada a un pavillón con destino ao engarrafamento de augas.Tanto a galería como o pavillón presentan planta rectangular. A marquesina disponse mediante dez columnas con fustes de varios tramos rematados en capiteis florais. As mesmas sustentan unha exigua cornixa con diferente decoración segundo os seus tramos e entre as columnas, na metade baixa, preséntase unha baranda profusamente decorada.

No seu interior presenta dous niveles: un primeiro nivel a ras do chan que se traslada cara o interior mediante un balcón que bordea interiormente a marquesina. Para o acceso á parte inferior que se atopa por baixo da rasante do chan, o balcón ábrese en dúas escadas que descenden formando un arco ondulante desde os laterais cara o centro. Deste xeito, fronte a rectitude da estrutura sustentante enfróntanse as liñas curvas do nivel inferior que crean unha sensación de movimento que a súa vez suxire unha maior amplitude espacial.

Anexo a marquesina de ferro atópase o pavillón. Mostra un claro contraste compositivo e material xa que se o corpo anexo era de ferro e cunha concepción onde predomina o van, a curva e a profusión decorativa, o pavillón realízase en granito cunha arquitectura na que domina o macizo sobre os vans. Trátase dun corpo rectangular, exento de ornato en claro contraste coa parte de ferro con tres vans en arco centrais e pilastras nas esquinas.

A fonte de Troncoso tivo a súa correspondente “réplica”, salvando leves diferencias, na fonte de Gándara. As dúas presentaban unha marquesina metálica co adxacente pavillón de engarrafamento e unha similar composición ornamental. A marquesina metálica de Gándara desapareceu cara os anos vinte do século XX para transformarse, grazas aos arquitectos Joaquín Otamendi e Antonio Palacios, nun elegante templete con reminiscencias palladianas.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

PÉREZ, Y. “El Balneario de Mondariz: la creación de un lugar (1873-1931)”. Santiago de Compostela 2005. Páxinas 298-299.


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.22628891741359
Lonxitude: -8.475624918937683
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84