Outra fotografía:
Tipo de ben: Castro / Outros xacementos da Idade do Ferro, Ermida,
Concello: Carballiño (comarca) / Punxín / San Amaro
Parroquia: San Cibrao das Las
Lugar: Monte do Santrocado
Outra denominación do ben: A Capela do Santrocado
Cronoloxía: Idade do Ferro,
Descrición:
Situado a 550 metros de altitude, o cumio do Monte do Santrocado alberga un pequeno castro, moi cercano ó de San Cibrao das Las, pero que semella ser un complemento defensivo e de vixilancia deste último. Está a pouca distancia, cara o sur, caendo as ladeiras deste monte á ribeira do Miño. O monte é rico en referencias arqueolóxicas, como o poboado que se situaba nesta ladeira sur, entre Laias e Barbantes, que a autovía fixo desaparecer. Foi estudado por CUEVILLAS, CHAMOSO LAMAS e ROMERO MASIÁ, entre outros. Actualmente aínda poden verse os derrubes dalgúns lenzos de muralla, aínda que foi obxecto de continuas agresións por obras. Unha serie de penedas presentan inscricións e coviñas, de diverso tamaño. FARIÑA BUSTO e XUSTO RODRÍGUEZ (Coto do Santrocado) falan dun asentamento morfolóxicamente conformado por dous recintos: un superior ou croa, e outro anexo a el polo sector norte, a xeito de antecastro. Estes mesmos autores enmarcan a “primeira” ocupación do Santrocado nun horizonte transicional Bronce Final/Ferro inicial, cara o século VII antes de Cristo.
Unha capela de culto inmemorial foi erguida alí, en honor de San Trocado. Claro síntoma de cristianización de incómodos cultos antigos. É pequena, de construción sinxela e con un tellado prolongado na súa fachada principal e apoiado en dúas columnas con capitel moi sinxelo. Nesta fachada existen, ó lado da porta, dúas ventás con reixas. A cuberta é a dúas augas. Está orientada de norte a sur, coa cabeceira cara o norte. Conserva unha inscrición dunha data (1739) na súa fachada leste. A capela pertence á parroquia de San Cibrao das Las (concello de San Amaro), pero o cumio do monte é compartido entre as parroquias de Ourantes e Las. O día 15 de maio era a romería do San Trocado, a que acudían catro parroquias, cuxos límites conflúen no monte do Santrocado: as citadas Ourantes e Las, Eiras e Laias.
ENRIQUE BANDE RODRÍGUEZ (La romería de San Torcuato. Caixa Rural. Ourense, 1984) fálanos da capeliña dicindo que “disfruta de un prestigio tradicional. El día 15 de mayo de cada año se juntan allí desde tiempos lejanos las gentes de las parroquias erigidas al pie del monte. A las doce de la mañana se hace allí la tradicional procesión, la bendición de los campos, viñedos y montes del entorno. La bendición la hizo siempre el párroco de San Ciprián de Lás por estar situada la ermita dentro de los límites de su parroquia (…)”.
Falando da capela, dinos que “a los pies, esto es, al Norte, se abre una puerta y dos ventanas que dejan ver la ermita desde el exterior para que las gentes recen al santo y dejen alguna limosna. Delante de la puerta principal se levanta un alpendre sostenido por una pared que le preserva de los vientos del Norte (…)”. “Esta ermita en otros tiempos albergó la imagen del San Torcuato (…)”.
ANTONIO RODRÍGUEZ COLMENERO en (“La Galicia Meridional Romana”. Bilbao, 1977) di que “en el complejo arqueológico de San Cibrán das Las cabe distinguir un doble yacimiento: el que corresponde al cerro en donde se asienta la ermita de San Torcuato y el extenso poblado situado más al NE, cerca del actual pueblo de Lás. El primero conserva restos de murallas, plantas de cabañas y un pozo semiciego. Es posible también que hubiese existido allí algún templo o santuario, cuya advocación pagana quedaría sustituida por la cristiana de San Torcuato”.
Así, podemos considerar o pequeno castro do Santrocado como un apéndice do castro de Lámbrica (San Cibrao das Las e Ourantes) cara o sur, favorecendo a vixía do val do Miño e do tráfico fluvial, á vez que aproveitando as veas minerais de estaño e de ouro presentes no subsolo deste emblemático monte do Miño central.
Fotogrametría:
Propiedade: Comunal
Uso actual: Forestal
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Dato descoñecido
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
BANDE RODRÍGUEZ, E.: La romería de San Torcuato. Caixa Rural. Ourense, 1984.
RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Galicia meridional romana. Universidad de Deusto. Bilbao. 1977.
FARIÑA BUSTO, F.; XUSTO RODRÍGUEZ, M: “Coto do Santrocado (San Amaro, Punxín, Ourense)” en Arqueoloxía e Informes 2. Campaña 1988. Xunta de Galicia.
VVAA, Gran Enciclopedia Galega (voces “Lás” e “San Amaro”). Santiago, Xixón. s.d.
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:
A capela permanece en uso, pero o castro atópase completamente abandonado e en retroceso. Sucesivas obras para facer aparcamentos estragaron boa parte do xacemento.
Onde está localizado
Latitude: 42.348153416319Lonxitude: -8.0310648679733
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
1 comentario
elixiovieites says:
Out 23, 2012
Páxina das normas complementarias e subsidiarias do planeamento provincial de Ourense, concello de Punxín, onde sae o Castro de San Trocado: http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/GALICIA/documents/OURPA005.pdf