Outra fotografía:

Tipo de ben: Escudo / Epígrafe, Pazo / Casa Grande, Hórreo, Alpendres e edificios auxiliares,
Concello: Tui
Parroquia: Randufe (Santa María da Guía)
Lugar: A Pousa do bispo.
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

En tempos coñecida como Granxa das Sobreiras debido ao bosque de sobreiras que tiña, será a partires do século XVIII e debido ás estancias estivais dos bispos tudenses cando comece a chamarse Pousa do bispo. A orixe da propiedade episcopal remóntase a unha doazón realizada polo rei Afonso X o Sabio no ano 1260 pero a construcción do pazo débese ao bispo D. Juan García Valdemora do cal consérvase o blasón na fachada leste.

O pazo estaba destinado a lugar de ocio dos bispos de Tui durante o verán e a súa finca orientada á explotación agraria. O seu acceso faise mediante un gran portón alintelado. Este consta dun primer nivel cuadrangular con porta alintelada e remate con cornixa sobre a que se eleva un frontón coroado por unha sucesión de molduras cóncavo-convexas e flanqueado por pináculos. No centro do frontón aparecen as armas do bispo García Benito e unha cartela coa data de 1800. En canto ao pazo, seu plan é en escuadra, mostrando un alzado a base de paramentos graníticos moi sinxelos. A fachada principal, orientada cara o sur, mostraba un soportal alintelado cun só piar cuadrangular. Na actualidade foi reformada e o alintelamento transformouse en dúas arcadas. Ao leste presenta un balcón sobre ménsulas decoradas con motivos xeométricos.

Entre as dependencias destinadas ás labouras agrícolas temos en primeiro lugar a adega, que está considerada como unha das máis antigas de Galicia. A ela accedíase antigamente por un camiño flanqueado por camelios e no interior posúe un lagar de considerables dimensións. Outro dos elementos son o hórreo, obra do bispo García Benito a finais do século XVIII, e que con catorce pés dá conta das súas proporcións e tamén da grande producción agrícola da finca. Por último están os cortellos que se atopan á esquerda do camiño de acceso ao pazo e nun lintel amosan a data de 1796. A parte inferior era a que estaba destinada a corte do gando e cabalerizas mentres que a superior era para vivenda dos criados e caseiros.

No tocante aos elementos de lecer ou de ambientación paisaxística temos o miradoiro dos bispos, que estaba sobre os muros da finca e desde o cal se obtiña unha panorámica da cidade de Tui. Na actualidade e por mor da construcción da autoestrada, este tivo de ser trasladado. O feito de que a finca posuira grande número de mananciais, fixo posible o aproveitamento hídrico para fontes e estanques. Deste xeito temos a fonte de Don Diego de Vela, con frontón triangular partido cunha cruz no centro e na base a inscripción co nome do bispo e a data de 1633. Esta fonte desauga a través dunha canle nun estanque que noutrora funcionaba a xeito de viveiro de troitas. Complétase o seu espazo mediante bancos corridos e mesas de pedra. Outro estanque é o que se ubica diante da fachada leste.

A importancia desta finca en canto ao seu rendemento agrícola, fixo que nos anos vinte do século XX xurdise a idea de transformala en Escola práctica de agricultura e acción social anexa ao Seminario tudense coa intención de que os párrocos adquirisen coñecementos nos avances agrícolas, e deste xeito aplicalos e difundilos aos seus fregueses coa fin de acabar co atraso agrícola. Tamén a Deputación Provincial de Pontevedra quixo crear un Instituto de investigación xenética animal e vexetal. Sen embargo ningunha das iniciativas prosperou e chegado o ano 1957, o bispo Frei José López Ortiz vende o pazo para sufragar os gastos do traslado da sé episcopal a Vigo.

Na actualidade a finca foi convertida nunha urbanización e o pazo, tras a reforma levada a cabo durante a primeira década de 2000, viu alterada gravemente a súa fisionomía orixinal.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Residencial
Código no Catálogo da Xunta: CT/03-ARQ/22
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

VILA BOTANES, S. “Pazos e casas de Tui. A arquitectura civil en Tui e Valença”. Tui, 2000. (pp. 35-43)

http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/TUI/documents/27513CA103.pdf (ficha 22)


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.0531883332397
Lonxitude: -8.657843470573425
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84