Outra fotografía:

Tipo de ben: Fortificacións urbanas,
Concello: Ourense
Parroquia: Ourense
Lugar: Rúa Xullo Prieto Nespereira
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

Restos da Porta da Aira incrustados nunha fachada do comezo da Rúa Xullo Prieto Nespereira en Ourense.
Temos un recuncho interesante, trátase dos restos (parte dun piar) da que foi unha das portas de entrada á cidade na Idade Media.
A primeira referencia documental da “Porta da Aira” é do ano 1388, que tras diversas modificacións e avatares históricos foi derrubada definitivamente no ano 1837, cando se dispuxo a demolición xunto coa Porta da Burga e a da Horta do Concello. “noutra época puideron ser útiles hoxe impiden a franca ventilación”.
Os actuais restos da porta son do século XVII, construída en orden toscano, con sillares almofadados e nas pilastras, e estaba situada sobre a Porta da Aira orixinaria, á que sustituíu, que era moi estreita e tiña dous torreóns, un a cada lado.
Encoméndase o seu deseño no ano 1616 ao mestre canteiro Antonio Martínez de Araque, ca obriga de construíla nese mesmo ano, se ben parece que non foi rematada ata outubro de 1617, ademais de posteriores reparacións ata o ano 1621.

Para entender o significado cultural, histórico e sentimental da “Porta da Aira” en canto que é unha das construcións máis emblemáticas da cidade de Ourense da Idade Media e a única porta da que perduran documentación gráfica e restos físicos relevantes, cómpre facer un pequeno resumo da historia da cidade co gallo de contextualizar as causas da construción das portas da cidade, as múltiples vicisitudes acaecidas durante tantos e tantos séculos, e por último as causas que levaron aos nosos devanceiros a derrubalas hai tan só 176 anos.

En 1385, entra en Galicia o Duque de Lancaster, pretendente da Coroa de Castela e aliado de Xoán I de Portugal, que se proclamara en Ourense Rey de Castela. Isto provoca que o bispo Pascual levante un muro de protección. Dende a finalización da construción, a cidade queda cercada por un “vergoñento” muro. A muralla estaba formada polas partes traseiras das casas e as partes máis pequenas eran pechadas por tapias. A muralla contaba con 13 portas polas que había necesariamente que pasar para entrar ou saír da cidade.
Esta decisión determinou que a cidade quedase entalada nun contorno perfectamente definido que se mantivo inalterable ata mediados do século XIX.

A “Porta de Aira” foi resposta á expansión urbana cara o sur durante a Idade Media e Moderna. Era coñecida polo seu esplendor e significado, cando se recibían alí aos que entraba en Ourense dende o camiño de Castela, aínda que tamén era a porta por onde saían os galegos que marchaban á seitura cara Castela, e moitas veces non voltaban polos atracadores dos camiños.

Ao longo do s.XIX a nosa cidade mantívose practicamente inalterable respecto do seu entramado medieval e non será ata finais dese século cando a vella Auria inicie o seu despegue cara o desenvolvemento urbano.
As portas da cidade foran desaparecendo no século anterior. En 1837 acórdase expresamente derrubar as 3 que quedaban en pé, entre elas a Porta da Aira.
A mención máis antiga sobre as portas da cidade figura nun “privilexio” concedido á cidade de Ourense por Fernando IV do ano 1310, no que se manda que “tenga ensina de seu e que tenga las llaves de la puerta de la villa”.

Pegados á “Porta da Aira” existen restos visibles da antiga cerca da cidade de Ourense, que estaría formada por paredes das casas e por peches de hortas interiores do casco urbano, sen que se poda constatar unha protección medieval con entidade suficiente para considerala unha muralla.

Foi unha verdadeira desgraza que botaran abaixo as trece portas da cidade, suprimidas no século XIX ao considerar que atentaban contra a salubridade da cidade. O acordo municipal foi cando menos pintoresco porque sostiñan que a cidade de Ourense non podía respirar, que a cidade estaba oprimida pola cerca e polas portas e que había que derrubalas para que entrara o aire na cidade. A realidade era que, malia as ordes do Concello para que os encerrasen, os animais de granxa, porcos e galiñas pululaban pola vía pública, e as augas fecais eran botadas á rúa sen ningún tipo de control, logo as autoridades públicas locais daquela época foron maiormente os responsables desta perda irreparable para o patrimonio de tódolos ourensáns.

No ano 2004 despois de un control arqueolóxico, decidiuse facer tres actuacións sobre os restos do machón da porta: Numeración dos sillares, desmontaxe, e posterior montaxe con consolidación das pezas. Realizáronse as dúas primeiras accións, pero a terceira aínda non se fixo, nin se coñece o paradoiro dos sillares retirados.
Desmontáronse as pezas superiores, quedando a base formada por cinco pedras das doce que quedaban no referido machón.

Información: ourense3d.blogspot
Fotos: Francisco Vázquez Fontes


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Non está inventariado
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

-Intervenciones recientes en Porta da Aira (Ourense): los controles arqueológicos de 2001 y 2004 José María Eguileta Franco
http://ourense3d.blogspot.com.es/
http://ourensenotempo.blogspot.com.es/2008/09/porta-da-aira.html
http://ourensenotempo.blogspot.com.es/2010/10/porta.html
http://works-3d.blogspot.com.es/2012/12/porta-da-aira-1388-1837-ourense-rua_20.html
http://estudiosgen.com/profiles/blogs/1606-casa-en-la-antigua-porta
http://outubristas.blogspot.com.es/2012/02/porta-da-aira.html#!/2012/02/porta-da-aira.html
http://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com.es/2012/01/de-guardia-con-la-junta-de-sanidad-en.html


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Moi malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.331791139641254
Lonxitude: -7.86308884620666
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84