Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Tui
Parroquia: Tui (O Sagrario)
Lugar: Tui
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

A catedral de Tui é a menos historiada de todas as catedrais galegas. Cítase o castro do monte Aloia como asento e fortificación dos primitivos poboadores da zona e segundo as hipóteses da dominación romana, os habitantes do Aloia víronse desprazados ao terras baixas das marxes do Miño. Nos primeiros séculos da era cristián xa existía a diocese de Tui, cara o século IV aparecen documentados nomes dalgúns prelados. Na parte chan que ocuparon os habitantes de Tui, os beneditinos levantaron un mosteiro e unha igrexa baixo a advocación de San Bartolomeu, Sixto, Lourenzo e Hipólito. Trátase do barrio de San Bartolomeu que está dotado dunha igrexa románica de gran interese arquitectónico.
Dona Urraca, irmá de Afonso VI e do Rei García, nunha escritura de 1071, fai constar que no lugar referido se tiña construída unha catedral en honor de Santa María para repoñer a nova sede episcopal despois dun largo período vacante a raíz da invasión dos Normandos en 1015, posiblemente feita por Olaf Haraldsson, antes de ser Rei de Noruega, onde foi saqueada e incendiada e o seu bispo Afonso e varios clérigos foron feitos prisioneiros. A antiga catedral que estaba na parte baixa do Miño foi destruída e de aí que fixeran a nova nun lugar alto e de mellor defensa. Baixo a prelatura do bispo Afonso II (1100–1130) tratouse de erixir unha catedral, pero foi o bispo paio Méndez (1131-1155) ao que Afonso VII doara unha torre fortificada na parte alta da diocese en 1142, quen levou a cabo o proxecto.
Posteriormente en 1170 Fernando II trasladou o poboado a este lugar que ocupa a actual cidade de Tui, amurallándoo e protexéndoo contra os ataques inimigos. Xunto a fortificación do pazo episcopal levantouse a igrexa catedral dedicada a Santa María. No ano 1180 hai noticias da execución das obras e cara o final do primeiro terzo do século XIII procedeuse a cubrición das bóvedas e no 1232, durante o bispado de Esteban Egea (1218–1239) tivo lugar a consagración do templo catedralicio en 1225. Ven sendo pois unha das primeiras construcións de estilo gótico de toda a Península Ibérica.
A catedral de Tui ten planta de cruz latina co brazo maior moi curto, e as naves, ininterrompidas, teñen tres arcos. As ábsidas da catedral, hoxe desaparecidas, parecen ter sido rectangulares. Tanto estas como o cruceiro e as naves menores teñen as súas raíces no románico dos fins do século XII, movéndose dentro do estilo oxival do XIII, o brazo maior e as partes altas do templo. Dentro da parte románica, e máis antiga, estarían os piares de sección cuadrangular que levan semicolumnas acaroadas, os das naves do brazo maior de núcleo cilíndrico e pequenas columnas tamén acaroadas, son oxivais e de posterior fabricación.
As naves menores levan bóveda de aresta, mentres que as maiores, ao ter arcos faixóns e formeiros apuntados, teñen bóvedas de cruceiría e nervios,oxivais, que sufriron restauracións. No 1627 tivo que ser restaurada a parede limítrofe co pazo arcebispal, e sobre a porta do coro, en 1715, tivo que introducirse un arco. No ano 1732 houbo que apuntalar a bóveda cara o claustro e en 1755 e 1761, a raíz dun terremoto o edificio entrou en total ruína. Foi o arquitecto Fernando Domínguez y Romay quen recoñeceu o estado da igrexa, avogando no seu informe polo levantamento dun novo templo. O Cabido, sen embargo, encargou as obras o mestre Domingo Novás, natural da freguesía tudense de Pazos de Reis, que se comprometeu a restaurar a catedral nun prazo de ano e con todas as garantías. A restauración rematou no 1796, data da que son, posiblemente, algúns dos tirantes colocados nas naves e outras reparacións realizadas nas bóvedas.
As naves menores da catedral están iluminadas nos tramos por medio de ventás estreitas provistas de arquivoltas. A galería substituíuse polo triforio, característico do estilo oxival e de tradición francesa, Pedro Beltrán, prelado da diocese entre 1487 e 1505, transformou a cabeceira da catedral derrubando as ábsidas antigas e acometendo as obras da capela maior, Santiago, San Pedro e a Sancristía, que se remataron no 1499. Durante o século XVIII fíxose a capela de Santa Catalina e a sala capitular, obra dos arquitectos pontevedreses Xosé Parada e Xosé Gamallo.
O amplo claustro comezouse mediados do XIII, ten tramos do XIV e tivo restauracións no XVI.
No exterior da catedral destaca a portada oxival, un dos elementos máis destacados do templo, dentro dun pórtico rachado por dúas grandes oxivas. O tímpano, dividido en dúas zonas horizontais amosa os baixorelevos da adoración dos Reis Magos e os Pastores, coa cidade de Xerusalén ao fondo, así coma a representación de Fernando II e Dona Urraca, os monarcas fundadores. Das esculturas das columnas do século XIV destaca a de San Fernando. A fachada principal flanqueada por dúas torres almeadas conserva o pórtico do século XV e a escalinata correspondente ao século XVIII, rematada en frontón onde destaca un óculo e un Agnus Dei. A fachada norte do cruceiro amosa unha portada románica e a torre das campás, do século XII, pero a que se lle engadiu o último corpo e a torre do reloxo, almeada e unida á anterior, no século XVIII, e na planta baixa ten dúas ventás de arcos apuntados.
No interior destacar o Retablo da Expectación, popularmente coñecido como “Altar da Preñada”, situado no brazo sur e de época barroca ( séc. XVIII), representa a Virxe María embarazada, e ten figuras de Adán e Eva e fai referencia tamén as promesas mesiánicas.
O altar relicario da Capela das Reliquias, tamén do XVIII, o Retablo do Monumento, sobre a porta do cruceiro norte, que consta dunha escaleira que se garda dentro do retablo, ao ser esta desmontable, e que se retira en Semana Santa para compor con todo o conxunto un “monumento” na celebración de Xoves Santo.
Na capela maior está situado o coro executado en 1699 por Castro Canseco e no Museo Catedralicio que ocupa o espazo da Capela Santa Catalina, formada por pezas que compoñen o Tesouro Catedralicio, expóñense ornamentos sagrados entre os que se poden ver a talla da Virxe coñecida como “A Patroa”, datada de finais XIV, a custodia procesional realizada polo ourive Juan de Nápoles Mudarra en 1602 e restos do primitivo retablo maior de pedra calcaria.
O Claustro é o único conservado das catedrais galegas, de estilo gótico e construído no século XIV, con arcadas oxivais e bóveda de cruceiría, nel podemos ver pezas procedentes de escavacións arqueolóxicas, do antigo coro románicao e sarcófagos medievais, laudas visigóticas e antigas reixas da catedral.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Equipamento
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Web con un paseo virtual, moi recomendable.
http://www.turgalicia.es/fotos/IMAGENES/FLASH/ARQUITECTURARELIGIOSANP/vtour_tui/index.html
Web con planos e maquetas en:
http://videalab.udc.es/es/catedral_virtual_tui_modelado_exterior


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.046145635306104
Lonxitude: -8.644582629203796
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84