O balance dos primeiros meses en funcionamento de patrimoniogalego.net non podería ser máis positivo. En apenas cen días, o novo catálogo social dos bens culturais galegos converteuse no maior inventario on line do noso patrimonio, e as cifras increméntanse día tras día en virtude da colaboración desinteresada dun cada vez máis nutrido número de catalogadores.

E é que patrimoniogalego.net funciona dun xeito semellante á Wikipedia. Con soporte WordPress, é un Sistema de Información Xeográfica (SIX) aberto á cidadanía e sen ánimo de lucro. De feito, calquera persoa pode participar no catálogo inventariando aqueles bens culturais que coñeza. Só ten que se rexistrar como catalogador no inventario e animarse a fotografar os elementos que desexe e a introducir datos relativos a eles.

Polo de agora, só se contempla a introdución de información referente a bens culturais inmobles, como son os castros, dolmens, petróglifos, cruceiros, fontes, hórreos, pallozas, templos, pazos, fortalezas, edificios urbanos senlleiros, etcétera. Os usuarios dispoñen de material no propio catálogo que lles facilitará este labor, dado que ofrece unhas fichas descritivas que poderán cubrir in situ cando realicen algún traballo de campo.

Unha vez inventariados os elementos, calquera outro catalogador pode ampliar os datos, engadindo nos comentarios unha descrición máis detallada ou observacións sobre o seu estado de conservación. En todo caso, as fichas serán revisadas polo equipo de editores de patrimoniogalego.net co fin de corrixir posibles erros na catalogación dos bens culturais e completar a información cos datos necesarios.

Preservar o patrimonio cultural galego e poñelo en valor

A finalidade última deste catálogo social non é outra que axudar a conservar o patrimonio galego. Neste senso, ten tamén como obxectivo facer partícipes aos cidadáns da posta en valor e da preservación dos seus bens culturais, en particular daqueles monumentos que se encontran en perigo. De feito, o inventario conta cunha lista vermella á que se van engadindo os elementos en peor estado de conservación ou cun maior risco de sufrir danos e mesmo desaparecer.

O que é xa un referente a nivel galego entre os interesados polo patrimonio cultural naceu na rede social Facebook a iniciativa do mestre da USC Manuel Gago, quen creara unha plataforma denominada “Eu participaría dunha Mesa polo Patrimonio de Galicia”. A partir de entón, fóronse producindo adhesións a este proxecto que botou a andar o 17 de maio, Días das Letras Galegas, deste mesmo ano.

Ademais de Gago, que se ocupa do deseño e do desenvolvemento da web, patrimoniogalego.net conta cun completo equipo de persoas que se encargan de que o catálogo saia adiante e siga sumando apoios. Xurxo Salgado e Félix Aragunde integran o Gabinete de Comunicación. Xosé Gago, Adela Oyonarte, Franjo Padín e Carmela Sánchez Arines conforman o corpo de Editores. E Milagros Bará, Álex Bragaña e Soledad Felloza integran o corpo de Produción.