Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Betanzos
Parroquia: Betanzos
Lugar: Betanzos
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

San Francisco está situada no casco antigo de Betanzos, baixo o adro de Santa María. Posúe dous accesos: o principal pola rúa dos Cabildos e o secundario pola rúa de San Francisco. O templo é un dos mellores exemplos do gótico mendicante franciscano de entre os existentes na península, destacando na súa tipoloxía o papel funerario. No ano 1919 foi declarado Monumento Nacional.
Sobre uns terreos nos que se di que estiveron os templarios, fundou Fernán Pérez de Andrade, a partir de 1385, un convento co seu templo gótico, destinado á Orde dos Franciscanos. Máis adiante, o templo convertiríase no panteón onde descansarían os restos do seu fundador e os da súa estirpe.
O edificio presenta planta de cruz latina e unha soa nave con arcos transversais. A súa cabeceira posúe planta poligonal, con amplos muros laterais e testeiro formado por cinco estreitos e altos panos rectos -entre contrafortes de ángulo-. A súa cubrición faise a través dunha bóveda nervada en abano. Catro dos panos verticais son calados por altas ventás divididos con finos maineis, tendo o pano central un rosetón no alto e baixo del ventás máis pequenas. A ambos lados desta capela maior ábrense no muro oriental do cruceiro outras dúas, de igual tamaño, cubertas con sinxelas bóvedas de crucería e de planta cadrada. É notable que a maior énfase constructiva do edificio concéntrase na cabeceira e o cruceiro – cuns brazos cubertos con bóvedas de canón apuntado-, mentres a nave cóbrese cunha teitume de madeira a dúas augas.
Ocupando os laterais da capela maior enterráronse, no seculo XIV, Fernán Pérez de Andrade o Boo e a súa dona, Sancha Rodríguez, rodeados dunha rica decoración de relevos cinexéticos de contido e significación moralizante. Na capela da esquerda repousaban os restos do seu irmán Juán Freire de Andrade, mentres que na capela da epístola enterrouse o seu sogro Ares Pardo. Correspondentes ó século XV son as capelas situadas nos extremos do cruceiro; a da esquerda foi levantada por Juán Núñez Pardo, pai do Mariscal Pardo de Cela, e na do extremo dereito enterrouse o rexedor de Betanzos Jacome Mouro Reimóndez. É tamén deste século a capela lateral esquerda da nave do templo. Ó XVI correspóndese a capela renacentista situada no muro lateral dereito da nave, que lle foi atribuída a Juán de Herrera.
No século XVIII, e co fin de instalar an ábsida un gran retablo do escultor Ferreiro – que se perdeu no incendio do 22 de xullo de 1936- retiránronse os sepulcros de Fernán Pérez de Andrade e dona Sancha, destruíndose deste xeito unha parte importante do conxunto escultórico gótico que representa ó Pantocrátor. Na actualidade, o sepulcro do fundador sitúase no centro do nártice, mentres que o da súa dona está recollido, moi deteriorado, no museo das Mariñas.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

– SORALUCE BLOND, J.R.; FERNANDEZ FERNANDEZ, X.: «Arquitecturas da provincia da Coruña, Abegondo, Betanzos, Irixoa, Miño, Paderne e Vilarmaior», Vol.VII, Deputación Provincial da Coruña, 1997.


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.28232917572066
Lonxitude: -8.211333453655243
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84