Outra fotografía:

Tipo de ben: Ponte,
Concello: Cabanas / Eume (comarca) / Pontedeume
Parroquia: Pontedeume (Santiago) - Cabanas (Santo André)
Lugar: Pontedeume - Cabanas
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval, Século XIX,
Descrición:

A ponte orixinal situada sobre o Eume foi obra de Fernán Pérez de Andrade, por privilexio do rei don Juan I o 20 de marzo de 1384. Construída sobre outra anterior, máis que ponte, paso, que servira para cruzar o río, segundo a afirmación do cóengo Jerónimo del Hoyo de que o primeiro señor de Pontedeume construíra esta ponte na súa totalidade e que houbera outra de construción romana anterior a ela. Un primeiro dato aparecido data do ano 1162, sendo este documento unha doazón a través do cal transfírense fondos para manter a ponte en bo estado, indicando que antes desta data a ponte xa existía. O material utilizado para a construción deste primeiro enlace entre as dúas ribeiras do Eume foi a madeira, sendo xa no século XIV cando hai unha renovación nas pautas viarias do momento obrigando á reconstrución, utilizando para tal fin un material moito máis resistente e duradeiro: a pedra.

Hai numerosas descricións da ponte, variando dunhas a outras a tipoloxía da mesma. Segundo unhas ordenanzas datadas no ano 1622, a ponte tiña 78 arcos dos cales, 7 foron eliminados só 27 anos despois, segundo documentos posteriores. O número de arcos variou de 71 no ano 1655 a 58 no ano 1721 e 50 no ano 1862. En canto a súa lonxitude, e a pesares de sufrir a supresión de arcos e a substitución dos existentes de estilo gótico por outros semicirculares, a ponte apenas variou, medindo 851 metros no ano 1649 a 847 metros no ano 1721. Tamén se sabe que sobre ela foi construído un hospital de peregrinos e unha capela adicada o Espírito Santo. A ponte posuía tamén dúas torres situadas. A Primeira, ou Torre da Ponte, entre os arcos 8 e 9; e a Segunda, ou Torre do Risco, entre os 40 e 41. O conxunto da capela e hospital estaban situados entre os arcos 20 e 21. Había ademais, ó final da ponte, no estremo de Cabanas, un cruceiro, seguramente anterior ó ano 1600. Textos do século XVII testemuñan que o cruceiro non sempre estivo ó final da ponte senón que, antigamente estaba a case 42 metros do final. Entre os arcos 2 e 3, situados sobre pedestais, ficaban situados o oso e o xabaril, símbolos de Fernán Pérez “o Boo”. Polo leste do rio existían dúas escaleiras, unha á altura do arco 9 e outra no 39. O conxunto era de pedra de cantería e a súa anchura non superaba os 3,3 metros, sen contar os tallamares que medían 1,8 metros de ancho.

No ano 1588, debido a un avanzado deterioro, lévase a cabo a primeira gran reparación da ponte, sendo finalizada no ano 1595, como así se expón nas ordenanzas municipais de 1622, onde queda plasmada la preocupación polo seu estado. En documentos do século XVII, faise alusión a que no ano 1647 a ponte sufriu a caída de varios arcos, interrompendo o seu paso e que foi debido ó intenso tráfico que soportaba ademais das riadas en épocas de abundante choiva. Vinte anos máis tarde, e non sen problemas, sobre todo no ámbito económico para costea-la súa reparación, a ponte foi reparado por Sebastián Méndez, mestre de obras da Vila de Barallobre. Entre os anos 1791 e 1820 o hospital desaparece e no ano 1843 a ponte quédase sen as súas dúas torres, a capela e os símbolos dos Andrade: O xabaril e o oso.

A antiga ponte medieval estaba xa moi deteriorada ficando en pé uns cantos arcos, polo que no ano 1862 abriuse un paso provisional de madeira, coa fin de que durara uns anos, e sobre a que se foi construíndo durante ese tempo un máis estable. No ano 1863 ábrese este novo paso, e ese mesmo ano remátase a demolición dos restos da antiga ponte medieval. A ponte definitiva comezaría a funcionar no ano 1870, aínda que a pasarela de madeira aguantou ata o ano 1873.

