Outra fotografía:

Tipo de ben: Industria,
Concello: Cangas
Parroquia: Cangas (Santiago), Darbo (Santa María)
Lugar: Salgueirón
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XX,
Descrición:

A fábrica de Conservas da empresa “Hermanos Massó” en Cangas é un dos máis notables exemplos da arquitectura industrial do século XX en Galicia, interesante non só polos seus valores estéticos, senón tamén históricos, ao estar estreitamente vencellado á historia da vila de Cangas e ao desenvolvemento industrial das Rías Baixas. Forma parte dun gran complexo industrial que incluía, ademais da conserveira, unha planta de procesado de baleas, ademais de derivados da pesca (fariñas e aceites), outra de envases, varadoiros para a reparación de buques, obradoiros de reparación mecánica, planta frigorífica, salgadoiros, vivendas para o persoal e gardería.

A orixe da conservería Hermanos Massó está na veciña localidade de Bueu, onde chegan os primeiros Massó, familia de orixe catalana, a comezos do século XIX, e onde instalan a primeira fábrica. Nos anos 30 do século XX os Massó expanden o seu negocio abrindo unha nova factoría en Cangas, ao mercar unha antiga fábrica de salga tras a creba financiera do seu propietario, o conserveiro italiano Paganini. Os Massó foron mercando os terreos anexos a esta primeira edificación, usada primeiramente como almacén, con vistas a crear un gran complexo fabril.

A fábrica foi proxectada polo enxeñeiro Tomás Bolibar Sequeiros, cuñado de Gaspar Massó, e o arquitecto Jacobo Esténs Romero. O edificio amosaba varias innovacións técnicas importantes, co uso do formigón armado e o aceiro roblonado na estructura, así coma planteamentos conceptuais herdeiros do modernismo e o racionalismo. As obras da factoría comezaron en 1937, en plena guerra civil, e foi inaugurada en 1941.

O edificio principal da fábrica de conservas ocupa unha explanada parcialmente gañada ao mar. Ten planta rectangular, cunha superficie que abrangue unhs 16.000 metros cadrados, ofrecendo o seu lado longo como fachada fronte á ría. O espazo interior está dividido en catro grandes naves lonxitudinais cubertas con tellado a catro augas. A fachada érguese sobre un zócalo macizo sobre o que se dispoñen amplas superficies acristaladas, divididas en dous andares, entre trabes verticais de formigón que compensan a horizontalidade do conxunto, e que lle outorgan un aspecto livián e transparente, nun concepto inspirado na galería acristalada da casa tradicional galega. O carácter horizontal do edificio tamén é compensado pola elevación dunha torre nunca esquina, concebida como elemento simbólico e xerarquizador, coroado por un reloxo e o nome da fábrica coa súa típica tipografía modernista en azul.

A fábrica de Massó en Cangas responde ao periodo de extraordinario crecemento en vendas vivido durante a Guerra Civil, co suministro de conserva ao exército faccioso. A factoría convertíase no eixo de todo un complexo fabril que concentraba todas as actividades relacionadas coa empresa: unha fábrica de envases, varadoiros de reparación da flota pesqueira, un gran taller mecánico para o mantemento das maquinarias, unha fábrica de fariña e aceite de peixe, cámaras frigoríficas (que constituían unha novidade), vivendas para o persoal, e mesmo unha gardería para dar servizo ás moitas mulleres que traballaban no complexo.

O complexo fabril reestructurouse nos anos 60 abandonando a producción de envases. A crise dos anos 70-80 lastrou a marcha do negocio, en crise aberta xa coa morte de Gaspar Massó en 1991. A fábrica pechou definitivamente as súas portas en 1996, permanecendo dende entón en estado de semiabandono.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

Os terreos pasaron á propiedade dos antigos traballadores tras o embargo efectuado pola xustiza, sendo vendidos xunto coa concesión de costas á empresa “Frigoríficos del Morrazo S.A.”. Ésta tentou sacar proveito dos terreos mediante a recalificación dos mesmos por medio dun convenio urbanístico co Concello no 2004. Por este convenio, un sector de costa relativamente pouco urbanizado, con amplas zonas verdes e con estes e outros valiosos vestixios do esplendor da industria conserveira pasaban a ter uso residencial, coa construción dun hotel, edificios de vivendas e un porto deportivo. Esta operación provocou unha airada reacción veciñal e un prolongado litixio que se prolonga ata hoxe. Os intentos de declarar a fábrica de Massó Ben de Interese Cultural foron sistematicamente adiados pola Xunta por “razóns orzamentarias”. Por outra banda a fábrica está incluída no Plan Nacional de Patrimonio Industrial, e seica conta cun Plan Director.


Onde está localizado

Latitude: 42.25401367477766
Lonxitude: -8.788880109786987
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84