Outra fotografía:

Tipo de ben: Escudo / Epígrafe, Pazo / Casa Grande, Institucións culturais (museos, arquivos, centros educativos...),
Concello: Pontevedra
Parroquia: Pontevedra (San Bartolomeu e Santa María)
Lugar: Pontevedra - Rúa Don Filiberto, 11
Outra denominación do ben: Bar Pitillo, Casa dos Puga
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

A Casa das Campás é unha das tres construcións máis antigas que se conservan da cidade de Pontevedra, e posiblemente a máis vella de todas. Trátase dunha edificación de tres plantas con tres portas con grandes doelas, característico do século XV, das cales dúas rematan en arco conopial e a outra plana. Presenta dous vanos por planta en cada paramento a excepción dun balcón con ménsulas no derradeiro andar no lateral. Entre os vanos da fachada no primeiro andar preséntanse dous escudos heráldicos labrados en pedra. Destaca a moldura de bezantes como remate dos paramentos e dúas gárgolas no mesmo na fachada principal.

Non hai documentación que aclare as súas orixes, pero pódese saber a súa datación aproximada grazas aos escudos presentes na fachada e ao estilo característico das portas. Un dos escudos, o máis pequeno, representa dúas esporas e dous caldeiros. Identifícase como pertencente a liñaxe dos Puga, señores de Regodeigón, en Ribadavia. O outro, consiste nunha garza que sostén un escudo acuartelado cun contrafaxado e león en punta con cinco rodas en aspa. É atribuído por algúns autores á familia García Camba. Estas labras preséntanse tamén en Ribadavia testemuñando os vínculos económicos en torno ao comercio do viño entre as dúas vilas.

Non é deica o ano 1587 cando aparece a primeira documentación escrita da Casa das Campás. Por aquel entón, había unha igrexa parroquial, San Bartolomeu o Vello, a escasos metros da edificación que por razóns que se descoñecen non dispuña de campá e non sería ata o ano 1637 cando comeza a construción dun campanario. É por isto que para chamar aos fregueses, usábase o carillón da casa dos Puga, que nesta época pasara a mans dos monxes benedicitiños de San Salvador de Lérez.

O mosteiro de San Salvador de Lérez percibía en concepto de rendas forais abundante cantidade de viño que atesouraba nas bodegas que, os benedicitiños posuían no propio mosteiro e na propia Casa das Campás. Un ano regular, o mosteiro, dispuña nesta casa duns dez toneis, que equivalían a 24 pipas de 210 azumbres cada unha, uns 12.000 litros.

En tempos máis recentes da posguerra, esta casa foi coñecida como Bar Pitillo porque no establecemento que había no biaxo se adoitaba obsequiar aos clientes con tabaco.

Nos anos oitenta de século pasado quedou en estado de abandono, sendo adquirida en 2000 polo concello, quen acometeu nesa mesma data as labores de restauración. Actualmente sirve como sede do Vicerreitorado da Universidade de Vigo.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

Pequeno escudo labrado na pedra, acuartelado con dúas esporas e dous caldeiros, pertencente a liñaxe dos Puga, señores de Regodeigón, en Ribadavia. Tamén posúe outro escudo heráldico en pedra de dous metros de altura. Consiste nunha garza que sostén un escudo acuartelado cun contrafaxado e león en punta con cinco rodas en aspa, é atribuído por algúns autores a familia García Camba. Ambos son de finais do século XV.


Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

BIBLIOGRAFÍA
FORTES BOUZÁN, Xosé: “Historia de la Ciudad de Pontevedra”. Galicia EditoriaL, S.A. A Coruña, 1993 (p. 121)
JUEGA PUIG, Juan: “La Casa de la Campana y de los vinos del coto del Lérez”. Faro de Vigo. Luns, 28 de xeneiro de 2013. Ed. local, p. 5.
MESSIA DE LA CERDA Y PITA, Luís F.: “Heráldica, escudos de armas labrados en piedra existentes en la zona de Pontevedra”. Excma. Diputación de Pontevedra. Pontevedra, 1989 (pp. 170-177)

ENLACES WEB
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/PONTEVEDRA/documents/2486CA613.pdf (p. 3, tomo 6, ficha 4-50-15.)


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.43226272129293
Lonxitude: -8.64621877670288
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84