A vida desta nova ponte foi curta, pois o 26 de decembro de 1874, o Eume arrasaría os tres primeiros arcos, deixando unha vez máis o tráfico interrompido. No ano 1876 apróbase a creación dun novo revestimento provisional de madeira sobre a zona danada, o cal duraría ata o ano 1881, un ano antes comezarían a seguinte obra, utilizando a pedra como material. No ano 1889 a obra estaría rematada.
A ponte actual é, basicamente, a mesma que se inaugurou no 1889, pero con modificacións externas. Hoxe en día, a ponte está composta por 15 arcos cunha luz que varia entre os dez e os doce metros. A cantería é o material por excelencia, empregada en muros, tallamares e balaustrada e sobre ela transcorre a estrada nacional 651.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Infraestrutura
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:

Fai moitísimos anos viviu nestas terras unha fermosa moza que posuía inmensas riquezas e tódolos terreos que hai dunha e outra beira do río Eume. Un día quixo visitalas súas facendas da ribeira oposta e atravesou o río, que por entón era moi pouco caudaloso, nunha lixeira embarcación. Detívose tanto tempo na outra beira que cando volveu a buscalo seu batel para volver ó castelo, atopouse coa inesperada sorpresa de que o río crecera moitísimo e convertérase nun brazo de mar, tal e como é hoxe. O batel e os dous homes que nela quedaran foran arrastrados pola corrente. Isto irritou bastante á moza dama que precisaba volver de inmediato o seu castelo, pois asuntos urxentes  requeríana alí. Maldixo a  súa sorte, pero ó pouco tempo apareceu ó seu carón, discretamente, un mozo ben vestido que falaba de moi boas maneiras. Este brindóullela oportunidade de atravesar facilmente o río sen pedirlle á dama outro favor que o de marcar co seu selo un pergamiño que o mozo portaba arolado na súa man. A desesperación da moza dama, no seu desexo por chegar canto antes o seu castelo, levouna a asinalo pergamiño sen deterse no seu contido. De seguida apareceu ante os seus ollos a ponte que hoxe atravesa a ría, envolto nunha diabólica fumareda. O cheiro a xofre apestou a comarca durante varios días. Ó mozo non se lle volveu a ver ata un par de anos despois. Chamou nas portas do castelo e  solicitou unha audiencia coa dama. Entón requiriulle que cumprira co  que pactaran e selaran no pergamiño, en virtude do cal a impaciente moza dama  obrigábase a entregárllela súa alma. Esta era a recompensa que o mozo requería. Pero o rapaz non era máis ca unha imaxe irreal tras do cal  escondíase o demo. Para cumprilo pactado levou á dama á parte máis elevada da ponte e ordenoulle que se tirase ás frías augas do río. Angustiada, a dama pediulle protección ó Espírito Santo e o demo  veuse obrigado a abandonar a súa presa, desaparecendo para sempre. No lugar destes feitos a nobre dama mandou construír unha capela e, dende entón, a ponte chamáronlle Ponte do Demo,  e así foi derivando en Ponte-demo… Pontedeume.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

BIBLIOGRAFÍA
BOGA MOSCOSO, R.: “Guía dos castelos medievais de Galicia”. Edicións Xerais, 2003.
COUCEIRO FREIJOMIL, A.: “Historia de Puentedeume y su comarca”. Pontedeume, 1942.
SORALUCE BLOND, J.R.; FERNANDEZ FERNANDEZ, X.: «Arquitecturas da provincia da Coruña, Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez». Vol IX. Deputación Provincial da Coruña, 1997.

ENLACES WEB
http://www.pontedeumeturismo.es/historia/monumentosmaisimportantes_gl.htm#puente
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/PONTEDEUME/documents/28003ca003.PDF


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.4089213056
Lonxitude: -8.16956341267
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84