Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Baralla
Parroquia: Berselos
Lugar: Berselos
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

Pequena igrexa de estilo románico, situada xunto o ramal dunha vía romana e do Camiño a Santiago, construída a finais do século XIII. Trátase dunha singular peza do románico galego, dunha soa nave rectangular con cubrición a dúas augas, con laxas de lousa colocadas sobre trabes de madeira. Os muros son de cachote, agás nas partes nobres, como os cantos e o arco triunfal que separa a ábsida da nave.

A ábsida, máis pequena que a nave tanto en anchura como alzado, cúbrese con bóveda de casca, que arranca sobre unha liña de imposta resaltada cunha moldura. Nos muros do testeiro están calados con pequenas xanelas seteiras, e no muro da esquerda ábrese unha porta de arco de medio punto polo interior e alintelado polo exterior. Os aleiros da nave e da ábsida apóianse sobre canzorriños con decoración moldurada.

O elemento máis destacable da igrexa é a portada, con arco de medio punto con dúas arquivoltas formadas por grosos baquetóns decorados por formas vexetais que simulan apreixalos. As dúas arquivoltas descansan en dous pares de columnas finas adosadas nos derrames, con basa sobre plinto, fuste liso dunha soa peza de sección redonda e capiteis pseudocorintios, con dous ordes de volutas a xeito de follas vexetais estilizadas e cimacio con decoración xeométrica. Nunha das columnas gravouse un epígrafe fundacional, onde aparece o nome do artífice da igrexa: PELAGIUS FECIT OP(us).

As arquivoltas acollen un tímpano rodeado por un semicírculo de pérolas, e no que re sepresenta, en baixorrelevo, un año místico, mirando á dereita e portando unha cruz. Diante del, medra unha planta con forma de flor de lis, mentres que detrás aparece axeonllada unha figura cun neno no colo. Sobre eles, unha man failles acenos de beizón dende unhas nubes.

Sobre a portada ábrese unha xanela seteira, baixo unha arquivolta simple, en aresta e unha chambrana con decoración xeométrica, que se apoia en columniñas de fuste monolítico e capiteis pseudocorintios. A un lado e outro sobresaen dúas ménsulas que indican que a porta tivo en tempos un alboio ou cuberta protexento a entrada.

No interior hai un retablo maior do século XVII, con representacións de san Martiño bispo de Dumio, Santa Bárbara, e a Inmaculada, e outro neogótico coas figuras de santa Tereixa e santo Antonio. No ano 2005, ao retirar o retablo saíron á luz unhas pinturas, tapadas por varias capas, na ábsida e que representa o Xuízo Final; un Pantocrátor sedente e en actitude de bendicir domina a escea; tamén se ve o anagrama JHC (Cristo Salvador).


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Resolución de 14 de maio de 1991 (DOG do 12 de xullo) pola que se ordena a publicación das normas complementarias e subsidiarias de planeamento das provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. (páx. 6.490 e 6.491).
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/GALICIA/documents/LUGPA002.pdf


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.84771296469286
Lonxitude: -7.289222180843353
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84