Outra fotografía:

Tipo de ben: Mosteiro/Abadía/Cenobio/Priorado,
Concello: Baiona
Parroquia: Baiona (Santa María)
Lugar: Baiona
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

A portada da igrexa resólvese cunha porta alintelada e enmarcada por unha composición festonada. Enriba dela unha fornela coa imaxe de Sto. Domingo de Guzmán. A igrexa dunha soa nave, foi reedificada totalmente no século XVIII. Na fachada principal ten tres escudos nobiliarios que acreditan o padroado da fundación. Unhas pilastras de estilo clasicista sosteñen os arcos formeiros. A nave esta dividida en dous, unha para o pobo e outra, separada por rexería, para a clausura. A bóveda do presbiterio ten un artesoado de madeira encasetada con pinturas, realizado en 1865.
O retablo maior é obra de Antonio del Villar do ano 1745 e ten gran calidade pola súa elaboración ornamental.
A súa planta é cóncava e apoia nun sotobanco con talla vexetal e serafíns laterais, que con moita probabilidade foi aproveitado doutro retablo cando se fixeron as reformas na capela.
Na rúa central presenta o sagrario rematado no expositor. Este serve de base da gran fornela central do primeiro corpo, con cúpula gaionada apoiada en estípites, que acolle o grupo da Anunciación. Nas rúas laterais deste primeiro corpo, centradas por columnas salomónicas moi ornamentadas, hai fornelas máis pequenas con arco de medio punto, coas imaxes de Santo Domingo e San Francisco.
No ático resalta a rúa central polos estípites sobre apoios destacados para acoller unha cornixa voada. Na fornela está San Telmo. Nas laterais, Santo Tomás e Santa Catarina de Siena. Remátase co escudo da orde de Sto. Domingo. O retablo do Rosario, adosado ao muro dereito, ten banco situado mesmo enriba da mesa do altar e un corpo dividido en tres rúas. As laterais están adornadas con pequenas pilastras decoradas, e as súas caixas son planas, en arco e rematadas en cartelas. Nelas están S. Xosé e S. Vicente Ferrer. A rúa central, tamén plana, cérrase en semicírculo. Acolle a Virxe do Rosario. É unha obra tardía tamén de Antonio del Villar e dourado por Xoán del Rial.
Polos documentos consultados tense noticia da existencia doutro retablo, pero na actualidade non hai constancia del.
O Convento das MM Dominicas da Anunciación responde á tipoloxía da época dun templo con dous claustros ó redor dos que se desenvolven os distintos elementos edificatorios dependendo das necesidades e que forman un conxunto de construcións que se foron realizando ao longo de cinco séculos.

No ano 1547, o abade de Baiona, Sebastián Varela fundou o mosteiro baixo a Regra de S. Agostiño e as Constitucións de Sto. Domingo, cunhas mulleres que vivían neste cenobio adicadas á oración. Máis tarde foi confirmado por Bula Papal do Papa Paulo IV o 27 de setembro de 1547.
A primeira abadesa foi dona Elena de Cea.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/BAIONA/documents/0712CA001.pdf


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.120009258396315
Lonxitude: -8.84987086057663
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84