Outra fotografía:

Tipo de ben: Pazo / Casa Grande,
Concello: Pontevedra
Parroquia: Pontevedra
Lugar: Praza da Pedreira
Outra denominación do ben: Pazo da Pedreira
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

Situado na Praza da Pedreira, é un dos exemplos máis sobranceiros da arquitectura civil barroca na cidade de Pontevedra. O pazo foi construído para José Manuel Valladares y Figueroa, o morgado de Quintáns, en San Estevo de Noalla, e foi obra do mestre canteiro Pedro Antonio Ferreiro, natural de Muimenta, que rematou a construcción (agás o pincho do escudo) no ano 1771.

O edificio conta cunha sobria e monumental fachada organizada de maneira simétrica arredor dun eixo central, con arco de entrada, balcón e pincho, e sendos corpos laterais. A planta terrea disponse como un soportal que dá acceso ás antigas cortes e adegas, con sete arcos carpaneis (tres a cada lado do arco central), sostidos por columnas de orde toscana de escaso porte. Sobre este soportal, disponse o segundo andar, con fiestras de corpo enteiro baixo arcos rebaixados, e sen máis decoración que un recercado. Diante da fiestra central disponse un pequeno balcón voado, con peitoril de ferro.

O corpo central remárcase mediante dúas pilastras adosadas e lisas, iguais ás que tamén encadran os cantos da fachada, coroadas éstas por pináculos torneados. Sobre o corpo central érguese un monumental frontispicio, que é a parte máis destacada da fachada. No centro dun frontón semicircular partido, instálase un fermoso escudo labrado, e sobre este, no centro dun novo frontón partido, un reloxo de sol. Coroando o conxunto, loce un sol de pedra, cuxos raios emanan dun rostro de rideiras fazulas.

O escudo é unha das pezas máis notables da gran cantidade de pedras blasonadas da cidade. Nun escudo cuartelado, repártense as armas das liñaxes dos Figueroa, os Arango, os Quirós e os Omaña, e sobre éstes, uníndoos no centro, un escudo novamente cuartelado, nos que se alternan, nos cuarteis, castelos con xaquelados, presumiblemente representando aos Valladares. Rodeando os blasóns, como decoración, retórcense volutas e rocallas moi do gosto rococó, sobre as que pendura o rostro dun sátiro na parte inferior, mentres que a superior aparece coroada cun elmo emplumado, virado á esquerda. Curiosamente, este escudo foi motivo dunha agria disputa entre o primeiro titular do pazo e os procuradores síndicos de Pontevedra. Cando a labra, obra dun mestre canteiro da Pobra do Deán, foi instalada no pincho en 1773, pretendeuse a súa retirada por cuestionarse o deeito do dono do pazo a portar esas armas, o que obrigou a Manuel Valladares a dar probas documentais da súa fidalguía para conservar o seu escudo.

Na fachada posterior, destaca a ampla solaina que se abría antano como un mirador sobre o Lérez.

O edificio pasou por circunstancias variadas. Dividido en varias vivendas,
nos anos 50 do século XX serviu de local á Academia de Estudos Jovellanos. Actualmente é propiedade do Concello de Pontevedra, quen encargou a súa rehabilitación e restauración ao arquitecto Jesús Aser Fole. Nas súas dependencias está instalada a sé do Consello Regulador de Orixe do viño das Rías Baixas, mentres que os seus salóns son usados en actos protocolarios, culturais e sociais polo Concello.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.433600965845926
Lonxitude: -8.643456101417542
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84