Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Pontedeume
Parroquia: Pontedeume (Santiago)
Lugar: Pontedeume
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

Edificio de gran riqueza arquitectónica, que lle vén dada polas distintas contribucións que foron feitas en séculos diferentes e nos seus correspondentes estilos. Debido a un incendio, da primitiva igrexa tan só se conserva a capela maior, edificada no ano 1538, por mandato de Fernando de Andrande e Pérez das Mariñas, mentres que o resto do templo foi reconstruído no século XVIII, por mandato do Arcebispo Raxoi, rematando as obras no ano 1763. A capela maior, inscrita nun corpo cuadrangular, posúe un arco de ingreso apuntado e percorrido por delgados baquetóns que se continúan polas xambas, sobre pequenos capiteis. A través da rosca do arco e da xamba esténdese unha faixa de decoración vexetal, constituída na parte da nave por un armazón que vai trazando eses, mentres que pola parte da capela vai deixando tras de si grandes cabezas de cardo. A estrutura aérea da capela vén dada a través dunha gran bóveda estrelada, de dezasete claves, presentando a principal unha decoración composta polo escudo de don Fernando de Andrade. Os nervios apoian sobre ménsulas, unidas entre si por unha liña imposta. Nos costados da capela ábrense cadanseus ocos de medio punto baquetonados e situados a considerable altura. Proveniente das obras feitas no século XVIII é o arco sepulcral aberto no espazo correspondente ó Evanxeo, e nel atópase o sepulcro de don Fernando de Andrade, que anteriormente estaba situado no centro da capela. En conxunto, o interior da capela encádrase dentro do gótico flamenco, que alcanza o seu esplendor na capela do Hospital Real de Compostela.
Cara ao exterior, grosos contrafortes angulares contrarrestan os empuxes da bóveda, mentres que a cornixa posúe unha decoración renacentista e diversas gárgolas que recollen as augas. O século XVIII corresponde o corpo no que se inscriben as tres naves -principal e laterais- e a fachada principal, de aí que presenten características barrocas propias do seu tempo. A fachada organízase en tres lenzos, ocupando os laterais cadansúas portas de entrada e as torres campanario. No lenzo central, separado dos laterais cadansúas columnas, sitúase a porta principal, decorada con orellóns e aplacados, un espacioso oco e, como remate, unha torre campanario de dous corpos que remata nunha pequena cúpula.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta: RI.000011086
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

SORALUCE BLOND, J.R.; FERNANDEZ FERNANDEZ, X.: «Arquitecturas da provincia da Coruña, Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez». Vol IX. Deputación Provincial da Coruña, 1997.
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/PONTEDEUME/documents/28003ca003.PDF


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.4057490024
Lonxitude: -8.17160189152
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84