Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa, Pazo / Casa Grande, Vivenda singular,
Concello: Santiago de Compostela
Parroquia: Vista Alegre (San Xoán)
Lugar: O Espiño
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XX,
Descrición:

O Pazo residencial da finca do Espiño foi promovido polo político Ramón Gutiérrez de la Peña y Quiroga. Sobre a autoría do proxecto hai dúbidas, pero todo parece apuntar ao arquitecto Jesús López de Rego y Labarta, que levaría a cabo esta obra entre os anos 1910 e 1915. Sobre a obra escultórica que o decora a xeito de gárgolas e relevos tamén hai discusión e podería ser achacable a Ramón Núñez ou a López Pedre.

A súa concepción achégase aos ideais romántico-pintorescos en canto á súa situación nun entorno axardinado e rodeado por un bosque xunto ao río. Esta idea cobra forza tamén si se ten en conta a súa traza estilística na que se mestura o modernismo con elementos eclécticos e medievalizantes. Conscientemente, parece que se tratou de darlle tanto unha planimetría como un alzado que remitise aos dos pazos medievais galegos. Deste xeito, creouse un edificio de planta irregular, lograda mediante unha forma de composición paratáctica, e cun alzado escalonado adaptado á pendente onde se sitúa.

A fachada principal preséntase orientada cara ao sur e nela sobresae a torre. Tanto en planta como en alzado, esta queda englobada noutro corpo de perfil máis baixo e disposto á esquerda da mesma. Por último, á dereita, recuado e cunha altura menor aparece outro corpo. O único elemento que dota de unidade aos tres elementos é a cornixa ameada realizada en cemento. Pero sen dúbida, a torre mantén a súa independencia non só polo seu volume senón que tamén pola súa ornamentación. Esta presenta un elemento lineal ascendente con tendencia ao xeométrico, que, por outro lado, tamén a dota de esvelteza e proxecta o brasón familiar cara ao ceo. As diferentes fachadas presentan galerías e unha numerosa sucesión de vans rectangulares. Feito este que nos traslada á idea da Villae renacentista e barroca italiana de apertura á natureza. Créase entón unha conexión visual non só coa natureza próxima do xardín, senón tamén coa cidade da que hai unha visión directa coa fachada da Catedral da Praza do Obradoiro.

Anexa á vivenda, no norte, aparece a capela. Na súa fachada aberta cara a oriente, móstrase un verdadeiro gusto polo medieval. Nela presenta un arco apuntado con tímpano decorado coa imaxe da Virxe e dous anxos. Así mesmo, a porta vai flanqueada por columnas acaroadas con capiteis vexetais. Sobre a fachada levántase un dos elementos máis singulares, a torre campanario, cuadrangular e con gárgolas en forma de aguia nos seus vértices.

Independentemente da arquitectura singular que presenta o pazo, non se pode deixar de falar da súa decoración. Os diferentes corpos veñen recorridos por frisos con decoración vexetal, a torre presenta formas estilizadas e xeométricas e en todos os ángulos aparecen gárgolas de cans ou aguias. Os cans temos que velos como un símbolo apotropaico (protector) na liña da mitoloxía grecolatina. Pois, xunto ás gárgolas, na torre, xorden tamén pequenos releves cun can de tres cabezas, o mítico Cancerveiro.

Finalmente, o último elemento destacable deste conxunto é o xardín, hoxe en día abandonado. Nel conviven desde especies exóticas como a omnipresente camelia, araucarias ou palmeiras xunto a especies autóctonas como acivros, buxos e carballos.

Sitúase no ángulo que conforma o río Sarela coa rúa do Carme de Abaixo.


Fotogrametría:

Propiedade: Descoñecida
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

LÓPEZ SILVESTRE, F. “O Pazo Residencial da finca do Espiño. Arquitectura e ideoloxía”. Santiago de Compostela, 1999.

http://www.galiciahoxe.com/index_2.php?idEdicion=262&idNoticia=79724
http://fincadoespino.wordpress.com/


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Na actualidade atópase completamente arruinado. O seu interior conforma unha montaña de entullos e tan só se manteñen en pé os muros exteriores que están apuntalados (http://www.lavozdegalicia.es/santiago/2011/07/16/0003_201107S16C19911.htm)


Onde está localizado

Latitude: 42.88263498458552
Lonxitude: -8.550903797149658
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84