Outra fotografía:

Tipo de ben: Castro / Outros xacementos da Idade do Ferro,
Concello: Redondela / Soutomaior
Parroquia: O Viso (Santa María)
Lugar: Saramagoso
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade do Bronce, Idade do Ferro, Época Romana,
Descrición:

O Castro da Peneda aínda conserva restos da súa muralla, que vai paralelo á estrada actual. Nalgúns sitios supera os 2 metros de grosor e está feito con pedras grandes irregulares, dispostas en dúas fileiras, entre as que se botaba terra e pedras menores; e de tres vivendas circulares, de 3,30, 3,60 e 4,60 metros de diámetro, con parede de pedras graníticas irregulares postas sen orde, de 45 a 65 centímetros de grosor. Non quedan restos da entrada. Tamén podemos ver a entrada do que puido ser unha mina romana.

Son moitos os obxectos que se atoparon espallados no seu contorno: un caldeiro de bronce, un coitelo, agullas, fibelas e alfinetes; varias machadas pulimentadas, muíños, ánforas e cerámica decorada ou pintada… Todos estes achádegos atópanse depositados no Museo de Pontevedra.

Como achado interesante tamén está un “cuncheiro” con abundantes restos de moluscos, indicador da importante actividade marisqueira que existía. Este xacemento, desde antigo, foi obxecto de diversas prospeccións que deron materiais que cronoloxicamente abarcan desde o bronce final ata a época romana . Nel apareceron fragmentos de cerámica propiamente castrexa, se se ten en conta a súa tipoloxía, técnica e decoración, xunto cun pequeno fragmento de ánfora romana.


Fotogrametría:

Propiedade: Comunal
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta: GA 36053001
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:

O SUBTERRÁNEO DA PENEDA

Dicían as xentes do lugar da existencia dun subterráneo que, partindo da cima do monte de A Peneda, chegase ó castelo de Soutomaior por unha parte, cando precisamente o castelo de Castrizán, levantado polo arzobispo Fonseca, servía para vixiar a Pedro Madruga, amo e señor do mesmo, e que pola outra tivese as súas bocas de saída na ponte do Canal e en Pontesampaio. Ademais cóntase, que por ditos ramais, na batalla deste mesmo nome contra os franceses, durante a Guerra de Independencia, enviáronse reforzos ás tropas do xeneral Morillo, cando o dispositivo das tropas de dito xeneral asentaba na parte de Arcade e a dos franceses en Pontesampaio e precisamente ó ver o Mariscal Ney, que mandaba ditas tropas, que non era capaz de vadear o río, tratou de cruzalo moito máis arriba para atacar as forzas españolas polas costas, enviando unha columna formada por un batallón de infantería e un escuadrón de cabalería cara Pontecaldelas. Na ponte deste pobo foron rexeitados, tendo que retirase cara Pontevedra, non sen antes ver abatido a seu orgullo ante aquel exército mestura de militares, estudantes e paisanos.

Esta lenda tal vez teña a súa orixe na presenza, no mencionado monte da Peneda e un pouco máis abaixo da muralla que circunda a ermida, dunha boca de entrada a unha especie de mina ou cova.

O MISTERIO DAS LABAZADAS DA COVA DA PENEDA

Na cova situada un pouco máis abaixo da muralla que circunda a ermida de A Peneda, era crenza entre os habitantes desta zona que todo aquel que entrase na cova , recibía labazadas por uns seres extranos que tiñan a súa guarida na mesma. Dita crenza estaba moi estendida e os que ousaban desentrañar o seu secreto, a pouco de entrar retrocedían apresuradamente, pois era tal o número de labazadas que recibían que o pánico máis enorme se apoderaba deles. Un bo día D. José Solla Bouzas, en unión doutros amigos e provistos dunhas potentes lanternas, co ánimo de desentrañar o secreto de referencia, penetraron no seu interior, quedando fora un dos seu acompañantes, por carecer de valor suficiente para seguilos na súa temeraria empresa e grazas a quen puido aclararse a verdade do que había alí dentro. En efecto, a pouco de avanzar polo seu interior recibiron tal número de labazadas que de non ser varios os que habían entrado a bo seguro que terían desistido do seu propósito e retrocedido ó exterior. Pero unha vez comprobado de que se trataba dunha explotación mineira, probablemente romana e ter collido diferentes obxectos que o atestiguan, ó saír ó exterior foi cando se aclarou o misterio da cova, o dos seres extranos que recibían a labazadas a todos aqueles que tentaban penetrar nela, pois o que tiña quedado fora viu saír unha cantidade de morcegos tal, que seguramente que ó asustarse pola acción da luz das lanternas, coas súas as tropezaron na cara dos visitantes da cova e deron a estes a sensación de ter recibido unhas labazadas, extremo que con toda franqueza fixeron constar ó saír ó exterior e que os seguiría mantendo na dúbida e o engano, dando novamente vida á lenda.

                                   

                                    LENDA DE MOUROS

“Ó pé da sobreira está enterrado un tesouro de mouros”. – “Na cova dos mouros, hai tesouros enterrados. Non fai moitos anos un home da parroquia andaba aparvado de tanto dicirlle que había ouro na mina dos mouros. Xa non sabía falar doutra cousa, ata que un día foi buscar o tesouro enterrado. Ó pouco, os labregos que traballaban nas veigas do pé do castro escoitaron:

– ¡Vou para toda miña vía!¡Vou para toda a miña vida! – ¡Ven cargado!¡Atopouno! Berráronlle.E pensando que atopara o tesouro:- ¡Reparte con nos! ¡Reparte con nos! – ¡Vou repartir carallo, que din co picachón na fronte!”


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

BIBLIOGRAFÍA:
COUÑAGO, Xosé: “Elementos da prehistoria de Redondela”.
VÁZQUEZ VARELA, J. M.: “Estudio de la fauna marina de los concheros de los castros de A Peneda e Montealegre (Pontevedra). 1975, Gallaecia Vol. I.
GARCÍA ROLLÁN, Mariano: «La Peneda del Viso». Museo de Pontevdra, 1974.
REBOREDO TAJES, Manuel. “A cultura castrexa nos vales dos ríos Lérez-Almofrei e Vedugo-Oitaven”. Tese de doutoramento. Universidade de Compostela. (Páxina 573 a 583)
SOTO LÓPEZ, Antonio: «As lendas mouras na bisbarra de Redondela». GALLAECIA 9-10
LIS QUIBÉN, Victor: «Santuario de Nuestra Señora de la Peneda».
GONZÁLEZ CRESPO, Cesar M. “La resolución del enigma de Turoqua consolida la tesis de Burbida-Vigo”. 2015 (En liña)

ENLACES WEB:
http://www.pxomsoutomaior.com/documentacion/TOMO%20V_%20CATALOGO%20DE%20BENS%20A%20PROTEXER_Vol3.pdf (Ficha 1)
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/REDONDELA/documents/0906CA001.pdf (Páxina 2)
http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/2011/07/castros-de-galiza-ii.html
http://galiciaencantada.com/dentro.asp?c=5&id=1526&n=a_bruxa_do_monte_da_peneda


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

Os restos das casas dos castros atópanse sen sinalizar e cubertos de maleza. A mina romana está chea de pintadas, basura e prácticamente tapada pola vexetación.


Onde está localizado

Latitude: 42.3261377994
Lonxitude: -8.59009623528
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84