Outra fotografía:

Tipo de ben: Institucións políticas (concellos...),
Concello: Ourense
Parroquia: Ourense
Lugar: Praza Maior
Outra denominación do ben: Casa do concello de Ourense
Cronoloxía: Século XIX,
Descrición:

O Pazo do Concello actual, de estilo ecléctico é un airoso edificio de cantería moi ben traballada, con detalles dunha singularidade excepcional, como o escudo de España, as columnas que sosteñen aos tres arcos de 3,60 m. de luz cada un, apoiados en piares intermedios de case un metro de espesor e piares extremos de 1,45 m. de grosor.
Os distintos piares van decorados nos ángulos con columnas de capitel dórico sobre os que se apoian as arquivoltas dos arcos.
Frontóns curvos coas súas molduras sitúanse sobre a cima das fiestras e portas. A principal está flanqueada por pilastras de orde toscano e no centro do tímpano luce o escudo municipal. A porta actual está formada por elementos metálicos e cristal (e desentoa co edificio sendo, polo tanto, manifestamente mellorable).
A decoración do primeiro e segundo andar limitarase a doce pilastras, seis para cada andar, de orde composto situadas nos eixes das columnas e dos estribos e dos piares intermedios. Os ocos do primeiro andar levan antepeitos de ferro fundido.
Cada andar está separado por unha cornixa formada por molduras de diferente ancho.
Agora, o arquitecto que deseñou o edificio, non se esqueceu de facelo con pórtico de tripla arcada, (o anterior non tiña) en harmonía co resto dos edificios da Praza con soportais que defenden aos peóns como refuxio nos días de chuvia o que lle da unhaunidade aínda que a Casa do Concello quede separada polas rúas da Barreira e bispo Carrascosa.
O proxecto do novo Consistorio foi deseñado polo arquitecto e profesor da Academia de San Fernando domiciliado en Pontevedra, Manuel de Uceda, presentado co lema: Labor improva omnia vincit, seguindo as cláusulas do concurso público que previamente se tiña convocado.
Non tardou o Concello en sacar a subasta as obras da nova Casa acordándose adxudicala ao coruñés Francisco Cao López pola cantidade de 65.998 pts.
No mes de novembro de 1885 a construción estaba moi avanzada, non obstante e por diferentes motivos as obras prolongaranse ata o ano 1889 e rematáronse axustándose a un novo proxecto do arquitecto municipal José Antonio Queralt e Rauret no que se renunciaba a retirar 1,5 m. o plano da fachada do segundo andar do xeral do edificio, ademais de diversas melloras respecto do ornato, enriquecendo a súa proposta con estatuas alegóricas á agricultura e á industria e outras decoracións, que pese a gustar aos concelleiros, por motivos de economía estes aditamentos caerían no esquecemento, á igual que determinadas grilandas e estrelas debuxadas por Queralt para decorar os espazos situados baixo a cornixa principal do edificio que nunca chegaron a esculpirse.
Un elemento moi singular da fachada que engadiu Queralt foi un escudo de grandes dimensións situado debaixo do reloxo e por riba da fiestra central do segundo andar. Trátase dun brasón de España con tódalas armas dos Austrias e dos Borbóns: Castela, León, Aragón, Sicilia, Granada, Borgoña, Bravante, Flandes, Tirol, os tres lises borbónicos, e o escudo de Galicia, distinguíndose perfectamente o copón e a Hostia do milagre do Cebreiro. Está timbrado con coroa real e rodeado polo colar da Orde do Toisón de Ouro, cuxo Gran Mestre corresponde ao rei de España desde os tempos de Carlos I. Asoman dúas cabezas de aguia pola parte superior do brasón, elemento decorativo moi singular; non se trata de ningún «paxarraco», senón dun elemento utilizado pola heráldica da monarquía española, desde os tempos do rei Carlos I. Na parte inferior, e fora do escudo, aparecen dous leóns enfrontados, en posición estática, e todo o escudo está rodeado por adornos heráldicos e polas columnas de Hércules coa divisa Plus Ultra, incorporadas tamén polo rei Carlos I como elemento exterior.
Chama poderosamente a atención a presenza do escudo de Galicia introducido nun escudo da monarquía española, feito autenticamente insólito.

