Outra fotografía:

Tipo de ben: Mosteiro/Abadía/Cenobio/Priorado,
Concello: Crecente
Parroquia: Albeos (San Xoán)
Lugar: O Mosteiro.
Outra denominación do ben: Mosteiro de San Paio de Albeos.
Cronoloxía: Época Altomedieval, Época Baixomedieval,
Descrición:

Na parroquia de Albeos, lugar onde naceu San Paio, consérvanse en pésimas condicións as ruinas dun mosteiro románico de freiras bieitas.

As orixes deste cenobio remóntanse até o século X, momento no que o bispo de Tui, Hermoxio, mándao construír na honra do seu sobriño Paio, martirizado en Córdoba durante o califato de Abderramán III, no ano 925. Se ben, a actual obra que nos chega moi alterada, poderíase datar cara finais do século XII ou principios do XIII, pois presenta similitudes estilísticas con outras obras da zona e doutros lugares de Galicia, alén de que xa é mencionado na documentación como a doazón de Dona Urraca da metade do mosteiro ao bispado de Tui en 1071.

A día de hoxe, o mosteiro preséntasenos como un pequeno edificio de planta rectangular, carente de cuberta, invadido por unha grande mata de hedra e parte del empregado como alpendre.

Na fachada norte podemos localizar unha porta con arco de medio punto flanqueada por dúas columnas adosadas con capiteis de gran tamaño. Segundo Valle Pérez, trátase de elementos pouco frecuentes en Galicia e cunha función máis ornamental que funcional. Elementos similares atópanse en San Martiño de Moaña ou Santa Mariña de Lamas en Campo Lameiro. Anexa a esta fachada aparece unha pequena dependencia parcialmente soterrada, dela sobresae o arco da porta cun impresionante tímpano decorado por anverso e reverso. Posiblemente esta porta fose o acceso ao brazo do cruceiro (orixinalmente tería planta en cruz latina) polo norte. Os motivos que mostra o tímpano son: no seu anverso unha Maiestas Domini flanqueada por anxos, e no reverso unha cruz entrelazada enmarcada nun cadrado. Sobre este tímpano, atopamos paralelismos temáticos en exemplos portugueses como os de São Salvador de Bravães ou São Pedro de Rubiães. O tema da cruz de lazos non é allea a outros exemplos galegos, nos que se lle concede un valor apotropaico como no caso de San Martiño de Ferreira (Lugo), Santiago de Bembrive (Vigo), etc. Outro dos elementos desta porta son as mochetas sobre as que se sustenta o tímpano, que semellan cabezas de carneiro aínda que moi deterioradas. Con estes datos, o tímpano resulta ser unha clave fiable para a datación do mosteiro entre os séculos XII e XIII.

Na panda oposta, na fachada meridional, existe un arco de medio punto que podería considerarse posterior á primitiva construcción e que na actualidade aparece tapiado.

Ademáis dos xa citados elementos, outros que se conservan son unha lauda cunha efixie feminina (posiblemente unha abadesa), un sillar cunha cruz inscrita nun círculo. E tanto no interior como espallados polos seus arredores atópanse dous capiteis, un soporte de altar, unha lauda con cruz patada, unha dovela co escudo dos Soutomaior e restos do que poido ser unha pía bautismal reaproveitada como canle de rego.

Finalmente, dado que parte da construcción aparece parcialmente soterrada, sería preciso levar a cabo actuacións arqueolóxicas e desde logo unha urxente actuación de limpeza da vexetación e consolidación dos muros para a súa conservación.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Agrícola
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://www.academia.edu/378379/Los_vestigios_del_monasterio_de_Albeos_Notas_para_la_actualizacion_de_un_monumento_romanico_en_estado_de_abandono
http://osorrisodedaniel.blogspot.com.es/2012/06/albeos-desesperadamente-abandoado.html
http://www.farodevigo.es/galicia/2011/04/03/sea-propietario-iglesia/532421.html
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/06/23/galicia/1340475137_553364.html


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.14322453066919
Lonxitude: -8.25209766626358
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84