O actual Salón de Plenos foi decorado polo artista vasco, José Soler de Bilbao, que tamén interveu no Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo, e antes de vir a Ourense foi o encargado de decorar o Casino de San Sebastián. Adecoración consiste en unha serie de grutescos e candelieri, moi utilizados por ese tempo a imitación das antigas pinturas romanas da época de Nerón que foron descubertas na Domus Aurea no monte Esquilino.
A fermosa escaleira principal de acceso ao primeiro andar do edificio dende a planta baixa, esta feita con madeira de nogueira polo mestre carpinteiro Ricardo Proenza que tiña taller na rúa dos Fornos.
E os escanos dos concelleiros son obra doutro artesán ebanista, don Cándido Cerreda Pérez, que curiosamente tiña sido Alcalde do Concello Ourensán durante a primeira república e, polo tanto, na data de cando se esborrallou o vello edificio do Concello. Tivo unha grande reputación o seu obradoiro, e de alí saíron moitos mobles de madeira que nalgunhas casas ourensáns aínda se poden contemplar.

O vello edificio do Concello de Ourense tiña o seu asento no mesmo solar que hoxe ocupa a actual Casa Consistorial, é dicir, na Praza do Campo, Logo Praza da Constitución, que hoxe é coñecida por Praza Maior.
Este vello edificio databa de finais do século XVII e segundo a investigadora dona Olga Gallego, decidiuse a súa construción no ano 1697, porque a casa que viña funcionando como Concello desde o ano 1519 atopábase ameazando ruína tras moitos remendos e engadidos, o que deu lugar a que se acordase construír un novo edificio, para o que contrataron a súa traza ao mestre Francisco de Castro Canseco.

Con o seguinte recorte do ano 1873, dato moi significativo, amósanos o que ocurriu con esta edificación:
“Un suceso ruidoso tuvo lugar en la madrugada del 24 de octubre. Sin el menor aviso y sin que precediera la voz preventiva de sálvese quien pueda, se vino abajo toda la parte alta de la Casa Consistorial. De entre los escombros fueron extraídos con síntomas de asfixia y serios magullamientos, los dos guardias municipales, que constituían el reten nocturno”. Esborrallouse o edificio, sen ter que lamentar vítimas, polo que houbo que trasladar tódalas dependencias, primeiramente, ao Hospital de San Roque situado na Alameda do Concello, cedido pola Deputación, e por pouco tempo, xa que axiña pasou a ocupar a casa chamada de Quintás, que estaba situada na rúa de San Miguel xustamente facendo esquina coa actual rúa do Paseo, e ata que se construíu o novo edificio, ocupou tamén unha parte do Seminario Conciliar de San Fernando, mentres se realizaba a obra na Praza Maior.

Información: Fernando González Suárez (O vello e actual edificio do concello de Ourense)
ourensenotempo.blogspot.com.es/2010/11/casa-do-concello.html


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

-Fernando González Suárez. O vello e actual edificio do concello de Ourense.

-Olga Gallego Domínguez. Las Casas Consistoriales de la ciudad de Orense. Boletín Auriense. Tomo X (1980) pp. 107-117.

-Javier Limia Gardón. Un artista leonés en tierras de Galicia. Tierras de León nº44, pp. 69-74. La Región, 17 de julio de 1980.

-José Fernández Fernández. Arquitectura del Eclecticismo en Galicia (1875-1914). Volúmen I pp. 37-38
Fotos:
http://ourensenotempo.blogspot.com.es/2010/11/casa-do-concello.html
http://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Casa_do_concello_de_Ourense.jpg
http://cdn.geolocation.ws/geolocation_media/panoramio/07613/p-076139415.jpg
http://farm4.staticflickr.com/3205/2613661645_f335758d35_z.jpg
http://farm6.staticflickr.com/5164/5362847388_e1c411d93a_z.jpg
http://mw2.google.com/mw-panoramio/photos/medium/49696199.jpg
http://mw2.google.com/mw-panoramio/photos/medium/26226904.jpg


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.33551282635157
Lonxitude: -7.863882780075073
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84